O Diario de Arousa vai á folga indefinida tras novos despedimentos que o deixan sen fotógrafos

Concentración do persoal do Diario de Arousa, en setembro © Diariodearousa Enloita

O Diario de Arousa, ao igual que outras cabeceiras da Editorial La Capital (Diario de Ferrol, El Ideal Gallego, Diario de Bergantiños e Deporte Campeón), leva anos nun proceso de desmantelamento das súas redaccións. Despedimentos, xubilacións e prexubilacións e a centralización na Coruña dalgúns departamentos reduciron a súa dimensión e os recursos para levar a cabo o seu traballo e publicar o xornal cada día. Os traballadores e traballadoras do grupo pasaron ademais por dous ERE consecutivos, nos que esgotaron a súa posibilidade de cobrar o subsidio de desemprego, e sofren habituais atrasos no pagamento das nóminas.

Nos últimos días foron despedidas dúas persoas máis dos departamentos de Administración e Fotografía, baixas que se unen ás outras catro que se produciron ao longo deste ano e ás tres de 2010. No Diario de Arousa traballan agora 13 persoas (contando persoal directivo, comercial e administrativo), e só seis redactores e redactoras para darlle cobertura informativa ás comarcas do Salnés, Barbanza e Ulla-Umia. O que chama máis a atención é que tralo recente despedimento queda na redacción un único fotoxornalista que nestes momentos, ademais, está de vacacións. Polo tanto, o xornal non conta estes días con ningún fotógrafo.

No Diario de Arousa traballan só seis redactores e redactoras para darlle cobertura informativa ás comarcas do Salnés, Barbanza e Ulla-Umia

Os traballadores e traballadoras do Diario de Arousa veñen de convocar unha folga indefinida a partir deste xoves 26 de novembro. Ademais, celebrará unha concentración de protesta o venres 27 ás 20:30 na Praza de Galicia de Vilagarcía. O persoal dos restantes xornais do grupo decidirán este luns de que forma apoian os seus compañeiros e compañeiras da cabeceira arousá e se se unen á convocatoria de folga ou optan por algunha acción doutro tipo. Cando o pasado mes de setembro o Diario de Arousa levou a cabo outra folga, cun seguimento case unánime na redacción, o xornal impreso saíu igualmente á rúa ao día seguinte, grazas ao traballo do seu director e outro redactor. O mesmo sucedeu no caso do Diario de Ferrol.

A redacción denuncia que os sucesivos despedimentos e baixas que veñen sufrindo son unha mostra "das intencións" da Editorial La Capital "desmantelar Diario de Arousa e deixar as comarcas de Salnés, Barbanza e Ulla-Umia sen unha cabeceira propia". Destacan que iso "sería un ataque directo á pluralidade informativa e tería pésimas consecuencias non só para os traballos deste medio, senón para o conxunto da sociedade e dos seus representantes, que verían como se apaga a súa voz".

A redacción denuncia que os sucesivos despedimentos e baixas que veñen sufrindo son unha mostra "das intencións" da Editorial La Capital "desmantelar Diario de Arousa"

A folga é indefinida e os convocantes aseguran que continuará ata que dende a dirección do grupo lles ofrezan unha solución. Porén, lembran que nos últimos meses solicitaron reunirse con eles en varias ocasións, sen éxito. "Dende a empresa dixéronnos que non ía haber máis despedimentos, pero xa outras veces dixeron algo parecido e non foi verdade. Non confiamos na súa palabra neste tema", afirman e destacan que "sen xornalistas, se o produto se empobrece, se o xornal é cada vez peor, é moito máis difícil xerar ingresos, o que levará a unha peor situación da empresa".

 

Sen fotógrafos/as

"Cando ti tiñas un problema eles estaban contigo", destaca o vídeo, animando a cidadanía e os colectivos sociais da zona a apoiar as reivindicacións da redacción do xornal

O que máis chama a atención é, sen dúbida, esa ausencia nestes momentos dunha persoa encargada da parte gráfica do xornal, unha situación que en principio se repetirá cando o único fotoxornalista da redacción teña días libres ou vacacións. Diariodearousa Enloita publicou un vídeo que reivindica que "sen fotógrafos non hai xornalismo" e lembra a maneira en que os fotoxornalistas da cabeceira veñen recollendo dende hai anos distintos conflitos laborais e reivindicacións sociais na comarca. "Cando ti tiñas un problema eles estaban contigo", destaca o vídeo, animando a cidadanía e os colectivos sociais da zona a apoiar as reivindicacións da redacción do xornal.

"Entendemos que o despedimento en Fotografía, o departamento máis mermado do xornal, non é por causas económicas, senón por represión laboral pola nosa loita contra a desastrosa xestión de Editorial La Capital. Non só nós entendemos que é un posto básico para a produción do xornal, senón que así tamén o entende a empresa que está a cubrir o seu posto con persoal sen formación en fotografía e doutros departamentos", destacan.

Concentración do persoal do Diario de Arousa, en setembro © Diariodearousa Enloita
Apoio a outra das folgas convocadas polo persoal do xornal nos últimos meses © Diariodearousa Enloita

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.