Europa pódelles abrir ás vítimas do Alvia as portas que en España seguen pechadas

Representantes da Plataforma con Ana Miranda e Michael Cramer, presidente da comisión de Transporte © Plataforma Alvia 04155

A investigación que se nega nas institucións políticas españolas pode chegar a través das europeas. A representación da Plataforma Alvia 04155, que agrupa a maioría de vítimas e familiares de vítimas do accidente ferroviario, amosou a súa satisfacción trala intensa xornada de traballo levada a cabo no Parlamento europeo esta semana, na que mantiveron xuntanzas co responsable de seguridade ferroviaria da Unión, co presidente da Comisión de Transporte da Eurocámara e con eurodeputados e eurodeputadas de distintos grupos, ademais de contribuír a axilizar as dúas denuncias presentadas hai meses polos incumprimentos do Estado na seguridade da alta velocidade. Na visita estiveron acompañados pola portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda.

Os representantes da Comisión comprometéronse a estudar as denuncias presentadas pola Plataforma, nomeadamente a ausencia dun sistema ERTMS de control de velocidade

Tras dúas horas de reunión co director de Mobilidade e Transporte, Olivier Onidi, e os máximos responsables da Axencia Europea de Seguridade Ferroviaria, os representantes da Comisión comprometéronse a estudar as denuncias presentadas pola Plataforma, nomeadamente a ausencia dun sistema ERTMS de control de velocidade ou as deficiencias existentes na liña Ourense-Santiago, sobre todo tralo cambio do proxecto. Ademais, segundo os representantes da entidade, os membros do organismo salientaron "o rigor" e a "completa documentación presentada", sorprendéndose por algunhas das eivas sinaladas tanto nos sistemas de seguridade coma na posterior investigación do sinistro. 

Segundo a Plataforma, o interese que atoparon entre os responsables europeos de transporte lévaos a pensar que tamén poden seguir o seu curso as dúas denuncias presentadas hai meses ante a Comisión de Peticións do Parlamento, e ás que nesta visita engadiron nova documentación. Unha delas refírese a posibles incumprimentos do Estado español da normativa que afecta á seguridade ferroviaria, concretamente á seguridade da Alta Velocidade. Tamén se sinala "falta de independencia dos organismos de investigación, ausencia de control de riscos, ausencia de nova verificación ao producirse cambios substanciais na seguridade" e a "ausencia de documentos que acrediten a homologación do material rodante". A segunda denuncia fai referencia a un suposto delito de "publicidade enganosa, ao "enganar gravemente a todos os cidadáns sobre a seguridade e características da Alta Velocidade". A Plataforma sinala que "o Ministerio de Fomento e as súas empresas publicitaron de maneira enganosa que os cidadáns contabamos nese tren e nesa liña coa última tecnoloxía e con sistemas de condución automática, coma ERTMS".

Ana Miranda destacou que os representantes da Comisión Europea agradeceron a gran cantidade "de nova información" achegada pola Asociación e que propuxeron a realización dunha segunda xuntanza no comezo do vindeiro ano para seguir analizando o caso. Miranda salientou que o obxectivo destes contactos é "que se saiba a verdade, que se esclarezan os feitos e se depuren responsabilidades” e lembrou a negativa de PP e de PSOE á constitución dunha Comisión de Investigación, que “sempre bloquearon” e os obstáculos do Ministerio de Fomento para que se puidese “coñecer a verdade”.  

"Estamos aquí pola falta de independencia e de rigor do Ministerio de Fomento e de Renfe-Adif, que neste caso actuaron como xuíz e parte, o que levou ao Estado español a facer o ridículo ante as institucións europeas"

A representante do BNG subliñou igualmente que "actualmente continuamos desprotexidos en seguridade ferroviaria. Viaxamos en Alvia entre Ourense e Santiago sen o dispositivo de seguridade máis avanzado, o ERTMS. De igual xeito que o Eixo Atlántico se puxo en funcionamento este ano sen contar con este sistema". "A seguridade en materia ferroviaria en Galiza segue a ser cuestionábel cando o obxectivo debería ser reforzala a fin de evitar máis accidentes deste estilo”, concluíu.

Pola súa banda, Jesús Domínguez, voceiro da Plataforma, salientou que "estamos aquí pola falta de independencia e de rigor do Ministerio de Fomento e de Renfe-Adif, que neste caso actuaron como xuíz e parte, o que levou ao Estado español a facer o ridículo ante as institucións europeas".

Blanco asegurou que soubo que o tren carecía de ERTMS "tres días despois do accidente", alegando que o seu cargo como ministro non lle permitía estar ao tanto de todos os detalles técnicos

Un dos momentos de maior tensión da xornada chegou no encontro que as vítimas mantiveron con José Blanco, ex ministro de Fomento, e que é sinalado pola Plataforma como un dos responsables das eivas da liña. Foi o primeiro encontro dos afectados co hoxe eurodeputado socialista, que asegurou que ata agora ninguén solicitara esta xuntanza. Blanco asegurou que soubo que o tren carecía de ERTMS "tres días despois do accidente", alegando que o seu cargo como ministro non lle permitía estar ao tanto de todos os detalles técnicos. O ex responsable de Fomento botou balóns fóra e sinalou a responsabilidade da súa sucesora no cargo, Ana Pastor, lembrando que a homologación dos Alvia se fixo baixo o mandato dela e "en tempo record". Ante a petición, a cargo das vítimas, de que se cree unha comisión de investigación no Congreso sobre o sucedido, Blanco rexeitou a posibilidade, asegurando que "non cría nas comisións de investigación".

 

Frankenstein 04155

O documental proxectouse este mércores en Compostela. O pase, que contou entre o público con familiares das vítimas do sinistro, pechouse cunha longuísima ovación

A visita a Bruxelas pechouse coa proxección do documental Frankenstein 04155 na Sala ASP1G3 do Parlamento Europeo, seguida dun debate, coa presenza do seu director, Aitor Rei. O filme proxectouse este mércores en Compostela no marco de Cineuropa. O pase, que contou entre o público con familiares das vítimas do sinistro e mesmo de membros da Asociación de Vítimas do Metro de Valencia, pechouse cunha longuísima ovación. Hai unhas semanas, o xurado da Semana Internacional de Cine de Valladolid outorgoulle a Mención Especial por “indagar con gran rigor nas causas do accidente" e sinalou que "o cine documental amosa aquí a súa capacidade para denunciar a fractura e o distanciamento entre a sociedade civil e as institucións”.

Representantes da Plataforma con Ana Miranda e Michael Cramer, presidente da comisión de Transporte © Plataforma Alvia 04155
Teresa Gómez-Limón entrega información complementaria ás denuncias © Plataforma Alvia 04155

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.