Menos do 5% da poboación amosa interese polas touradas en Galicia

Cartaz da manifestación deste sábado © Touradas fóra de Pontevedra

As touradas non interesan en Galicia, ou cando menos só atraen a unha escasa minoría da poboación. Un interese, ademais, que descende ano a ano, semella que se forma irreversible, segundo a Enquisa de hábitos e prácticas culturais en España, que cada catro anos publica o Ministerio de Cultura. A edición 2014-15 dos datos, inclúe (dada a controvertida consideración destes actos de tortura animal como cultura) un capítulo específico dedicado aos espectáculos e festexos populares taurinos, cunha completa información que amosa o carácter cada vez máis marxinal destas prácticas en Galicia. 

Tan só o 4,7% dos galegos e galegas amosa interese polas touradas (1,2% un grande interese -9 ou 10 sobre 10- e outro 3,5% bastante interese -7 ou 8-). Pola contra, o 77,4% dos e das entevistadas cualifica o seu interese de nulo (de 0 a 2), unha porcentaxe á que se pode sumar outro 8% que sinala un interese cativo (3 ou 4). No conxunto de España, as persoas que amosan un interese superior a 6 supoñen apenas o 16,6%, cunha ampla maioría (70,1%) que declara non ter interese (cualificacións iguais ou inferiores a 4).

No 2003 o 2,9% dos galegos e galegas afirmaba ter acudido aos touros cando menos unha vez nese ano. En 2007 a porcentaxe reducírase ata o 2,2%. En 2011 caeu de novo, ata o 0,8%. E neste 2015 a proporción é tan só do 0,3%

As comunidades autónomas cunha maior porcentaxe de afeccionados e afeccionadas ás touradas son Estremadura (35%), Castela-León (27%), Aragón (27%), Andalucía (25%), Castela-A Mancha (24%), Navarra (22%), La Rioja (22%), Murcia (21%), Comunidade Valenciana (19%) e Madrid (19%). Pola contra, o interese é moi escaso no resto do país, encabezado por Canarias (4%), Galicia (5%), Cataluña (6%), Euskadi (8%) ou Asturias (9%).

A análise dos datos de asistencia a espectáculos taurinos que ofrece o Ministerio dende o 2003 permite trazar a evolución do interese dos galegos e galegas polas touradas. Un interese que se ben nunca foi demasiado grande, nos últimos anos aínda se reduciu máis. No 2003 o 2,9% dos galegos e galegas entrevistadas afirmaba ter acudido aos touros cando menos unha vez nese ano. En 2007 a porcentaxe reducírase ata o 2,2%. En 2011 caeu de novo, ata o 0,8%. E neste 2015 a proporción é tan só do 0,3%.

No conxunto do Estado, a asistencia seguía igualmente unha evolución negativa (2003: 8,6%; 2007: 9,8%; 2011: 8,5%), aínda que na última enquisa volveu aumentar: 9,5%. Ao igual que na estatística sobre o interese que esperta esta práctica, hai grandes diferenzas por territorios. En Navarra o 35% dos seus habitantes asistiu no último ano a algún festexo ou corrida, e o dato supera o 20% en Aragón, Castela-León, Castela-A Mancha e La Rioja. Pola contra, en Asturias, Baleares, Canarias, Cataluña, País Vasco ou Cantabria, a porcentaxe de asistentes está por debaixo do 5%. Galicia é a comunidade autónoma cunha menor proporción de público nos recintos taurinos.

A escasa afección dos galegos e galegas á tauromaquia tamén se reflicte nas audiencias televisivas, como xa se puxo de manifesto nos ratings das últimas retransmisións. A enquisa revela igualmente que os galegos e galegas non adoitan seguir as touradas por televisión, con apenas un 4,5% de respostas positivas. Un dato moi semellante ao de Canarias, Cantabria, Cataluña e Baleares.

Tan só o 5% afirma que non asiste a touradas por haber "pouca oferta na miña zona" e outro 2% por resultar un espectáculo "caro"

A enquisa inclúe unha pregunta sobre as razóns polas que as persoas non asisten a espectáculos taurinos. No caso galego, a maior parte das respostas teñen que ver novamente coa falta de interese (58%), coa incomprensión deste espectáculo (14%) e con outros motivos que tamén revelan unha desconexión con este tipo de eventos, como "non teño tempo" (14%). Tan só o 5% afirma que non asiste a touradas por haber "pouca oferta na miña zona" e outro 2% por resultar un espectáculo "caro". Nas dúas comunidades autónomas que prohibiron a realización de espectáculos taurinos, Canarias e Cataluña, a porcentaxe de persoas que afirma non acudir ás touradas por falta de oferta na súa zona é moi pequena: 6,2% e 4,3%, respectivamente.

Porcentaxe de galegos/as que asistiron a algún espectáculo taurino no último ano Dominio Público Praza Pública
Pobre asistencia nas touradas da Coruña en 2014 CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.