A Valedora pídelle explicacións ao CSIC por excluír a lingua galega

Acto no IEGPS co secretario xeral de Política Lingüística © IEGPS

O Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) é legalmente unha axencia dependente do Ministerio de Economía. En Galicia conta cunha delegación e cinco centros, un dos cales, o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, herdeiro de boa parte do legado do Seminario de Estudos Galegos, é de titularidade compartida coa Xunta, que ademais colabora economicamente co CSIC en diversos proxectos. No entanto, o organismo exclúe a lingua galega na práctica totalidade das súas comunicacións e por este motivo terá agora que render contas ante a Valedora do Pobo.

Un cidadán dirixiuse á alta comisionada para queixarse formalmente polo feito de que "toda a comunicación corporativa desta entidade se realiza integra a exclusivamente en castelán", evitando o galego, "tanto na súa páxina web e redes sociais -Facebook e Twitter- como en notas de prensa, comunicacións, dípticos ou presentacións". A xuízo do impulsor desta queixa esta exclusión "vulnera de cheo todo o edificio dos dereitos lingüísticos das galegas e galegos", algo que resulta de "especial gravidade" polo "carácter público desta institución", di.

Na queixa, formulada o pasado novembro, o seu impulsor lembra que o CISC obtén "permanentemente" recursos económicos da Xunta, que ademais impulsa un programa de I+D nos cinco centros da axencia no país. Neste escenario, indica, "resulta intolerábel que unha institución pública directamente vencellada á Administración" prescinda "de maneira absoluta do menor respecto pola legalidade básica e institucionalice deste xeito tal atentado aos dereitos lingüísticos da poboación sen o mínimo decoro".

"O uso normal e oficial da lingua galega na actividade do CSIC é unha esixencia normativa e xurisprudencial", lembra a Valedora

Nos últimos días de decembro a Valedora respondeu a queixa non só admitíndoa a trámite, senón avalando que ten sustento dabondo como para pedir explicacións do CSIC. No texto asinado pola titular da institución, Milagros Otero, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, a comisionada parlamentaria explica que, malia ser o CSIC unha entidade estatal, "nestes supostos relativos ao uso da lingua galega é procedente, en aras do principio de colaboración, solicitar informes sobre o problema exposto", toda vez que a institución do Valedor do Pobo ten, "de maneira especial", que velar polos dereitos que dimanan do Estatuto de Autonomía.

A alta comisionada reclámalle ao CSIC un informe pola exclusión do galego ao fío da queixa dun cidadán

Así as cousas, a Valedora inicia "as actuacións oportunas ante a Delegación en Galicia do CSIC", a comezar por requirirlle un informe sobre a cuestión. Sen prexuízo do desenvolvemento posterior do proceso Milagros Otero xa advirte de que "o uso normal e oficial da lingua galega na actividade do CSIC é unha esixencia normativa e xurisprudencial". "Ningún órgano ou organismo dependente da Administración central do Estado radicado en territorio da comunidade autónoma pode obviar ou demorar o seu cumprimento" e así ficou claro en sellas sentenzas do Tribunal Constitucional de 1986 e 1988, resalta.

Sede do CSIC en Santiago © CSIC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.