"Necesítanse políticas a longo prazo que faciliten a integración dos refuxiados"

Campamento de refuxiados en Turquía CC-BY-NC-ND Comisión Europea

O tempo segue pasando para os milleiros de refuxiados e refuxiadas que, fuxindo da guerra en Siria, buscan asilo en Europa. Á lentitude amosada polas estruturas da Unión Europea, súmase o silencio e a inacción do Goberno español, que aínda non confirmou oficialmente a súa disposición a acoller as ao redor de 15 mil persoas que, en principio, lle corresponden de forma proporcional. Pola contra, varias comunidades autónomas e, sobre todo, un cento de concellos (entre eles A Coruña, Compostela, Ferrol, Vigo, Cuntis, Bergondo, Redondela ou Lalín), xa comezaron a poñer en marcha as estruturas necesarias para recibir as persoas que foxen da guerra e da miseria, unhas estruturas que van máis aló do simple aloxamento e que deben planificarse a longo prazo. A súa chegada non será inmediata, pois depende da adopción de decisións en varios niveis (primeiro na UE, despois no Estado central), e no proceso xogarán un papel fundamental as ONG de cooperación e integración que traballan habitualmente con refuxiados e inmigrantes.

"Hai que reaccionar rápido, e non se está reaccionando rápido. Unha xuntanza 'de urxencia' convocada a 15 días non amosa moita 'urxencia', e demostra como funciona a UE", destaca Carlos Villar, director de Ecos do Sur, entidade que traballa pola integración das persoas migrantes. "Faría falla establecer un corredor rápido para toda esa xente que está chegando a Hungría e Austria e modificar o Tratado de Dublín, que establece que o primeiro país da UE no que entran os refuxiados é o que debe tramitar a súa acollida".

O mesmo pensa Patxi Hurtado, que dirixiu a ONG durante 11 anos: "Esta é unha situación que se podía prever, e se podía ter canalizado sen tantos problemas, evitando moitas mortes e moito sufrimento. O que falta moitas veces é vontade. Só cando a situación se desbordou os dirixentes dos países membros da UE decidiron actuar. Por moito que se dilaten as decisións, ao final hai que tomalas, estas cousas non se solucionan soas". "O problema da UE nesta cuestión é que non existe unha política migratoria común e non hai tampouco unha política de asilo compartida e que teña en conta os valores de solidariedade sobre os que se baseou a UE. Hai que levar a cabo políticas a longo prazo e que posibiliten que a integración destas persoas nos países de acollida sexa plena", engade.

"Nas ONG hai incerteza, non sabemos aínda cantas persoas van vir, se van vir para estadías curtas ou se van vir cunha certa vocación de continuidade. Porque as accións a aplicar nun e noutro caso son moi distintas"

Villar e Hurtado reclaman esta inmediata toma de decisións a nivel europeo e estatal para que as distintas administracións e entidades sociais poidan comezar a traballar: "A primeira proposta española era moi escasa. Temos capacidade para acoller moitos máis" -comenta- "Pero para poñer en práctica esta capacidade, ten que haber plans a nivel da UE e fondos asignados para acoller a estas persoas". Destaca que "nas ONG hai incerteza, non sabemos aínda cantas persoas van vir, se van vir para estadías curtas ou se van vir cunha certa vocación de continuidade. Porque as accións a aplicar nun e noutro caso son moi distintas. Fan falla medidas a nivel sanitario, educativo, de atención psicolóxica, formativas, de inserción laboral...".

 

O traballo de apoio aos refuxiados dende os concellos

Carlos Villar pídelles aos concellos que elaboren, como xa se comezou a facer na Coruña, "un catálogo de recursos, públicos e privados, para estar preparados para acoller estas persoas"

Son moitos os concellos de todo o país que xa amosaron a súa disposición a recibir persoas refuxiadas, poñendo en marcha os mecanismos, redes e estruturas que o fagan posible, en colaboración coas entidades sociais ou creando censos de vivendas baleiras e familias dispostas a acoller. "Que administracións, empresas, entidades, e cidadáns a nivel individual queiran axudar a estas persoas, sempre é positivo", destaca Hurtado, que incide en que a acollida debe achegar moito máis que o simple aloxamento: "O máis urxente é outorgarlles a estas persoas o estatuto de asilados, que a administración responsable -o Estado central- axilice todos os trámites. E despois que as administracións máis próximas -locais e autonómica- traballen nos procesos de integración destas persoas. Non só darlles unha vivenda, un lugar onde durmir, senón que hai que levar a cabo un proceso de integración en todos os ámbitos: educativa, laboral... O traballo debe estar moi planificado, debe ser conxunto, entre todas as administracións e entidades sociais".

De igual xeito, Carlos Villar pídelles aos concellos que elaboren, como xa se comezou a facer na Coruña, "un catálogo de recursos, públicos e privados, para estar preparados para acoller estas persoas". "Cada administración, ou cada entidade social pode achegar a súa axuda, en distintos aspectos, tanto de aloxamento, formativo, de atención sanitaria... É fundamental, ademais, a coordinación entre as distintas administracións", di.

Tanto Hurtado como Villar sinalan que este labor de acollida "debe pensarse a longo prazo". "Estas persoas van estar aquí moitos anos", sinala Hurtado. Villar pídelles "calma" ás administracións para que leven a cabo unha correcta planificación de recursos: "Hai que ter en conta, por exemplo, que hai xa neste momento en España moitos refuxiados ucraínos que están tendo moitos problemas para conseguir aloxamento". "Ten que haber un plano permanente de axuda aos refuxiados, porque a situación de Siria non se vai solucionar en breve. Se es unha cidade-refuxio, esa axuda que ofreces ten que ter continuidade, tanto para este conflito como para outros fluxos de refuxiados", engade.

"Ten que haber un plano permanente de axuda aos refuxiados, porque a situación de Siria non se vai solucionar en breve. Se es unha cidade-refuxio, esa axuda que ofreces ten que ter continuidade"

Villar tamén lles pide "calma" ás moitas persoas e familias que xa amosaron o seu desexo de axudar: "Deben ter calma, porque estas persoas que poden vir como refuxiados non van chegar mañá nin a semana que vén, senón que o máis probable, polos prazos que a UE está marcando, é que cheguen a finais de ano ou a comezos do ano que vén". "E se cadra" -continúa- "o máis necesario non é a acollida nunha casa, se hai recursos doutro tipo para o aloxamento, pero pódese axudar de moitas outras maneiras, como acompañamento no día a día, como axuda para aprender o idioma...".

 

O tratamento mediático

A cobertura dos medios de comunicación móvese tamén por ondas. A pesar de que a guerra en Siria levar catro anos expulsando milleiros de refuxiados, só cando un grupo especialmente numeroso puxo o pé no territorio da UE os medios europeos emprestaron atención ao tema. E, de igual xeito, cando pasen algunhas semanas, o asunto volverá desaparecer dos telexornais, a pesar de que os refuxiados e inmigrantes seguirán saíndo de Siria e doutros países. As entidades sociais celebran a atención mediática, mesmo sendo conscientes de que nalgún momento descenderá o interese, e reclaman unha información menos superficial, que poña en contexto a situación destes e doutros migrantes. 

A realidade dos refuxiados é unha problemática mundial á que hai que lle dar solucións mundiais e permanentes, evitando o que se fai agora: atender os conflitos puntuais e esquecer o resto"

Para Lorena Seijo, de Agareso (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios), "hai que valorar como positivo que este tema estea nas portadas dos medios de comunicación, porque o tema dos refuxiados e refuxiadas non é novo e normalmente non acada esta atención". Con todo, critica que con esta atención aos refuxiados sirios e o esquecemento do resto, se estea dando a impresión "de que hai a respectar os dereitos humanos só dun tipo de refuxiados, dunha procedencia concreta, cando neste momento hai moitos conflitos armados activos no mundo".

"Por outra banda" -engade- "parece que se contrapón refuxiado e inmigrante, coma se todas as persoas non tivesen os mesmos dereitos. Unha cousa é que a lexislación europea lles dea aos refuxiados un status diferente, e outra que os xornalistas estean colocando os dereitos dos refuxiados por riba dos dos inmigrantes". Mediaticamente parece que a chegada de inmigrantes africanos é unha 'invasión', algo negativo. E co tema dos refuxiados de Siria, parece que os medios ofrecemos unha visión moito máis positiva. A realidade dos refuxiados é unha problemática mundial á que hai que lle dar solucións mundiais e permanentes, evitando o que se fai agora: atender os conflitos puntuais e esquecer o resto", di. "Hai moitas persoas das que están tentando saltar a valla en Melilla que son refuxiados, aínda que non sexan tratados como tal. Persoas que foxen dos seus países pola persecución que sofren por ser homosexuais ou pola pertenza a unha etnia determinada", comenta Carlos Villar.

"Parece que se están creando dous niveis. Se es refuxiado sirio, es unha persoa que merece ser acollida, pero se estás fuxindo doutros conflitos ou se escapas de situacións de pobreza xeradas pola desigualdade norte-sur non tes dereito a esa axuda"

Patxi Hurtado coincide nestas análises: "Parece que se están creando dous niveis. Se es refuxiado sirio si es unha persoa que merece ser acollida, e se estás fuxindo doutros conflitos ou se escapas de situacións de pobreza xeradas pola desigualdade norte-sur non tes dereito a esa axuda". "A maior parte das persoas migrante non queren saír do seu país, pero están sendo obrigados polas situación de pobreza a buscar unha oportunidade na vida. A inmigración é unha cuestión de ámbito mundial que se basea nunhas situacións de desigualdade entre países e en desigualdades internas. E dende o primeiro mundo estámoslles dando as costas, non estamos posibilitando vías de canalización de migración legal para estas persoas. Ao non ter estas vías legais, están arriscando as súas vidas, atravesando o deserto ou os mares, postos nas mans de mafias", conclúe.

 

Sempre houbo e haberá refuxiados

"Na mente de moitas persoas esta realidade activouse agora grazas a unha imaxe, pero o mar leva moito tempo tragando xente"

"Isto non é novo", repiten dende as entidades sociais que traballan habitualmente en asuntos de cooperación e integración. "Na mente de moitas persoas esta realidade activouse agora grazas a unha imaxe, pero o mar leva moito tempo tragando xente", sinala Carlos Villar. "O conflito sirio leva catro anos xerando fluxos de refuxiados que xa con anterioridade chegarán ás fronteiras da UE. De igual xeito, hai moitos anos que se levan producindo traxedias no Mediterráneo, e de súpeto hai unha imaxe que move conciencias", engade Hurtado. "As ONGs de cooperación e integración de persoas migrantes levamos anos traballando con estas persoas. A diferenza agora é que o fluxo de persoas neste momento é moito máis numeroso, polo que atrae o foco mediático", di. "Cambiou o perfil de refuxiados, cambiaron as rutas, pero isto non quere dicir que se solucionaran os problemas dos outros países. Pode que isto sexa máis rechamante polo conflito bélico en Siria, pero cantos anos leva Sudán de conflito?", salienta Villar, pola súa banda.

Carlos Villar destaca que dende Ecos do Sur levan varios anos traballando con refuxiados sirios. "Pero esta xente tiña un perfil moi determinado e un maior nivel adquisitivo. Eran persoas que vendo a situación que ía sufrir o seu país, decidiron viaxar a España", explica. "O actual grupo de refuxiados ten unha menor capacidade económica, pero é tamén xente que ten unha certa cantidade de cartos, para pagarlles ás mafias. Os que non teñen diñeiro xa nin son quen de saír de Siria", comenta.

"Cambiou o perfil de refuxiados, cambiaron as rutas, pero isto non quere dicir que se solucionaran os problemas dos outros países. Pode que isto sexa máis rechamante polo conflito bélico en Siria, pero cantos anos leva Sudán de conflito?"

Un e outro inciden na necesidade de axilizar os procedementos para dar asilo e refuxio aos grupos de migrantes. "España ten un atasco enorme cas solicitudes de asilo. Todas as solicitudes de asilo centralízanse en Madrid, na Oficina de Asilo y Refugio, que depende do Ministerio do Interior, e agora mesmo están totalmente saturados. Nós traballamos con xente que leva dous ou tres anos agardando. Hai que reforzar esa Oficina", di Villar. Ademais, reclaman máis recursos para as ONG que traballan directamente facilitando a integración de inmigrantes e en proxectos de cooperación, entidades que viron moi reducidas as súas estruturas durante os anos de crise económica. "Hai que reforzar a rede de entidades sen ánimo de lucro, que son os que teñen a experiencia de traballar con este tema. Nos últimos anos os plans para tratar os fluxos migratorios quedaron limitados ao máximo", destaca.

 

Que podo facer para axudar?

"Hai que reforzar a rede de entidades sen ánimo de lucro, que son os que teñen a experiencia de traballar con este tema. Nos últimos anos os plans para tratar os fluxos migratorios quedaron limitados ao máximo"

Varias das localidades que amosaron a súa disposición para converterse en cidades-refuxio anunciaron que porán a disposición dos e das cidadás interesadas en ofrecer a súa colaboración un enderezo electrónico e unha ficha na que estas persoas poden confirmar a súa vontade de axuda, sinalando o tipo de achega que estarían dispostas a ofrecer: dende unha vivenda ou un cuarto baleiro, elementos materiais, ou o seu tempo e experiencia en determinadas cuestións. As entidades sociais recomendan empregar esta vía de contacto, de xeito que os concellos poidan organizar os recurso dos que poden dispoñer.

Tamén suxiren poñerse en contacto coa Coordinadora Galegas de ONGDS, que integra 40 entidades, moitas delas traballando directamente cos refuxiados durante os últimos anos. "Estas organizacións poden informar sobre a axuda que necesitan neste momento, tanto no que respecto á achega de alimentos, de roupa, de posibles espazos de acollida, como outro tipo de axudas", explica Patxi Hurtado.

Manifestación de apoio aos refuxiados en Alemaña CC-BY-NC Rasande Tyskar
Recepción a un tren de refuxiados en Frankfurt CC-BY-NC Franz Ferdinand
Cidades e vilas de todo o Estado organízanse para acoller grupos de refuxiados CC-BY-NC Budapest Keleti

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.