MZ de Mazaricos

Unha das imaxes chegadas ao concurso © EU SON Mazaricos

Hai unhas semanas botaba a andar EuSonMazaricos, unha iniciativa en forma de asociación cultural lanzada por un grupo de mozas e mozas deste concello rural da comarca de Xallas, co obxectivo de "facer cousas" pola súa localidade e dala a coñecer. Dende o inicio adoptaron o MZ como o seu símbolo e símbolo para o seu concello. O outro elemento que os distingue é a súa preocupación pola situación do sector gandeiro, tendo en conta que a gandaría supón a principal forma de vida e sector produtivo da localidade.

De feito, a propia asociación naceu ligada ás mobilizacións gandeiras do pasado mes de setembro, como destacaba Janet Martínez, presidenta da asociación, en entrevista publicada por Que pasa na costa?“Foi espectacular xuntarmos a todos para irmos a Lugo, e chegar alí e que toda a xente nos aplaudise coas nosas camisetas do MZ”. En canto ao resultado das mobilizacións, destacaban que "cando menos serviu para esto, para unírmonos como grupo" e aínda que asumían que "pode que o prezo do leite non suba moito", sinalaban que "en todo caso, penso que o consumidor si que mira máis o que compra" que "a xente se deu de conta de que hai un problema".

A iniciativa, lanzada por este grupo de mozos e mozas entre os 20 e os 30 anos, suma xa 1.256 seguidores e seguidoras nas redes sociais. Entre as primeiras accións que botaron a andar está unha Liga de Fútbol Sala, a produción de camisolas co logo MZ e a organización da Semana Gandeira. As actividades desta Semana Gandeira comezaron este luns e chegarán ata o domingo. Inclúen concursos de debuxo e de fotografía con temática gandeira e accións nos centros de ensino. A resposta, cando menos no certame fotográfico, foi espectacular, sumando polo momento 86 imaxes en competición. Xa na fin de semana, a actuación do grupo De Vacas, un campionato de muxido, a poxa de xovencas e a realización dunhas Xornadas técnicas do sector lácteo. Ademais, entregaranse os premios de todos os concursos convocados.

Tamén levan a cabo accións reivindicativas, relacionadas por exemplo coa demanda da incorporación dun ou dunha pediatra á vila. Nos últimos días setenta pais e nais da localidade presentaron unha reclamación no centro de saúde, esixindo que se repoña a praza, despois de tres semanas sen servizo de pediatría. "Primeiro foron as urxencias médicas, despois as gardas nas farmacias e agora parece que queren quitarnos o servizo de pediatría. Dende logo non imos deixar que, por parte da Administración, se nos desprece. Queremos, cando menos, os mesmos servizos que teñen noutros sitios porque nós non somos menos que ninguén", destacaba unha das nais afectadas en La Voz de Galicia.

Unha actividade moi intensa para unhas poucas semanas de vida da entidade, un exemplo de iniciativa que pode revitalizar unha localidade rural, e enriquecer o seu tecido social, animando os máis novos e novas a desenvolver as súas vidas na comarca, ofrecéndolles oportunidades de todo tipo.

Cartaz da 'Semana Gandeira' © EU SON Mazaricos
Mazaricos busca pediatra... © EU SON Mazaricos
Imaxe da iniciativa © EU SON Mazaricos
Unha das imaxes chegadas ao concurso de fotografía da Semana Gandeira © EU SON Mazaricos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.