0 Gardados para despois

Unha xornada do Parlamento europeo analizará o tratamento xudicial da violencia machista

Redacción | @prazapublica

O Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), no que está integrada a eurodeputada por Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, organiza unha xornada de análise e debate titulada O sesgo machista na aplicación das políticas: O caso da xustiza. O evento, que se celebrará o vindeiro 18 de novembro na sede do Parlamento europeo en Bruxelas, reunirá a mulleres de diferentes colectivos, entre eles a Rede de Mulleres Contra os Malos Tratos de Vigo, AGAMME, a Secretaría das Mulleres do SLG ou o Colexio de Psicoloxía de Galicia.

Para Senra, “o machismo está tan presente nas institucións” que impide que as propias Administracións que elaboran leis para loitar contra esta lacra actúen defendendo con efectividade os dereitos das mulleres

A xornada foi presentada este venres en Compostela, nunha rolda de prensa na que Lidia Senra estivo acompañada por Estrela Gómez Viñas, coordenadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), e de Rosa Fontaíña Pazos, coordenadora da Rede de Mulleres Contra os Malos Tratos de Vigo. Senra sinalou que os avances en materia de loita contra a desigualdade de xénero e a violencia machista “non están indo tan aló como sería desexable” e afirmou que “o machismo está tan presente nas institucións” que impide que as propias Administracións que elaboran leis para loitar contra esta lacra actúen defendendo con efectividade os dereitos das mulleres.

“Estamos vendo como se están a aplicar políticas sempre cun sesgo machista, cando o necesario hoxe é ir cara á tolerancia cero coa violencia e desigualdade de xénero e as Administracións teñen que ser claras neste sentido", engadiu, facendo referencia ao recente caso do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e criticando neste senso a actitude que está a manter o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, cara ao tema.

Pola súa banda, Rosa Fontaíña Pazos destacou que nas xornadas se farán achegas para facer visible a problemática e tamén visibilizar as persoas que “estamos loitando contra a violencia de xénero todos os días". “No noso país estase desprezando ás mulleres a diario, non se está facendo caso ás asociacións, non se nos está tendo en conta. E ademais estamos escoitando a persoas con cargos políticos e responsabilidade pública moi grande facendo valoracións nada axeitadas”, dixo.

Rosa Fontaíña: "As leis actuais non están dotadas de orzamentos para a súa aplicación e non se están a cumprir, polo que é necesario un cambio”

Fontaíña destacou que na aplicación da lexislación a nivel xudicial se están producindo atrasos en sentencias que “son moi perxudiciais para as persoas”. “Querémolo contar en directo, levar a nosa realidade a Europa. Por un lado, as leis actuais non están dotadas de orzamentos para a súa aplicación e non se están a cumprir, polo que é necesario un cambio”, subliñou. Chamou tamén a preguntarse o que pode haber detrás dos continuos casos de violencia machista: “Alguén se preguntou algunha vez por que as mulleres moitas veces non queren declarar despois de denunciar á súa parella ou de que esta sexa detida por un caso de violencia machista? A lei permite que o suposto delincuente hoxe en día poida facer unha chamada desde os calabozos secreta para dicir onde está. O que está pasando é que eles fan esa chamada ás mulleres ameazándoas con que se falan irán a por elas. Logo, estamos retrocedendo nesta materia co beneplácito nalgúns casos das políticas lexislativas e dos tribunais”. “Vivimos auténticas barbaridades cotiás”, concluíu.

Estrela Gómez: “O marco normativo non sempre está correlacionado coa práctica xudicial. As Administracións non toman en serio ás mulleres

Mentres, Estrela Gómez denunciou que "as Administracións non toman en serio ás mulleres”, sinalando que a práctica xudicial no Estado español considera que cando unha nai presenta unha denuncia contra o pai dos seus fillos, o testemuño que poidan dar as nenas e nenos vai ser falso por estar influenciado pola nai. Para Gómez, é importante que isto chegue ao Parlamento Europeo, xa que o problema do sesgo machista nas institucións "é global”. “O marco normativo non sempre está correlacionado coa práctica xudicial”, engadiu. Defendeu que todas as nenas e nenos "teñen dereito a ser escoitados en condicións óptimas", pero "estamos asistindo a interrogatorios policiais, que poden tardar ata 12 meses en producirse despois dunha denuncia e en espazos intimidatorios". “Con estas prácticas o testemuño infantil está sendo negado en casos de violencia machista, o propio sistema impide que se produzan testemuños válidos”, dixo. “Ningún Estado pode permitir que o maltrato sexa unha práctica” e temos que avanzar neste sentido”, concluíu.

Na xornada tamén participarán María Ferreiro, responsable da Secretaría das Mulleres do SLG, e Rosa Álvarez Prada, actual Decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Ademais, intervirán Sonia Vaccaro, psicóloga experta en vitimoloxía e violencia de xénero, que falará sobre a utilización do SAP na xustiza como outra forma de violencia; e Lorena Garrido Jiménez, profesora e investigadora do Grupo Antígona, pertencente á Facultade de Dereito da Universidade Autónoma de Barcelona, que abordará a cuestión do dereito androcéntrico como reto pendente.

Lidia Senra explicou, igualmente, que a xornada non busca simplemente difusión e debate, senón que desde AGEe se presentarán preguntas na Comisión Europea sobre os asuntos que se plantexen nos relatorios. “Queremos abrir debate e deixar propostas no Parlamento Europeo para seguir traballando”, dixo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.