Homenaxe a Pedro Galán, o mozo "que sempre saudaba estreitando a man esquerda"

Ofrenda floral a Pedro Galán © Galiza Nova

"Falar de Pedro Galán Calvete é falarmos do xogo de luces salgadas que nasce no Faro de Hércules para amosar, partindo dende o bairro da Torre e atravesando todos as rúas da nosa cidade, que A Coruña é Galiza", destacou hai anos Xosé Manuel Carril nun acto de homenaxe a este mozo secretario de Organización das Mocidades Galeguistas na cidade, asasinado polos franquistas en 1936, con tan só 19 anos. Esta fin de semana, unha vez máis Pedro Galán será lembrado na Coruña, nun conxunto de actos a cargo do grupo de barrio do BNG de Monte Alto.

A homenaxe contará con dúas actividades: unha conferencia o venres 18 e a tradicional ofrenda floral o sábado 19. Deste xeito, este venres, a partir das 20 horas no local da A.VV. de Monte Alto celebrarase a conferencia “A Coruña berce das Irmandades da Fala” a cargo da profesora da UDC Pilar García Negro. Logo, o sábado, terá lugar a ofrenda floral, que se celebrará a partir das 12 no cemiterio de San Amaro, onde descansan os restos do mozo asasinado, e que contará coa intervención de familiares de Pedro Galán, para posteriormente dar paso a Avia Veira, portavoz do Grupo Municipal do BNG e veciña de Monte Alto.

O BNG convida a veciñanza a se sumar á homenaxe "a aquel mozo que sempre saudaba estreitando a man esquerda porque, segundo el mesmo dicía, era a que sae do corazón e chega ao corazón da outra persoa"

O BNG convida a veciñanza da Coruña a se sumar á homenaxe "a aquel mozo que sempre saudaba estreitando a man esquerda porque, segundo el mesmo dicía, era a que sae do corazón e chega ao corazón da outra persoa" e que resaltou -destacan- "pola súa madurez e compromiso co país nuns tempos tan complexos". 

Nacido en 1917, fillo dun camareiro marítimo nos barcos que cruzaban o Atlántico, o seu compromiso político apareceu nun manifesto publicado en A Nosa Terra en outubro de 1933, no que, xunto a Jenaro Marinhas del Valle e outra ducia de rapaces, diríxense "Aos mozos cruñeses" para lles anunciar a súa decisión de constituír a Mocidade Galeguista, baixo a disciplina do Partido Galeguista. Traballou no departamento de contabilidade da empresa de xabróns La Toja ao mesmo tempo que realizou un intenso traballo político e social, participando en actos públicos na Comarca da Coruña. Tralo Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, rexeitou a ocasión de fuxir embarcado a América que lle ofreceu o seu pai e seguiu levando unha vida normal, iniciando estudos de Dereito. Foi detido o 10 de setembro, levado ao Cárcere da Coruña e despois ao cuartel da policía no Orzán. O 16 de setembro o seu cadáver foi atopado nunha cuneta da Corveira por dúas leiteiras.

"Foi ante todo unha persoa sinxela e limpa de corazón, que coidaba que a divulgación e posta en práctica sinceiras dos seus ideais nacionalistas non facían mal a ninguén"

Na devandita homenaxe, Carril salientaba que Pedro Galán "foi ante todo unha persoa sinxela e limpa de corazón, que coidaba que a divulgación e posta en práctica sinceiras dos seus ideais nacionalistas non facían mal a ninguén" e que "a súa firme convición de non ter cometido nengún delito fixo que rexeitara a oportunidade que lle ofreceu o seu pai para fuxir embarcado ás América". A partida de defunción fixo constar que Galán morrera "a consecuencia dunha 'hemorraxia interna', en realidade, un eufemísmo legal para agachar que a verdadeira causa da sua morte fora un feixe de proxectis metálicos cargados de xenreira".

Homenaxe celebrada en 2011 © BNG
Ofrenda floral a Pedro Galán © Galiza Nova

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.