Os medios comunitarios cualifican de "aldraxe á cidadanía" o plan de Industria para eliminalos

O estudio de Cuac FM CC-BY-NC Cuac FM

A pasada semana El Diario publicou en exclusiva un informe interno de Industria que revelaba como se manipula o sector audiovisual e a concesión de TDT. Entre outras recomendacións, o texto propoñía "eliminar" da lexislación a categoría de servizos de comunicación audiovisual comunitarios sen ánimo de lucro, é dicir as radios e televisións comunitarias, recollidas no artigo 32 da Lei do Audiovisual, aprobada en 2010, que obriga o Estado a "garantir a dispoñibilidade do dominio público radioeléctrico necesario para a prestación destes servizos". O Estado central e a Xunta levan máis de catro anos incumprindo a lei, pero o informe interno de Industria defendía impulsar unha modificación lexislativa para obstaculizar definitivamente o labor destas emisoras, "xustificado na escasez de frecuencias e nas posibilidades de internet e os medios dixitais". O informe anticipaba igualmente que a medida tería o "rexeitamento de partidos de extrema esquerda".

Nos últimos días algunhas destas canles de radio e televisión, o mesmo que os organismos que as agrupan a nivel español e europeo, teñen manifestado publicamente a súa protesta ante estas manobras, lembrando de paso o incumprimento que da lei veñen facendo as distintas administracións con competencias no sector audiovisual. A Red de Medios Comunitarios (ReMC), que agrupa máis de 40 medios do Terceiro Sector da comunicación, sinalou que "de executarse esta decisión, suporía un gravísimo atentado contra o dereito á comunicación e á liberdade de expresión no Estado español". A ReMC facía ademais un chamamento a todas as forzas políticas "para que reafirmen o seu compromiso cos Medios Comunitarios, cuxo desenvolvemento no noso país sofre un atraso moi considerable con respecto a outros Estados da nosa contorna".

"De executarse esta decisión, suporía un gravísimo atentado contra o dereito á comunicación e á liberdade de expresión no Estado español", segundo a Red de Medios Comunitarios

De igual xeito, a Asociación mundial de radios comunitarias (AMARC), integrada por 4.000 medios comunitarios de 130 países, vén de difundir un comunicado no que expresa a sáu "inquietude e sorpresa ante este ataque á liberdade de comunicación dos cidadáns". AMARC lémbralle ao Goberno que "a condición legalmente recoñecida dos medios comunitarios non é unha concesión gobernamental senón a aplicación de regras superiores ao Estado español", comezando pola Directiva Europea de servizos de comunicación audiovisual, resolucións do Parlamento europeo e declaracións do Consello de Europa. A entidade salienta que a Lei Xeral de Telecomunicacións de 2010 establecía o 1 de maio de 2011 como data límite para comezar o procedemento de atribución de frecuencias a entidades do terceiro sector da comunicación.

Para CUAC FM, os plans de Industria son unha "aldraxe intolerable, non xa aos medios comunitarios, senón aos propios dereitos fundamentais da cidadanía"

A emisora coruñesa Cuac FM tamén se pronunciou publicamente a pasada semana, esixindo "o cumprimento da lexislación vixente en materia de telecomunicacións e a rectificación das liñas de actuación desenvolvidas en contra dos medios comunitarios" e cualificando os plans de Industria de "aldraxe intolerable, non xa aos medios comunitarios, senón aos propios dereitos fundamentais da cidadanía, que debería ser causa da demisión ou cese das autoridades involucradas".

Charla en Radio Fedello (Ourense) sobre Cuac FM © Cuac FM
Emisión de Radio Filispim dende o Ateneo Ferrolán, no seu décimo aniversario CC-BY-SA Radio Filispim

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.