Os gandeiros decláranlle a guerra ao cartón de leite por baixo de 61 céntimos

Dous nenos consomen leite da cisterna dos gandeiros CC-BY-SA Praza Pública

"Antes de que nos rouben estes, regalámola nós". Quen fala é un gandeiro. Leva toda a mañá ante o centro comercial As Cancelas, en Santiago, onde se ubica o hipermercado Carrefour. Ata alí se desprazaron estes martes parte dos tractores que ocupan as principais arterias de comunicación de Santiago -máis de 3.000, segundo a Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego, 800 segundo a Delegación do Goberno central- para protestar polos baixos prezos do leite. Tras bloquear cos seus vehículos os accesos ao aparcadoiro do complexo comercial os gandeiros trasladaron ata alí unha cisterna de 1.600 litros da que saíu leite "fresco, galego, de calidade" e, nesta ocasión, de balde para quen quixese achegarse. O obxectivo non é outro que denunciar os baixos prezos que paga a industria láctea e a súa tradución nos supermercados que, denuncian, seguen a empregar o leite como "produto reclamo".

Mesmo os axentes antidisturbios que vixiaban a mobilización foron convidados, non sen estupefacción pola súa banda, a probaren o leite fresco que saía da cisterna e era distribuído en pequenas botellas. "Tamén o podedes levar para a casa, hai para todos!", convidaban os gandeiros dende a megafonía instalada no remolque dun tractor, a mesma que minutos antes servira para advertir os compañeiros que chegaban dende outros puntos da cidade a bordo dos seus vehículos: "Deixade pasar o bus, non queremos molestar os veciños", reclamaban.

Os gandeiros entregaron 1.600 litros de leite de balde para denunciar os baixos prezos

O apoio da veciñanza compostelá é un dos aspectos que máis reconforta a boa parte dos participantes tras vinte e catro horas de protesta nas que, detallan dous gandeiros de Mazaricos en conversa con Praza, "xa houbo que ir muxir á noite e volver para aquí". "Todo o mundo nos está apoiando en Santiago", iso "non hai máis que velo", din. Ese apoio, detallan, obsérvase nos aplausos cos que son alentados pola rúa ou recibidos en accións concretas como a das Cancelas, pero tamén en facilidades como as dunha familia da avenida de Lugo que facilitou un punto de luz dende a súa casa para, na noite do luns, poder conectar a megafonía durante a asemblea na que se decidiu manter os tractores na rúa.

"No Xallas hai 200 familias sen cobrar o leite dende hai meses"

Estes dous gandeiros prefiren non pensar que o resultado das tractoradas e o resto das mobilizacións non sexa unha mellora da situación e unha consecución de prezos mínimos. "Ten que valer para algo, senón vai pechar o 90% das explotacións", augura un deles, quen ilustra a situación explicando o que supón "ter que poñer diñeiro todos os meses" para cubrir os custos de produción. "Hai que lles dar de comer ás vacas, pagar a luz para que non cha corten...". E mentres, destaca, algunhas das industrias non só é que paguen por baixo do custo, senón que atrasan os pagamentos. "Na comarca do Xallas -afirma- hai 200 familias sen cobrar o leite dende hai meses". 

Chamada a consumir leite galego

O significado do reparto gratuíto de leite explicouno para os medios Anxo Escariz, coordinador da Organización de Produtores de Leite (OPL) e un dos voceiros da plataforma. Trátase, subliña, de que a cidadanía saiba da "importancia de consumir produtos de orixe galego". Por iso, ademais de distribuír botellas de leite "explicamos como está dividido o custo do litro de leite" a través de panfletos. Entre "produción, transporte e o beneficio da industria", para que o gandeiro poida cubrir os custos de produción "non pode haber ningún litro de leite no mercado a menos de 61 céntimos", advirte.

Tamén os gandeiros de Mazaricos que comparten a súa situación con este diario apelan ao compromiso das empresas distribuidoras. "O supermercado se quere, que o regale, pero que pague o produto a un prezo mínimo de saída". Eles, din, non queren culpar os consumidores finais, e menos en plena crise. "A xente mira a súa economía e sempre mercan o máis económico", pero iso, ao seu xuízo, non xustifica que as grandes superficies "vendan o leite por nada". 

Unha muller colle leite da cisterna CC-BY-SA Praza Pública
Un tractor, nas inmediacións da área comercial CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.