0 Gardados para despois

Matronas alertan dos graves riscos pola falta de persoal no Álvaro Cunqueiro

Redacción | @prazapublica

Auxiliares e matronas do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) denunciaron este martes a "grave situación" pola que pasan e que, segundo denuncian repercute na atención que prestan ás "xestantes e os seus futuros fillos". Nunha rolda de prensa, varias das parteiras e persoal do novo centro incidiron nas súas eivas e advertiron da sobrecarga de traballo que sofren pola falta de persoal, unha queixa que xa trasladaron á dirección "en repetidas ocasións". 

As matronas denuncian que a falta de persoal provoca situacións de risco para as nais e os pequenos

As matronas aseguran que a situación é moito máis grave desde que foron trasladadas ao HAC ao aumentárenselles as súas funcións. A situación é tan grave, din, que "con moita frecuencia" hai casos que supoñen risco tanto para as nais como para os pequenos. Así, aclaran que non poden facer unha vixilancia continua da frecuencia cardíaca fetal ou que unha soa parteira debe ocuparse a un tempo de todo o paritorio ao non haber o mesmo número de auxiliares que de matronas. "Van dun parto a outro, deixándonos soas con mulleres que acaban de dar a luz ou en proceso de parto, tendo que axudarnos ás veces mesmo as parellas das xestantes", denunciaron. 

Ademais, as profesionais comparan a súa situación coa douros hospitais de Galicia e aseguran que, por exemplo, no Hospital da Coruña, con 11.300 nacementos menos que no Cunqueiro, hai cinco matronas, as mesmas que no centro de Vigo. As traballadoras insisten en que as circunstancias nas que se traballa na área sanitaria da cidade olívica está en contra de todas as recomendacións estatais e internacionais. 

"A maioría das veces unha matrona leva ao seu cargo, como mínimo, dúas parturientes e ata catro nas peores situacións"

En Vigo, din, hai catro matronas en planta e unha máis en Urxencias en cada quenda, pero "a maioría das veces unha parteira leva ao seu cargo, como mínimo, dúas parturientes, chegando a levar ata catro nas peores situacións". E isto cando, segundo din, a Guía de Atención al Parto Normal, do Ministerio de Sanidade, aclara que a muller de parto debe contar cunha matrona que poida dedicarlle todo o tempo. 

"Temos medo de ver o que nos imos atopar ao chegar a traballar", insisten, para alertar de que, no caso de que non se incremente o persoal decontado, "calquera día vai pasar algo moi grave"

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.