Ferrol suspende a taxa de saneamento imposta polo goberno de Rey Varela

Instalacións da EDAR de Cabo Prioriño © Degremont

O pleno do Concello de Ferrol suspendeu este venres a taxa de saneamento que fora aprobada pola anterior corporación municipal do Partido Popular, un tributo que dende o comezo espertara unha gran polémica na cidade. Os populares foron os únicos que se opuxeron á supresión da ordenanza, unha medida que contou cos votos favorables das forzas do goberno local -Ferrol en Común e PSdeG-PSOE-, os do BNG e o de Ciudadanos.

O goberno de José Manuel Rey Varela impuxera o pagamento desta taxa, que obrigaba a un desembolso anual medio de 70 euros a todas a vivendas da zona urbana, co obxectivo de facer fronte ao custe da nova rede de saneamento e depuración, denunciada dende varios ámbitos como unha obra obsoleta e ineficaz, ademais de moi cara. Ademais, dende o comezo criticouse que se lle esixía o pagamento a todos os fogares -uns 33 mil- cando só 11 mil estaban conectados á rede, polo que dous terzos pagaban por un servizo que non recibían.

A estación non chegara a depurar a auga en ningún momento, constituíndo "unha grande estafa á cidadanía", como denunciou o Goberno municipal

A realidade, como quedou demostrada grazas á visita sorpresa realizada por representantes do Concello á Depuradora de Cabo Prioriño, é que ningunha das vivendas estaba recibindo ese servizo, pois a estación non chegara a depurar a auga en ningún momento, constituíndo "unha grande estafa á cidadanía", como denunciou o Goberno municipal. 

“En calquera visita que se faga a EDAR de Prioriño, calquera poder ser consciente de que alí non se depura nada”, recordou este venres o concelleiro de Servizos, Bruno Díaz. “O que hai é unha estación depuradora que non depuraba nada e un bombeo a cano libre", engadiu. A suspensión da ordenanza reguladora da taxa pola depuración de augas residuais ten carácter automático e foi de inmediato comunicada á empresa mixta Emafesa, onde Socamex-Urbaser é o socio privado, que ten a competencia na parte técnica da xestión.

Suárez explica que a derrogación definitiva debe agardar "por prudencia" ao ditame dos servizos xurídicos e á recompilación "de todos os documentos e informes precisos"

O Goberno municipal presidido por Jorge Suárez comprometérase a suspender e derrogar este tributo. A votación deste venres, segundo o rexedor, “abre un camiño a derrogación definitiva da taxa, que debe vir amparada nos informes xurídicos na protección dos intereses dos veciños e da Administración local". Suárez explica que a derrogación definitiva debe agardar "por prudencia" ao ditame dos servizos xurídicos e á recompilación "de todos os documentos e informes precisos" e ao resultado da auditoría independente que lle realizará a Emafesa.

O executivo local mantén o compromiso, así mesmo, de devolverlles aos veciños o importe do recibo xa cobrado

O executivo local mantén o compromiso, así mesmo, de devolverlles aos veciños o importe do recibo xa cobrado no último ano se -trala auditoría que vai levar a cabo- se demostra que ese cobro foi realizado de xeito indebido. A devolución dos cartos levaríase a cabo coas fórmulas que recomenden os informes técnicos e xurídicos, indican dende o Concello.

Instalacións da EDAR de Cabo Prioriño © Degremont

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.