A Xunta recoñece que a metade das granxas galegas non cobrarán a axuda do Estado

Frisona nunha leira en Viladavil, Arzúa © Sara Torreiro

A Xunta recoñece que máis de 4.000 explotacións gandeiras galegas non poderán acceder ás axudas aprobadas polo Goberno central pola grave crise do sector. Así o deixou claro Patricia Ulloa Alonso, directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias durante a comisión parlamentaria na que prefiriu "darlle a volta ao titular" para destacar que serán 4.800 granxas de Galicia as que cobrarán a axuda dun total de "5.600 en todo o Estado". Tendo en conta que no país hai unhas 9.300 explotacións, practicamente a metade quedarían sen a axuda. 

Segundo os requrimentos especificados na orde das axudas, en Galicia percibirán as de 300 euros por vaca aquelas explotacións que entre abril e xullo cobrasen o quilo de leite por baixo dos 24,5 céntimos, mentres que en Andalucía, poden beneficiarse dela todas as granxas que tivesen prezos de menos de 31,5 céntimos por litro no mesmo período. Para as axudas de 110 euros por vaca, no país esíxese que neses meses se cobrase menos de 27 céntimos, mentres que en Andalucía poderían cobrar aquelas que tivesen prezos de ata 34 céntimos. "Unha marxinación", segundo os sindicatos agrarios, que censuran unha medida que Unións Agrarias xa levou ante a xustiza. 

A Xunta di que 4.800 granxas galegas cobrarán as axudas, fronte ás 9.300 que hai no país

Mentres Ulloa puxo en valor que Galicia "é a gran gañadora das axudas", a oposición censurou que estas non cheguen a ningún gandeiro galego que cobrase máis de 24,5 céntimos por libro de leite. Para a directora xeral, eses 300 euros por vaca supoñen "catro céntimos máis por litro", ademais de defender que os ratios que se teñen en conta para establecer as axudas son "semellantes en todo o Estado". 

Non está de acordo niso a deputada do BNG Tereixa Paz, que destacou que os gandeiros en Andalucía son os "grandes beneficiarios" das axudas do acordo lácteo  e lembrou que segundo as palabras da propia ex conselleira Rosa Quintana había que pagarlles máis por que tiñan máis problemas par producir, 7 céntimos máis. A parlamentaria suxeriu que, "seguindo a doutrina do PP, esas explotacións habería que pechalas se non son eficientes". 

O BNG cualifica de "gran calote" o acordo lácteo porque "non garante os custos de produción do leite en Galiza"

Ademais, na súa intervención, a deputada nacionalista  cualificou  de “gran calote” o acordo lácteo e lembrou que foi rexeitado polas diferentes asociacións agrarias e gran número de gandeiros "porque non garante os custos da produción do leite en Galiza e non achega medidas concretas para resolver a grave crise do sector".

Tamén respondeu Tereixa Paz á directora xeral de Patricia Ulloa que a axuda de 300 euros por vaca ata un máximo de 10.000 euros por explotación “subvenciona catro céntimos ata 30 vacas” pero das trinta para riba “non subvenciona nada”. Ademais, segundo dixo, para todos e todas aqueles que produciron por debaixo dos 24 céntimos “seguen sen garantirse os custos medios por  producir leite no noso país”.

Patricia Ulloa tivo que saír ao paso tamén das dúbidas do PSdeG, que preguntou se esas axudas aos gandeiros do Estado por parte da UE de 25,5 millóns son compatibles con eses 300 euros por vaca. A directora xeral asegurou que "todas" chegarán ás granxas galegas e presumiu das medidas que proximamente a Xunta porá en marcha

Por outra banda, a dirixente da Xunta pediu "deixar que funcione" o acordo lácteo asinado o pasado 23 de setembro e "non facer augurios catastrofistas antes de que comece a andar". Ulloa cualificou de "histórico" o pacto e confiou en que os prezos comecen a subir nos vindeiros meses. 

Patricia Ulloa, directora xeral de Produción Agropecuaria © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.