O 7 de novembro, contra todas as violencias machistas

Cartaz da marcha © Marcha Estatal contra as Violencias Machistas

Desde o ano 1995, o terrorismo machista asasinou case 1.400 mulleres en España. No que levamos de 2015 o número supera as 70, 37 delas nun verán especialmente terrible. O vindeiro sábado 7 de novembro grupos feministas de todo o Estado convocan unha Marcha Estatal Contra as Violencias Machistas que confluirá en Madrid. Unha manifestación percorrerá as rúas, dende a sede do Ministerio de Sanidade (Paseo do Prado) ata a Praza de España.

Violencias machistas, en plural, porque como destaca o seu manifesto estas mortes son "só a punta do iceberg" da violencia patriarcal. "Nos últimos anos padecemos os recortes sistemáticos nos recursos públicos xerais, nos dereitos sexuais e os dereitos reprodutivos, recortes na interrupción voluntaria do embarazo das menores de entre 16 e 17 anos e recortes nos recursos especializados contra as violencias machistas", denuncian. "A cultura patriarcal culpabilízanos sen que a sociedade, os medios de masas e os poderes públicos se enfronten aos mitos misóxinos e anti-feministas", engade o texto. 

Entre as entidades galegas están a Plataforma Feminista Galega (que fará o vindeiro martes a súa presentación pública) e a Asociación Velaluz

As convocantes sinalan ques estas violencias "suceden nunha sociedade que tolera a desigualdade e resta credibilidade e autoridade ás mulleres". "O machismo alimenta a nosa desvalorización, a cousificación dos nosos corpos e a falta de respecto ás nosas decisións. Igualmente, estas agresións son inseparables das que sofren as persoas que non responden á masculinidade hexemónica", din.

O manifesto e a marcha contan coa adhesión de ducias de organizacións feministas, e mais co apoio dun gran número de entidades sociais, sindicais e políticas, nunha lista que aínda está aberta e en crecemento. Entre as entidades galegas están a Plataforma Feminista Galega (que fará o vindeiro martes a súa presentación pública) e a Asociación Velaluz. Os colectivos convocantes convidan "a toda a poboación civil a se sumar" a esta marcha, xa que "a erradicación das violencias machistas e das violencias cara ás mulleres é unha cuestión que atinxe a toda a sociedade", subliñan.

 

Esixencias da Marcha

Esixe a loita contra "todas as violencias machistas", incluíndo as agresións sexuais, o acoso sexual no ámbito laboral e a trata con fins de explotación sexual/laboral de mulleres e nenas

O manifesto péchase cunha lista de esixencias, comezando pola demanda de que "a loita contra o terrorismo machista sexa unha cuestión de estado". Pide tamén que se desenvolva e implemente o Convenio de Istambul e se reforme a Lei 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero "para que estean reflectidas todas as formas de violencia contra as mulleres".

Demanda que "o foco se poña na protección das afectadas, facilitando diferentes saídas que impliquen unha verdadeira recuperación vital, económica e social"

Esixe que "a loita e os recursos inclúan tanto a violencia que exerce a parella ou exparella coma as agresións sexuais, o acoso sexual no ámbito laboral, a trata con fins de explotación sexual/laboral de mulleres e nenas e todas as violencias machistas". E que "todas as instancias de goberno se comprometan realmente na prevención e erradicación das violencias machistas, así como na asistencia e reparación de todas as mulleres en situación de violencia, independentemente da situación administrativa na que se atopen".

Pide así mesmo que "o foco se poña na protección das afectadas, facilitando diferentes saídas que impliquen unha verdadeira recuperación vital, económica e social delas así como dos seus fillos e fillas". Reclama igualmente "a eliminación da custodia compartida imposta e o réxime de visitas aos e ás menores dos maltratadores condenados" e "a retirada e non cesión da patria potestade aos maltratadores".

Pide que "os medios de comunicación se comprometan a facer un tratamento adecuado das diferentes violencias machistas"

Demanda, finalmente, que "a prevención sexa unha política prioritaria, que inclúa un sistema coeducativo en todos os ciclos, a formación específica para todo o persoal profesional que intervén nos procesos, os medios de comunicación, a produción cultural e a sociedade civil na loita contra as violencias machistas". Neste senso pide que "os medios de comunicación se comprometan a facer un tratamento adecuado das diferentes violencias machistas, visibilizándoas, evitando o sensacionalismo morboso no seu tratamento e empregando unha linguaxe e unhas imaxes non sexistas".

Captura de pantalla da web da marcha Dominio Público Praza Pública
Cartaz da marcha © Marcha Estatal contra as Violencias Machistas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.