ADEGA denuncia que Cementos Cosmos ocupa ilegalmente un monte comunal en Triacastela

Canteira en Triacastela © Triacastela Viva

A asociación ecoloxista, canda á Asociación sociocultural O Iribio e á Asociación veciñal Monte Caldeirón reclámanlle ao Concello que defenda o dereito dos veciños sobre o monte de Vilar, coñecido como A Pedra, fronte as pretensións de ocupación da empresa. Cementos Cosmos, amparada nun decreto franquista de 1971, xa iniciou os traballos de apertura de pistas e deforestación deste monte para estender a actividade mineira a ceo aberto da canteira de calcaria que posúe no concello de Triacastela.

Cementos Cosmos, amparada nun decreto franquista de 1971, xa iniciou os traballos de apertura de pistas e deforestación deste monte para estender a actividade mineira a ceo aberto da canteira de calcaria que posúe no concello de Triacastela

Pese a que a empresa paralizou temporalmente a súa actividade na zona, ante a oposición veciñal á ocupación do monte comunal por parte da canteira e a interposición de accións na administración e na xustiza, Cementos Cosmos sostén que expropiou o monte en 1971, nun escuro procedemento de expropiación forzosa de urxencia ditaminado polo Consello de Ministros de Franco. Segundo ADEGA, o que realmente existe é tan só un documento de compra-venda desa parcela “por mutuo acuerdo entre entidad expropiada y la sociedad beneficiaria” asinado pola empresa e o alcalde daquela época.

Daquela os montes comunais estaban baixo titularidade municipal. Porén, as entidades que denuncian esta situación aseguran que a compra-venda é de dubidosa legalidade e nula lexitimidade, porque segundo o dereito galego sobre montes comunais, estes son bens indivisibles, inalienables, imprescriptibles e inembargables. É por iso que os veciños instan o concello (actual titor do monte comunal) a que defenda os intereses do pobo fronte as intencións de usurpación privada e ilegal de Cementos Cosmos, que ademais carece de licenza municipal para desenvolver a súa actividade na zona. 

Por outra banda, os veciños de Triacastela solicitaron a paralización da canteira e denunciaron a ocupación do monte na Garda Civil, o cal deu lugar a apertura dunha dilixencia por delicto penal contra a empresa e que se está a instruír nos xulgados de Becerreá. Segundo ADEGA, "a arrogancia da empresa mesmo chega a manifestarse a través do bloqueo camiños naturais de acceso ás aldeas, como a do Castiñeiro, cuxos habitantes teñen que arrodear 12 quilómetros de máis para chegar ás súas casas".

Canteira en Triacastela © Triacastela Viva
Rolda de prensa das tres entidades denunciantes © ADEGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.