Son agrogay!

Unha imaxe do festival agrogay da Ulloa CC-BY-SA Colectivo Agrogay da Ulloa

"Son agrogay!". Este será o berro festivo, lúdico e reivindicativo que se escoitará o vindeiro sábado, 29 de agosto, na Granxa Maruxa da aldea de Cumbraos, a 3 quilómetros da localidade lucense de Monterroso. Baixo este lema celebrarase a segunda edición do Festival Agrogay da Ulloa, un certame que, dende a cultura, aposta por "visibilizar un rural diverso, afectivo e sexualmente".

Desde as 11 da mañá o Colectivo Agrogay da Ulloa desenvolverá un amplo programa de actividades que non só se centra no eido afectivo e sexual, senón que tamén "aposta por mostrar, defender e dar valor a outros principios". O grupo procura "a diversidade tanto social como natural" e por iso reivindica "a sostibilidade, o respecto ao patrimonio material e inmaterial e o ecoloxismo".

Este evento sen ánimo de lucro -"todos os ingresos serán destinados a cubrir os gastos do propio evento", subliñan- comezará nunha zona de "cruising" moi particular, no que o "intercambio libre" será de sementes. A medioddía celebrarase un obradoiro-asemblea onde se procurará "a construción colectiva dunha axenda LGTBIQ para o rural". Mentres, na zona da feira de artesanía, soará a pandeirada do grupo Zoelas.

O Festival Agrogay da Ulloa aposta por "visibilizar un rural diverso, afectivo e sexualmente"

Tras o xantar, previsto para as dúas da tarde, será a quenda d'A historia de Brancaflor, de Fran Rei, e do espectáculo de maxia e humor d'Os sete magníficos máis un. Tras o manifesto da xornada e a entrega dos premios á visibilidade Agrogay volverá a música cos concertos de De Vacas e Davide Salvado e, acto seguido, contra as oito do serán, as persoas que participen na xornada realizarán unha "ruta polos bares agrogay friendly" de Monterroso, un roteiro "de integración" que terá a animación musical da Asociación Cultural Entropía Fol.

Unha "sesión golfa" de picadiscos na área natural da Peneda poralle o ramo a unha xornada que tamén contará cunha exposición fotográfica de Rubén Vilanova que, comisariada por Vítor Nieves, promete ofrece unha "orixinal visión dos músicos e instrumentos galegos". Quen queira asistir a todo este programa pode reservar a súa entrada de 5 euros no correo-e do colectivo (agrogaysdaulloa@gmail.com). A granxa conta cun espazo limitado, polo que o aforro é limitado, advirten.

Unha imaxe do festival agrogay da Ulloa CC-BY-SA Colectivo Agrogay da Ulloa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.