0 Gardados para despois

O MGSM acusa o Sergas de "eludir a súa responsabilidade" no "grave problema" do suicidio

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O suicidio é un grave problema de saúde pública en Galicia. Así o denuncia unha vez máis o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) co gallo do Día Mundial de Prevención do Suicidio. A plataforma lembra que a nosa comunidade rexista a maior taxa de casos en toda España, un total de 394 mortes en 2014, o que significa unha taxa de 14,24/100.000 habitantes, segundo os datos do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga). A nivel estatal a taxa sitúase en 8,3 casos por cada 100.000 habitantes. Tanto en Galicia coma no conxunto do Estado, as mortes por suicidio creceron nos últimos anos, dende os ao redor de 300 casos que rexistraban anualmente ata 2008 ata a cifra actual, un 30% superior.

Tanto en Galicia coma no conxunto do Estado, as mortes por suicidio creceron nos últimos anos, dende os ao redor de 300 casos que rexistraban anualmente ata 2008 ata a cifra actual, un 30% superior

A plataforma reclama reclama "visibilizar este grave problema de saúde pública, desconsiderado na súa importancia", denunciando que "sofre o estigma e a ignorancia prexuizosa sobre as súas causas, características e posibilidades de prevención". En concreto, critica a inexistencia en Galicia dun "plan para o suicidio", como "tampouco existe plan de saúde mental", engade. Acusa a Consellaría de Sanidade de "eludir as súas responsabilidades" e salienta que o asunto "non se menciona na avaliación da Estratexia SERGAS 2014 nin nas memorias da Dirección Xeral de Saúde Pública".

"Nun contexto de crise económica e cos graves recortes na cobertura social, especialmente co deterioro da rede de atención á saúde mental, agrávanse os factores de risco", alerta. Neste marco, o MGSM realiza unha serie de recomendacións seguindo as liñas propostas pola propia OMS, comezando pola elaboración do xa referido Plan Galego sobre o Suicidio, "de carácter multisectorial". Tamén demanda a creación de "comisións clínico-asistenciais en cada Xerencia de Área, multiprofesionais e multisectoriais", para "coñecer e estudar a realidade das tentativas e dos suicidios consumados, á vez que elaborar propostas de intervención e protocolos orientados polos datos, as evidencias de eficacia e os funcionamentos propios da cada Área". En paralelo, propón incrementar a información institucional sobre esta cuestión "de cara a sensibilizar e
desestigmatizar o suicidio" e "mellorar o coñecemento sobre el en atención primaria".

A plataforma pide "desenvolver canto antes protocolos específicos de atención a persoas con conduta suicida e a afectados por suicidio consumado"

Finalmente, o MGSM pide "desenvolver canto antes protocolos específicos de atención a persoas con conduta suicida e a afectados por suicidio consumado", garantindo "a prioridade no acceso a recursos asistenciais para as persoas en risco", incrementando o seu seguimento e intensificando a atención sanitaria e social no seu caso. "É preciso, así mesmo, flexibilizar o acceso e o funcionamento dos recursos", engaden.

Miguel Anxo García Álvarez, portavoz do Movemento, denunciaba hai uns meses en Praza, que a crise económica "creou as condicións de risco", que foron agravadas pola "ausencia de acción do Goberno". "O incremento de suicidios é a punta do iceberg dun nivel de sufrimento moi elevado na sociedade", engadía. A OMS recomendou reforzar a rede sanitaria, sobre todo a atención primaria, para unha detección temperá dese risco, incrementando os recursos de saúde mental; tamén pedía reforzar o mecanismos de protección social e o impulso de políticas activas de emprego.

Nos últimos anos o MGSM criticou en varias ocasións as restricións na hospitalización psiquiátrica, que terían o obxectivo de "ofrecer unha imaxe de sobredotación de recursos"

Nos últimos dous anos o MGSM criticou en varias ocasións as restricións na hospitalización psiquiátrica, que terían o obxectivo de "ofrecer unha imaxe de sobredotación de recursos". E salientou que na única provincia que conta cunha unidade sanitaria especializada na prevención do suicidio (Ourense), si se produciu unha redución "notable" da taxa de suicidios.

Mortes por suicidio en Galicia. Fonte: INE (2004-2013), Imelga (2014)

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.