Os alimentos cada vez percorren máis quilométros

Imaxe da capa do informe de Amigos da Terra © Amigos da Terra

Unha das cuestión máis criticadas, ou que máis chamaron a atención no caso das dúas empresas de catering ás que a Xunta rescindiu o contrato para xestionar comedores escolares, á vista da moi deficiente calidade ofrecida era que cociñaba os seus alimentos en Málaga, para procesalos posteriormente en Galicia e servilos. Un percorrido de máis de mil quilómetros para unhas racións que ben poderían ter sido preparadas moito máis preto dos centros de ensino nos que se ían consumir. Porén, este tipo de percorridos máis que unha excepción, tense convertido nos últimos anos en algo habitual. Os alimentos cada vez viaxan máis, cada vez percorren máis quilómetros entre o lugar no que son cultivados ou criados e o lugar no que se consumen finalmente. Isto incrementa o papel dos intermediarios na cadea e, sobre todo, redunda nun gasto enerxético cada vez maior.

Non falamos só de produtos que podemos considerar exóticos (froitas tropicais, por exemplo), e nas que o desprazamento entra dentro da lóxica. De feito, estes produtos representan unha parte moi pequena dos desprazamentos totais de alimentos no mundo. O pasado ano Amigos da Terra publicou o estudo Alimentos kilométricos, realizado polo Grupo de Investigación de Agroecoloxía e Economía Ecolóxica da Universidade de Vigo (con orixe nesta investigación) e o Departamento de Economía Aplicada II da Universidade de Sevilla. O informe concluía que os alimentos importados no Estado español durante 2011 percorreran de media 3.828 km. E que as emisións de dióxido de carbono (CO2) asociadas ao transporte deses alimentos ascenderan a 4,2 millóns de toneladas. Xosé Veiras debullou de forma exhaustiva o informe nunha entrada do blog Un Claro no Bosque

Entre 1995 e 2007 as importacións de alimentos en España pasaran de 19 a máis de 29 millóns de toneladas

Entre 1995 e 2007 as importacións de alimentos en España pasaran de 19 a máis de 29 millóns de toneladas. E só a contracción do consumo inducida pola crise económica invertera esta tendencia (cun descenso a 25 millóns en 2011). As estatísticas do comercio exterior español para Galicia amosaban igualmente que as importacións de alimentos aumentaran igualmente un 30% no período que vai de 1995 a 2012.

España importa o 90% do trigo que consume, o 50% do millo, o 80% das xudías e lentellas e mesmo o 20% das patacas e case o 40% do leite. E, ademais, practicamente o 100% da soia

España importa o 90% do trigo que consume, o 50% do millo, o 80% das xudías e lentellas e mesmo o 20% das patacas e case o 40% do leite. E, ademais, practicamente o 100% da soia. O informe chamaba a atención sobre que o 60% das importacións de alimentos en España correspondían a pensos para animais e a cereais e preparados de cereais, grande parte dos cales son tamén destinados a alimentación animal, destacando Amigos da Terra que isto amosaba “por un lado, a perda de autosuficiencia alimentar e, por outro, a natureza do modelo de produción gandeira dominante en España”. Un modelo "intensivo, dependente do exterior e exportador de insustentabilidade", como lembraba Veiras.

A publicación lembraba así mesmo que “dado o consumo europeo de produtos cárnicos e a dependencia da soia do sistema de produción animal, Europa necesita cada ano case 11 millóns de hectáreas cultivadas de soia, unha área equivalente a toda a superficie cultivábel de Alemaña. E subliñaba os importantes efectos negativos (custes ambientais, deforestación, desprazamento de comunidades) provocados polo extensión do cultivo da soia.

O informe concluía que o sistema alimentario industrial consumía ata cinco veces máis enerxía que o baseado na produción local e ecolóxica

O estudo analizaba o impacto enerxético de todo este movemento, que en ocasións acadaba niveis absurdos, significados por exemplo en datos como que España importa cada día 330.000 quilos de carne de pollo e exportamos 205.000 quilos de carne de polo. Amigos da Terra lanzou, en paralelo co documento, unha Calculadora de CO2, que permitía coñecer a contaminación xerada polas nosas compras de alimentos habituais. Destacaba que o transporte en avión e en camións por estrada eran os máis intensivos en emisións. E concluía que o sistema alimentario industrial consumía ata cinco veces máis enerxía que o baseado na produción local e ecolóxica.

O documento recomendaba “a promoción dun modelo de agricultura de pequena escala, social e sostible, orientado a mercados locais a través de canles curtas de comercialización, dentro dun modelo baseado na soberanía alimentar"

Finalmente, o documento facía algunhas recomendacións, como “a promoción dun modelo de agricultura de pequena escala, social e sostible, orientado a mercados locais a través de canles curtas de comercialización, dentro dun modelo baseado na soberanía alimentar". E tamén pedía que a agricultura non estea regulada dentro do marco da Organización Mundial do Comercio e demandaba regras que “protexan a agricultura local e relocalicen o comercio”. Así mesmo, solicitáballe ás administracións locais a creación de mercados locais labregos e outros canais curtos de distribución ou o privilexiar os alimentos locais e ecolóxicos na contratación pública.

Imaxe da capa do informe de Amigos da Terra © Amigos da Terra
O transporte por estrada é un dos máis contaminantes, xunto co avión CC-BY juanedc

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.