Os despedimentos no Diario de Ferrol provocan unha nova folga do persoal do grupo La Capital

Mobilización de persoal do Diario de Ferrol CC-BY-NC-SA CIG

Dous ERE en dous anos e agora, unha pingueira de despedimentos entre nóminas pendentes de pagamento. É o panorama ao que se enfronta o persoal do grupo La Capital, a empresa editora dos xornais Diario de Ferrol, El Ideal Gallego, Diario de Arousa, Diario de BergantiñosDxT Campeón. O despedimento de dúas das xornalistas máis veteranas da cabeceira ferrolá desencadearon a pasada semana un calendario de mobilizacións cara ás que o plantel se amosa con máis determinación tras un terceiro cesamento este xoves en El Ideal Gallego. Estas medidas laborais terán como resposta unha nova folga.

O paro, de carácter indefinido e cunha duración inicial de corenta e oito horas, comezará ás cero horas do 2 de setembro. Coa folga, indica a CIG, o persoal esixirá que La Capital, grupo que segue a percibir axudas públicas para a súa actividade, formule un "plan de viabilidade que garanta os postos de traballos ao nivel de datas anteriores" e que, ademais, implique "o abono dos salarios adebedados e a súa regularización mensual.

Ese plan de viabilidade, subliña a central sindical, é o que leva reclamando o persoal "de maneira reiterada", pero "malia reunirse coa empresa en varias ocasións para establecer un calendarios de pagos sobre os salarios pendentes, a día de hoxe a situación continúa sendo de absoluta incerteza, tanto sobre o futuro dos postos de traballo como para o cobro das mensualidades pendentes". Non en van, subliñan, "na empresa lévase atrasando o abono de salarios de maneira reiterada ao longo de todo 2014 e 2015, e a día de hoxe adebédanse ao persoal a mensualidade de xullo [a de xuño foi abonada este venres]", así como a metade da paga de decembro do pasado ano. Os atrasos das nóminas, subliña o persoal, adoitan roldar os tres meses de xeito sistemático.

Tras tres ERE en tres anos a empresa segue adebedando nóminas e vén de despedir tres persoas máis

Neste contexto, e mentres os despedimentos "poñen en perigo a continuidade da actividade" dos xornais, o persoal do grupo reclama apoio cidadán e institucional para as xornadas de folga. O paro incluirá, asemade, mobilizacións na rúa en Ferrol e Vilagarcía.

O persoal xa recibiu apoio dende o Concello ferrolán e, asemade, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que insta a empresa a "reconsiderar os despedimentos" e "facer os esforzos necesarios para pagar as cantidades que adebeda". "As redaccións, a capacidade dos seus profesionais, o ambiente de traballo que se respira nelas e o resultado desa combinación é o que determina a calidade dun medio de comunicación. Soamente cun esforzo ímprobo, insostible no tempo, se pode realizar un labor digno en condicións de inestabilidade profesional e laboral", indica o Colexio.

Mobilización de persoal do Diario de Ferrol CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.