Unha caravana para unir todas as mulleres, para unir todas as loitas

Presentación da Caravana Feminista, este xoves en Compostela © MMM

"A Caravana Feminista parte da necesidade de unir en solidariedade aos grupos de mulleres de toda Europa e visibilizar as nosas diversas e diferentes loitas e resistencias políticas, económicas, culturais e sociais. Pretendemos conectar as mulleres e as nosas loitas, recollendo e visibilizando ao paso da Caravana, memorias, prioridades e estratexias, e difundindo información sobre as diversas estratexias de resistencia e alternativas propostas polas mulleres europeas". Deste xeito resume a Marcha Mundial das Mulleres os obxectivos da Caravana Feminista, unha iniciativa que partiu o pasado mes de marzo do Kurdistán e que finalizará o 17 de outubro en Lisboa.

Entre o luns 5 e o domingo 11 haberá actividades en Ferrol, San Sadurniño, Narón, Betanzos, Compostela, Ourense, Allariz, Vilar de Barrio e Vigo

Galicia participará de forma moi destacada nesta acción, que xa pasou por Grecia, os Balcáns, Suíza, Francia, Alemaña, Polonia, Austria, Hungría, Catalunya e Euskadi. A Caravana chegará a Ferrol o luns 5, procedente precisamente de Euskadi, e durante toda a semana percorrerá outras oito localidades (San Sadurniño, Narón, Betanzos, Compostela, Ourense, Allariz, Vilar de Barrio e Vigo), realizando encontros, actividades informativas, reivindicativas e lúdicas.

Trátase da cuarta acción internacional organizada pola Marcha Mundial das Mulleres, tralas realizadas nos anos 2000, 2005 e 2010. Aínda que a Caravana ten contidos moi diversos e transversais, afondando neses obxectivos de "visibilizar as nosas diversas e diferentes loitas e resistencias políticas, económicas, culturais e sociais", hai algúns asuntos nos que se vén facendo fincapé de forma máis prioritaria. Por unha banda, a feminización da pobreza; de feito, a Caravana rematará o 17 de outubro, Día Internacional pola eliminación da pobreza. Ademais, quere destacarse a loita polo ben común e acceso aos recursos públicos. Tamén, a violencia contra as mulleres, a paz e a desmilitarización. E, finalmente, ocupa igualmente unha posición destacada a autonomía económica das mulleres, facendo especial fincapé tanto no eido da Soberanía Alimentaria coma no do Ecofeminismo.

Búscase "visibilizar as opresións vividas polas mulleres, como a pobreza, a xenofobia e o racismo, a crecente perda e desposesión dos nosos dereitos, as prácticas de austeridade, o aumento do fascismo", co obxectivo de "conectalas e poder unir e fortalecer as nosas estratexias de resistencia e loita". Pero en paralelo con este labor de denuncia e de resistencia, destácase tamén a construción de alternativas, "alternativas de vida e de resistencia ao capitalismo e á realidade patriarcal creadas por mulleres que a través das súas voces e as súas prácticas diarias traballan por un mundo mellor", destaca a Marcha Mundial. 

Quérese contribuír á construción "dunha economía feminista baseada na solidariedade, unha economía que cambie os patróns actuais de produción e reprodución, distribución e consumo"

Quérese contribuír á construción "dunha economía feminista baseada na solidariedade, unha economía que cambie os patróns actuais de produción e reprodución, distribución e consumo". Por iso, en cada un dos territorios polos que atravesa a Caravana, levaranse a cabo intercambios de experiencias e coñecementos coas mulleres sobre biodiversidade, agricultura local e alternativas na produción, distribución, consumo e preparación de alimentos. Así se fará, por exemplo, en San Sadurniño, Betanzos ou Vilar de Barrio, onde serán fundamentais os encontros con mulleres labregas e con iniciativas de agricultura ecolóxica. E, tamén en Narón, Compostela ou Vigo, con palestras e debates centradas nestes temas.

Así mesmo, quérese poñer en valor "as sementes como ben común producido e mantido durante séculos polas mulleres e as súas comunidades", organizando un banco de sementes que a Caravana recollerá e compartirá ao longo do seu percorrido. Neste senso, Ourense acollerá este venres 9 de outubro unha Feira de Sementes.

Vigo acollerá, o sábado 10 e domingo 11, as dúas últimas xornadas da Caravana en Galicia, que concentrará as súas actividades no Parque de Castrelos

Vigo acollerá, o sábado 10 e domingo 11, as dúas últimas xornadas da Caravana en Galicia, que concentrará as súas actividades no Parque de Castrelos. Alí haberá palestras e obradoiros, e tamén se realizará (o domingo á tardiña) o acto de despedida da Caravana, dándolles a benvida ás activistas portuguesas, que tomarán o relevo. Así mesmo, a Caravana participará o sábado ás 20 horas na manifestación convocada na cidade contra o TTIP.

 

Axenda de actividades en Galicia

As accións programadas para os seis días de percorrido da Caravana por Galicia afondan nas temáticas e obxectivos que a iniciativa ven traballando dende o seu inicio en marzo:

  • Luns 5: Ferrol, 19 horas; Acto festivo e reivindicativo no Cantón de Molíns.
  • Martes 6: San Sadurniño, 11.30 horas; Encontro con mulleres labregas. 
  • Martes 6: Narón, 19.30 horas; palestra sobre Ecofeminismo.
  • Mércores 7: Betanzos, 11 horas. Mercado local e xantar de convivio con mulleres labregas.
  • Mércores 7: Compostela, 17.30 horas; Pasarrúas e coloquio na Galería Sargadelos.
  • Xoves 8: Vilar de Barrio - Allariz, 11.30 horas; Visita ás Corcerizas e xantar colaborativo.
  • Venres 9: Ourense, 17 horas; Feira de sementes e concerto
  • Sabado 10: Vigo, 13.30 horas; Palestra sobre as experiencias da Caravana. 20 horas, manifestación contra o TTIP
  • Domingo 11: Vigo, 20 horas; Acto de despedida e concerto
Percorrido galego da 'Caravana Feminista' © MMM
Acción da Caravana Feminista en Barcelona, a pasada semana © Caravana Feminista
Un dos vehículos da Caravana, ao seu paso por Italia © Caravana Feminista

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.