As ANPAS alertan dun inicio de curso sen libros pola falta de organización da Xunta

Manuais no banco de libros dun colexio coruñés © CEIP Fernández Latorre

"Ninguén sabe nada". A finais do pasado curso escolar, en plena resaca do pau sufrido polo PP nas eleccións municipais, a Xunta activaba o seu "fondo solidario" de libros de texto, unha caste de reedición parcial do modelo de préstamo que os propios populares atacaron con dureza ao chegar o Goberno para, xusto despois, eliminalo. O novo modelo foi recibido con incerteza nos centros educativos e, moi especialmente, nas asociacións de nais e pais. "Van converter o caos actual nun caos infinitamente maior", alertaban en xuño. Agora, a unha semana do inicio do curso 2015-2016, o descoñecemento é idéntico e advirten de que boa parte do alumnado do ensino público chegará ás aulas sen libros pola "total falta de previsión" da Consellería de Educación.

O "fondo solidario" do Goberno, que se superpón aos bancos de libros que as propias ANPAS viñeron organizando para paliar os recortes, atinxe a terceiro e quinto de Primaria e segundo e cuarto da ESO. Componse, cando menos teoricamente, polos manuais devoltos en cada centro polas familias que o curso pasado foran beneficiarias do cheque de axuda parcial para a compra de libros, así como doutros volumes achegados voluntariamente. Segundo avanzou nunha entrevista na TVG o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, van recompilados uns 215.000 libros e moitos deles xa están distribuídos, mentres que aínda faltarían por procesar os do alumnado da ESO que tivo que facer exames en setembro.

O conselleiro de Educación sinala que se recolleron 215.000 libros que xa están a ser entregados, pero as ANPAS afirman que "de momento non se sabe nada"

O optimismo da Xunta bate coa realidade que atoparon as ANPAS ao reincorporárense ao colexios e institutos tras o verán. "De momento non se sabe nada, aquí os libros non apareceron", relata dende o seu centro a presidenta de CONFAPA Galicia, Helena Gómez Vecino, que agarda "saber algo o día 10", cando comece o curso. "Descoñecemos se os libros do banco do centro van ser dabondo", polo que "suponse" que os colexios "terán que mercar" os que falten para cubrir a demanda. "Os pais e nais veñen preguntar se mercan libros e nós recomendamos que agarden" ata dispoñer de máis información, indica. Polo momento, lamenta, o banco de libros "que está cumprindo a súa función" é "coma sempre, o da ANPA".

A implantación da LOMCE, outra fonte de incerteza

Tamén na Confederación de ANPAS Galegas ratifican esta incerteza. "As únicas novas que temos son as que están saíndo na prensa" a respecto desa cifra de libros recollidos "que non indica absolutamente nada", di o seu voceiro, Fernando Lacaci, toda vez que, "dependendo de cada colexio esa cantidade pode ser moita ou pouca, xa que non sabemos cantos libros hai para cada materia". Nestas circunstancias, advirte, "moitos colexiso derivaron ao inicio do curso a toma de decisións", máis aínda tendo en conta que os cursos de terceiro e quinto de Primaria están afectados pola LOMCE, que implica cambio de libros, e "algunhas editoriais fan ofertas de cambio, gratuidade incluída, para os colexios que queiran, aínda que estea prohibido porque a normativa establece que a vixencia dos libros do curso anterior debe continuar", explica.

"A única realidade é que hai un sistema artellado pola Xunta que funciona en función da casualidade"

Neste contexto, as asociacións de pais e nais indican que parte do profesorado está a optar, directamente, por prescindir dos libros de texto e organizar a impartición das materias a partir doutro tipo de material didáctico. Esta mestura de factores, ratifica Lacaci, fai que "non poidamos ter datos ata xusto despois de comezar o curso", porque as decisións "son diferentes en cada colexio, case en cada titor, caso a caso".

Á espera de resolver os múltiples interrogantes, a Confederación de ANPAS Galegas xa chega a unha conclusión: "é un fracaso anunciado", porque "a única realidade é que hai un sistema artellado pola Xunta que carece totalmente de previsión e funciona en función da casualidade". "Pode ser que haxa libros para todos ou pode que non, sequimos sen saber que vai pasar co exceso de libros, que hai casos, nin que acontecerá coas persoas que teñan dereito a axuda pero non haxa libros para elas", indica Fernando Lacaci, para quen en última instancia fica demostrado que os altos cargos que deseñaron o novo modelo "descoñecen a problemática concreta, fían todo á casualidade e, se as cousas non se cumpren como queren, van dicindo que malo será".

Manuais no banco de libros dun colexio coruñés © CEIP Fernández Latorre

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.