0 Gardados para despois

Sanidade rebaixa o prezo do parking do Cunqueiro ás portas da campaña

Redacción | @prazapublica

Os usuarios do novo Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo atopáronse na mañá deste martes cunha repentina redución de tarifas no polémico aparcadoiro. O Sergas rebaixou a case a metade os prezos por estacionar no parking do centro, unha instalación explotada por unha empresa con sede en Madrid cuxo importe chegaba a acadar os 12 euros diarios e que provocou fortes críticas entre a cidadanía, a oposición e os propios traballadores sanitarios. 

O Sergas rebaixou por sorpresa a case a metade os prezos por estacionar no aparcadoiro do novo hospital

Deste xeito, e desde este martes, a primeira media hora no aparcadoiro é gratuíta, mentres que a segunda queda en 90 céntimos, fronte aos 93 que supoñía a aplicación da anterior tarifa. Ademais, o prezo do resto de horas diminúe tamén de maneira importante, ao pasar de 1,86 euros a 1 euro, mentres que o bono de 24 horas baixa dos 12 euros aos 8 da actualidade. 

Estas novas tarifas aplícanse tamén no aparcadoiro de Urxencias, aínda que alí o bono para un día enteiro queda en 10 euros. A redución de prezos, a menos de vinte días das eleccións xerais e xusto antes da campaña, fíxose efectiva tan só unhas horas antes de que o novo conselleiros de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña. anunciase por sorpresa a baixada do seu importe nunha comparecencia no Parlamento. "O Cunqueiro ten desde hoxe as tarifas máis baratas de aparcadoiro na cidade de Vigo", dixo, anunciado unha medida que fora posta en marcha esa mesma mañá e sen previo aviso. 

"Son as tarifas máis baixas comparadas coas de calquera aparcadoiro municipal da cidade de Vigo, tanto no prezo por hora -que chegan a custar ata 2,27 euros- coma no prezo máximo por día -que nalgún caso acada os 25,30 euros-", di a Consellería de Sanidade nunha nota, na que presume de "mellorar notablemente a accesibilidade de pacientes, profesionais e visitas ao Hospital Álvaro Cunqueiro" e destaca a "dispoñibilidade de 180 prazas no exterior totalmente gratuítas" ante a "escasa oferta actual de espazos alternativos onde estacionar os vehículos".  

Poucas horas despois da redución de prezos, o conselleiro anunciaba a medida no Parlamento e presumía das "tarifas máis baratas de Vigo"

Porque o tema do aparcadoiro foi utilizado por uns e outros para censurar a xestión política arredor do novo hospital. Mentres Feijóo acusaba o alcalde Abel Caballero de non facilitar terreos para construir unha zona de parking de balde, o rexedor irrompía na polémica anunciando a construción dun parking gratuíto ante os atrancos que poñía a Xunta á cidadanía. "O que si temos que dicir nós é que imos dar facilidades para que a xente poida aparcar, desde logo a prezos moito máis baratos que todas as concesións municipais do Concello de Vigo", asegurou o conselleiro na Cámara galega ante as críticas da oposición, unha vez máis, á xestión levada a cabo no Álvaro Cunqueiro. 

Así, Eva Solla, deputada de AGE, dixo que o novo conselleiro “recolle os restos de Rocío Mosquera, unha sanidade moribunda” e acusouno de continuísmo, mentres que Montse Prado, do BNG, cualificou de “publireportaxe” a comparecencia do titular de Sanidade e lamentou que obviara os problemas detectados no Álvaro Cunqueiro. Desde o PSdeG, pola súa banda, Carmen Acuña asegura que a privatización do centro "obriga a pagar prezos de boutique nun hospital dos chineses", ademais de reclamar a marcha do xerente da área sanitaria. 

Mentres, os problemas continúan. Unha tubaxe de augas fecais volveu rachar e inundar e bloquear a zona de reanimación de urxencias. Un incidente semellante ao que ocorreu a mediados de outubro na mesma zona. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.