0 Gardados para despois

Os gandeiros esixen "liderado" a Feijóo para impulsar un acordo xusto coa industria e a distribución

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Tras tres días de tractorada en Santiago, unha semana da mesma en Lugo, o presidente da Xunta accedeu a recibir os gandeiros. Fíxoo cando o complexo administrativo de San Caetano estaba cercado polos tractores e asegurando, non obstante, que o Goberno galego sempre estivo "aberto" ao diálogo co sector. Finalmente, Alberto Núñez Feijóo e mais a conselleira de Medio Rural compartiron mesa durante tres horas con once representantes do sector que, ante a crucial xuntanza deste xoves con industria e distribución no Ministerio de Agricultura, lle esixiron que exerza o seu "liderado" e non se limite ás "boas palabras" que, din, abondaron neste encontro. O sector lácteo galego, advirten, precisa feitos.

O terceiro día de mobilizacións comezou cedo, no complexo de Mercagalicia. Alí parte dos tractoristas "incautou" un lote de leite envasado para a cadea de supermercados DIA, especialmente molesta pola imaxe que dela está a transcender nos medios de comunicación por mor destas protestas. A esixencia da distribuidora para que o Goberno de España a "axudase" a impedir o "bloqueo ilegal" das súas instalacións en Compostela este mércores a presenza de antidisturbios foi máis ampla na zona, e foron estes axentes quen impediron a doazón do leite tirado do camión ao Banco de Alimentos.

Con este pano de fondo os representantes do sector -dos principais sindicatos, pero tamén da Organización de Produtores de Leite e un voceiro dos concentrados en Lugo- achegáronse a San Caetano a mediodía. Acudiran á sede do Goberno galego á procura de presión política cara ao Ministerio e, por extensión, cara á industria e as compañías distribuidoras. O acordo que se poida pechar este xoves en Madrid "non pode ser un acordo en falso", di Roberto García, de Unións Agrarias, e por iso cómpre que Feijóo, "dentro da súa capacidade de liderado dende unha comunidade autónoma produtora, axude a desbloquear" as "liñas vermellas" que esixe o sector, a comezar polo establecemento dun "prezo garantido que se reparta de forma equitativa", para que "ningunha das partes perda cartos".

O sector lamenta que na xuntanza abondasen as "boas palabras" pero non os "feitos"

Ese prezo "sostible" é unha reclamación unánime do sector, así como a petición de establecer sancións no caso de industrias lácteas ou distribuidoras non cumpran coa súa parte. Cómpre saber "como se sancionarían os comportamentos de abuso", indica Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego. Por este motivo, agrega García, "teñen que asinar ese acordo todas as empresas, non asociacións representativas". A mellor "garantía de cumprimento", afirma, é que ao carón da "sinatura de cada un dos conselleiros delegados" se especifiquen as "sancións por incumprimento".

O presidente da Xunta di compartir a diagnose dos gandeiros e indica que "todo aquilo que se poida facer legalmente" para evitar os baixos prezos, "hai que facelo"

Malia o bo ton que, admiten, tivo a xuntanza, os representantes do sector confésanse preocupados. "A única garantía é que imos ter outra reunión despois" do encontro de Madrid, di Antón Lado, da Federación Rural Galega (FRUGA). "O apoio ao sector que se pode ver noutras administracións a nivel europeo, nós aquí non o vemos", lamenta.

Unha visión máis optimista do falado é a que ofrece o propio Feijóo. El, afirma, estableceu o "compromiso" de defender que "todo aquilo que se poida facer legalmente, hai que facelo" e, asemade, de "facer unha avaliación cos mesmos interlocutores en Galicia no caso de que se chegue a un acordo" na "xuntanza clave" de Madrid. "O problema existe, hai moitas explotacións gandeiras que teñen moitas dificultades para producir polos baixos custos do prezo do leite", evidencia o presidente, que afirma ter constancia de que o Goberno de España traballa para tentar pechar un acordo. Así e todo, advirte, "isto non depende da decisión do Goberno".

Dadas as circunstancias, tras o encontro co presidente as mobilizacións continuaron segundo o previsto. Unha parte dos tractoristas continuou en Mercagalicia, logrando bloquear a base loxística de DIA no medio dunha forte presión policial. Mentres, outra columna de tractores desprazouse ata a Alameda de Compostela, dende onde este xoves partirá a manifestación do sector, para realizar un novo reparto de leite de balde.

Feijóo asegura compartir a posición dos gandeiros e advirte de que non se pode pactar nada ilegal

CC BY-SA Praza Pública

Roberto García (Unións Agrarias) explica o que defenderá o sector na reunión do Ministerio

CC BY-SA Praza Pública

Isabel Vilalba (SLG) advirte de que os novos contratos seguen á baixa e esixe sancións para os incumprimentos

CC BY-SA Praza Pública

Antón Ledo (FRUGA) indica que sae da reunión con Feijóo "moi preocupado"

CC BY-SA Praza Pública

Roberto López, voceiro dos gandeiros de Lugo, explica como as industrias baixan os prezos

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.