Marchas da Dignidade: "A Unidade Popular non é a unidade dos partidos"

II Asemblea Galega das Marchas da Dignidade, celebrada este sábado na Coruña © Marchas da Dignidade

As Marchas da Dignidade celebraron este sábado no Paraninfo da Universidade da Coruña a súa II Asemblea Galega, na que se debateu o estado actual das Marchas e as propostas de mobilizacións e organización para o futuro, comenzando pola máis próxima, a convocada para o 24 de outubro ás 12 horas na praza do Obradoiro.

As Marchas da Dignidade manifestaranse o 24 de outubro na Praza do Obradoiro de Compostela

Destacouse que a "Unidade Popular non é a unidade dos partidos políticos, senón o traballo conxunto entre a cidadanía non organizada, os movementos sociais e os partidos". As Marchas da Dignidade fan un chamamento a todas as persoas e organizacións "que estean en contra das políticas marcadas pola Troika" a que se sumen ao colectivo para "loitar conxuntamente contra esa organización antidemocrática". 

"A asemblea constituíu un pulo para seguir adiante coas marchas" -sinala Santiago Lamelo, un dos seus voceiros- "entendendo que as marchas son o principal camiño para conseguir esa unidade popular que derrote o poder económico". Ademais da manifestación convocada o 24 de outubro en Compostela, a plataforma levará a cabo "mobilizacións ante as oficinas do INEM para visibilizar o problema do paro, mobilizacións en defensa da sanidade pública, traballadores que están sufrindo ERES, os problemas do sector leiteiro..., en todas estas situacións e conflitos de sectores concretos queremos estar apoiando", destaca. "Buscamos que haxa un movemento unitario de loita", engade.

"Todo o mundo ten cabida nas marchas" -di- "O que intentamos é unir loitas, que todas esa loitas pequenas que están dispersas, traballemos en conxunto. Así teremos moita máis forza que se cada un vai por separado".

"O que intentamos é unir loitas, que todas esa loitas pequenas que están dispersas, traballemos en conxunto. Así teremos moita máis forza que se cada un vai por separado"

No encontro, presentada pola actriz Mónica Camaño e que contou coa actuación de Audio Quatro, participaron preto de duascentas persoas chegadas de todas as comarcas de Galicia, que realizaron distintas propostas organizativas e tendentes a aumentar a participación no movemento. Un dos asuntos debatidos incidiu na necesidade de incrementar o traballo a nivel comarcal para difundir as Marchas da Dignidade, para logo levar propostas de mobilización ás xuntanzas mensuais da coordinadora galega en Compostela.

"Marchamos con sensacións moi positivas, conscientes iso si do momento de dificultades no que nos atopamos, e dunha situación na que semella algo máis difícil que antes a mobilización. Houbo un gran ambiente na asemblea, moito ánimo. E, sobre todo, un ambiente de camaradería, de traballo conxunto", conclúe Lamelo.

II Asemblea Galega das Marchas da Dignidade, celebrada este sábado na Coruña © Marchas da Dignidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.