Feijóo atribúe case en exclusiva aos incendiarios o "problema" dos lumes en Galicia

Feijóo, xunto a brigadistas nunha foto de arquivo © Xunta

"O máis triste é que dedicamos moitos cartos á extinción que deberiamos dedicar a mellorar os montes, a coidalos, á prevención... Lamentablemente, os incenciarios non deixan que sexa así cando aparecen incendios de forma simultánea en 5 ou 6 lugares e á noite co único interese de facer dano". Con esta reflexión, Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta, quixo resumir a difícil situación dos montes galegos, asolados por unha nova vaga de incendios neste verán. Nunha entrevista en RNE, o xefe do Executivo galego recoñeceu que o país "ten un problema" pero situouno sobre todo no feito de que "na conduta de determinados cidadáns porque hai moita xente que queima o monte". 

"O máis triste é que dedicamos moitos cartos á extinción que deberiamos dedicar á prevención... Lamentablemente, os incenciarios non deixan que sexa así"

"É evidente que temos un problema cando nun día hai 66 incendios, cando se queima e prende o monte de madrugada ou os incendios empezan ás 8 ou 9 da noite e os avións non poden voar... Temos un problema pola conduta de determinadas persoas, por moita xente que queiman o bosque, polos incendiarios", asegurou Feijóo que atribuíu tamén a problemática ao feito de que "o 70% da poboación galega viva nas cidades e os montes xa non estean tan coidados". Malia todo, algúns dos máis destacados lumes dos últimos anos tiveron unha orixe fortuíta -como o das Fragas do Eume de 2012-, pero causas estruturais provocaron que os danos fosen maiores. Daquela, o presidente da Xunta tamén culpara os incendiarios. 

"Están poñendo ao límite as nosas forzas. Esta actividade incendiaria había tempo que non a lembrabamos e precisamos a axuda dos cidadáns para quen se dedica a queimar o noso patrimonio. É unha actividade destinada a crear o caos", dixo Feijóo logo nunha comparecencia xunto a Mariano Rajoy, na que cuantificou en 6.000 as hectáreas queimadas no país no que vai de ano. 

Aínda así, lembrou que a media de hectáreas queimadas anualmente en Galicia non é moi elevada comparada coa doutros territorios a pesar de que hai moitos lumes, "o que demostra a enorme efectividade do servizo contra incendios porque a maioría dos incendios axiña se apagan e a extensión é contida". "Ademais, case todo o que arde en Galicia, máis do 60%, non é arbolado", engadiu, tras insistir en que no país "é raro que un incendio pase de 300-300 hectáreas". 

Feijóo cre que a media de hectáreas para un territorio como Galicia non é moi elevada

Respecto á posible vinculación destes incendios coa nova Lei de Montes que pode permitir a recualificacion de montes queimados, Feijóo lembra que "en Galicia cada ano hai máis árbores có anterior". "Entre a capacidade de reforestación case automática, a repoboación a instancia das administracións ou os investimentos dalgún propietario, o problema é pouco neste caso", asegurou. 

Por outra banda, neste mesmo martes os efectivos da loita contra o lume están a traballar para sufocar tres lumes activos nas provincias de Ourense e A Coruña que, polo momento, superan as 330 hectáreas afectadas polas lapas. 

 

Feijóo, xunto a brigadistas nunha foto de arquivo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.