0 Gardados para despois

O lácteo segue na rúa tras aprobarse un contrato homologado que non serve para subir os prezos

Redacción | @prazapublica

A Interprofesional Láctea (Inlac) aprobou este mércores o contrato homologado entre gandeiros e industria para o subministro do leite. O colectivo que agrupa representantes de produtores, industrias e cooperativas deu o visto e prace ao acordo co apoio de Asaja -que en Galicia representa Xóvenes Agricultores-, UPA (Unións Agrarias), Cooperativas Agroalimentarias e a parte transformadora, Fenil (Federación Nacional de Industrias Lácteas). Non o asinou COAG, onde se inclúe o SLG, que o rexeita fronte aos que tampouco o ven como unha solución definitiva aos baixos prezos pero que creen que é positivo para avanzar. 

O SLG rexeita asinar o modelo de contrato homologado e o resto de sindicatos fírmano pero adviten que non é a solución

O contrato homologado será publicado axiña polo BOE e pretende ofrecer un marco estable aos gandeiros para definir con clareza as relacións contractuais entre explotacións e industria. Inclúe cláusulas sobre duración do acordo, volume de leite a entregar cunha marxe de variación do 10% ou a fixación dun prezo baseado en diferentes referencias, ademais das condicións de pagamento, a calidade e trazabilidade do leite ou os termos das prórrogas, modificacións ou renovacións do asinado. 

Unións Agrarias (UUAA) apostou pola sinatura do acordo, pero co obxectivo de avanzar no "substancial", que é o prezo do leite, un problema que non resolverá este contrato homologado. "O importante é negociar o importe que reciben os gandeiros e o volume de leite a entregar; démoslle para adiante para centrarnos no importante", resumiu o seu secretario xeral, Roberto García, que lembra que só se aprobou un modelo de contrato que non resolverá a persistencia de prezos ruinosos. Porque non se contempla a figura dun mediador nin que afecte aos primeiros compradores. 

UUAA e XXAA aclaran que a ausencia dun mediador impide que o modelo pactado supoña un arranxo

Para UUAA e XXAA o contrato supón un avance porque é mellor ter un modelo para todos que varios e variados, pero desde unha e outra organización insístese en que isto non ten nada que ver coas reivindicacións do sector por unha suba do prezo que se lle paga aos gandeiros. 

SLG, pola súa banda, desmarcouse do apoio a este contrato homologado e lembra que "o prezo poderá seguir sendo imposto unilateralmente polas industrias, tal e como acontece agora". Porque o modelo non contempla referencia ningunha nin índice a partir do que se constitúe ese importe. "Serían sendo as industrias as que o impoñan", aclara Isabel Vilalba, secretaria xeral do sindicato. 

Ademais, o SLG advirte de que "non haberá un leite tipo nin baremos obxectivos para fixar os parámetros e calidades do produto" e avisa dun modelo de contrato que consolida "que as industrias podan esixir as calidades que consideren, de maneira que as granxas estarán aínda máis sometidas ao seu arbitrio". "As industrias poderán deixar de recollerlles o leite cando queiran coa escusa das calidades que elas marquen unilateralmente", insiste. 

"O prezo poderá seguir sendo imposto unilateralmente polas industrias", advirte o SLG

Ao tempo, denuncian que os gandeiros "deberán asumir funcións que asumía a Administración", como no caso das comunicacións dun cambio na cualificaicón sanitaria das explotacións, e que "poderá seguir habendo contratos inferiores a un ano". "Aínda que se propón a duración de un ano para o novo contrato, está aberto á posibilidade de que os períodos contractuais poidan ser modificados polas partes. É dicir, que a industria poderá seguir obrigando a asinar contratos dunha duración menor", remata o SLG, que tamén bota en falta un sistema de mediación específico para os contratos do leite. 

"Con este contrato, non existe negociación pois o modus operandi da industria é: ou asinas este contrato ou non che recollo o leite", insiste o SLG, que cre que a intención inicial dun contrato-tipo que fixase unha referencia para industrias e granxas "vese traizoada" por un modelo "que intentan vender en plena campaña electoral" e que "empeora nalgúns aspectos a posición dos gandeiros nas relacións contractuais do sector".

Pola súa banda, a directora xeral de Gandería defendeu o acordo e fixo un chamamento ao SLG para que se una á posta en marcha dun contrato homologado polo ben, afirma, dos gandeiros. 

As mobilizacións continúan

Mentres, as mobilizacións dos gandeiros continúan. Na Coruña e na súa área metropolitana, uns 300 gandeiros e 200 tractores manteñen os bloqueos en varias áreas comerciais e espallarán as protestas a outras localidades limítrofes coa capital provincial, ademais de xuntar máis produtores ás súas manifestacións. En Vilalba, Sarria, Monforte ou Lalín tamén se manteñen os vehículos agrarios, convocados pola Plataforma na Defensa do Sector Lácteo Galego. 

Mulleres gandeiras maniféstanse en Lugo mentres a Plataforma mantén o bloqueo de varias áreas comerciais

En Lalín, segundo conta a Revista Afriga, os gandeiros negociaron con Eroski e acordaron desbloquear a zona de carga e descarga e a gasolineira da empresa de distribución, que se comprometeu a promocionar o cartón de leite Campobuena Galega 100%, así como indicar a procedencia do leite nos seus envases. 

Ao tempo, en Lugo, o colectivo Agromuralla organizou neste xoves unha manifestación de gandeiras, que percorreron varias rúas da cidade lucense ata acabar na sede da Xunta para reclamar prezos xustos. "Somos gandeiras... por pouco tempo", puido lerse na pancarta. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.