0 Gardados para despois

Celadores péchanse no novo hospital de Vigo noutra loita contra a "privatización" sanitaria

Redacción | @prazapublica

Os celadores da área sanitaria de Vigo empezaron esta mañá de luns un peche no novo hospital Álvaro Cunqueiro. O colectivo destes traballadores denuncia que unha empresa privada comezou a asumir unha parte importante das funcións que até o de agora realizaban eles nos distintos centros da cidade.  Serían, segundo aclararon nun comunicado, de todos os labores que teñen que ver co "transporte interno": distribución de material, traslado de mostras biolóxicas, unidades de sangue e hemoderivados, medicacións ou documentación confidencial, como historias clínicas de pacientes. Traballos que agora realiza xente que, segundo denuncian, non ten formación especifícia para estas tarefas, creando así un baleiro de seguridade e privacidade nos pacientes. 

Os celadores denuncian a "privatización" do seu traballo, que realizan empregados que a concensionaria contratou por ETT

Segundo os celadores, o traslado do Xeral e o Meixeiro ao novo hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) supuxo que se lles privase de moitas das súas funcións en favor do persoal contratado por unha ETT, a denominada Tigas (Transporte Interno y Gestión Auxiliar), que foron asumindo o seu traballo. Uns 500 celadores do Chuvi terían sido relegados por cadro de persoal externo contratado pola concesionaria do HAC. 

Tal e como adiantou Vigoe.es, un comunicado interno do centro, co selo da Xunta e da EOXI de Vigo, deixa claro que as funcións dos celadores quedan reducidas ao mínimo, xa que tan só se encargarían do traslado de pacientes, mentres que o resto sería levado a cabo polo serizo de transporte.  

O colectivo de celadores denuncia que están "privatizando" o seu traballo a través dunha ETT mentres 1.500 agardan nas listas de contratación e moitos dos que están traballando fan labores que non lles corresponden por axudar e ante o escaso traballo que agora lles ordenan. Como resposta, xa se están a preparar dúas denuncias -unha por parte sindical e outra por parte dos traballadores- para intentar deter esta privatización. Pero ademais, este luns 28 empezaron cun peche no hall do hospital Álvaro Cunqueiro, unha mobilización que prevén continuar en solitario ata o vindeiro mércores, data na que outras categorías profesionais da área sanitaria se unirán á protesta contra as "privatizacións". 

Os traballadores denuncian incidencias ao carecer os novos empregados da formación necesaria para exercer o seu labor

De feito, o colectivo de celadores advirte xa que a entrada dos Tigas nos traballos do hospital xa provocou varias incidencias con mostras de pacientes, ao carecer os novos empregados dos coñecementos necesarias para a súa manipulación. 

No Parlamento, AGE rexistrou xa varias iniciativas preguntando á Xunta polas atribucións dos Tigas para coñecer o número de traballadores, as súas condicións e os acordos coa empresa adxudicataria. Tamén rexistrou unha iniciativa para esixir ao Goberno galego que rectifique a decisión e manteña as tarefas dos celadores e celadoras públicas. 

Ademais, a concelleira da Marea de Vigo, Marga L. Barreiro, uniuse ao peche do persoal do Álvaro Cunqueiro, para denunciar tamén a "privatización en toda regra" que se está a producir na sanidade viguesa. A edil, que tamén é traballadora da área sanitaria, decidiu sumarse ao peche para "loitar coas compañeiras en defensa da sanidade pública".

Unha concelleira da Marea de Vigo, traballadora do área saniara, uniuse ao peche para "loitar coas compañeiras pola sanidade pública"

A concelleira  está obrigada a acudir ao pleno do Concello, que se celebra este luns, agás por unha causa xustificada. "Que causa máis xustificada que estar con quen loita e se rebela contra o desmantelamento da sanidade pública na cidade. É que hai algo máis importante que tratar hoxe no pleno?", dixo. 

"Están a mercadear coa saúde de tódolos vigueses e tódalas viguesas, ou reaccionamos ou isto non terá marcha atrás", insistiu a concelleira. Marga puxo unha enchente de exemplos, como o do xa famoso e carísimo aparcadoiro, que demostran que a Xunta non está a construír un novo hospital, senón un novo e gorentoso negocio: "material que no hospital Xeral se esterilizaba agora vai ao lixo. Iso si, repono a concesionaria claro. Viva o negocio a custa da enfermidade da xente".

Denuncia a Mosquera

Por outra banda, a Fiscalía de Vigo acordou arquivar unha denuncia presentada polo sindicato médico CESM-Galicia, e inhibirse en favor da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), ao tratarse duns feitos dos que se responsabiliza, entre outros, á conselleira Rocío Mosquera, que é aforada.

CESM Galicia interpuxo unha denuncia na Fiscalía pola presunta comisión dun delito de homicidio por imprudencia grave, en relación co falecemento dunha paciente inmunodeprimida no Hospital Álvaro Cunqueiro, e no organismo da cal se detectou a presenza do fungo asperxilo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.