A falta de vivenda social en Vigo pode deixar na rúa unha familia dentro de oito días

Unha imaxe xeral de Teis, en Vigo CC-BY-NC Fran Eirín

Unha familia de Vigo, de tres integrantes (un adulto cunha minusvalía do 49%, a súa irmá de 19 anos e a nai de ambos, de 60), pode quedar na rúa o vindeiro 21 de xaneiro, data na que está previsto que se execute o desafiuzamento do piso que habitan no barrio de Teis. Hai unhas semanas que a familia fixo pública a súa situación, dirixíndose á PAH e ao colectivo de loita contra a exclusión Os Ninguéns, que os están axudando na procura dunha solución e en conversas coas distintas administracións. Porén, ata o momento as alternativas ofrecidas tanto pola Xunta coma polo Concello son claramente ineficaces.

A Xunta non dispón en Vigo de vivendas sociais axeitadas para esta familia. Os poucos pisos cos que conta son moi pequenos, insuficientes para tres persoas

Dende o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) sinálase que a Xunta non dispón en Vigo de vivendas sociais axeitadas para esta familia. Os poucos pisos cos que conta son moi pequenos, insuficientes para tres persoas. Ademais, sinalan dende Os Ninguéns, en Vigo hai outras moitas familias a piques de perder a súa casa, aínda que decidiron non facer público o seu caso e que teñen prioridade para acceder a estas alternativas habitacionais. "Nós non queremos deixar a ningunha outra persoa sen casa, queremos unha solución para todos os casos, que son moitos", din.

A única opción que se ofrece dende o Goberno galego é tentar buscar unha vivenda noutro concello, coa incomodidade que tería para a familia ser apartada do seu entorno social e familiar e, sobre todo, polo prexuízo que lles produciría empadronarse noutra localidade, e volver comezar todo o proceso de adxudicación de axudas, tendo ademais prioridade os demandantes anteriores nese novo concello.

"Facilitar o acceso a un piso novo que non van poder pagar non é solucionar un desafiuzamento", xa que "esta familia estará en situación semellante á actual dentro duns meses"

Dende a Xunta tamén se ofrece un bono que lles cubriría 150 euros de alugueiro dun novo piso durante un ano, unha vez tramitado e concedido. O primeiro problema é que esta solución é insuficiente (a familia só conta cos 426 euros que ingresa a nai a través do subsidio de desemprego) e que, primeiro, deberían conseguir alugar unha vivenda, "o que con eses ingresos, sen nómina ou aval, e tras denunciar publicamente dous desafiuzamentos é inviable", sinalan dende Os Ninguéns.

Abel Caballero manifestou publicamente que en Vigo non volvería haber un desafiuzamento mentres el fose alcalde

Pola súa banda, dende o Concello de Vigo, o único que se ofrece é financiar o pagamento da fianza e dúas mensualidades do pagamento do alugueiro do piso. Dende Os Ninguéns saliéntase que mesmo se a familia puidese atopar unha nova vivenda, como propoñen dende Concello e Xunta, "facilitar o acceso a un piso novo que non van poder pagar non é solucionar un desafiuzamento", xa que "esta familia estará en situación semellante á actual dentro duns meses". "Poñamos que atopan un piso de 350 euros de alugueiro (o que para tres persoas é complicado en Vigo): sobraríanlles 76 euros para chegar a final de mes. Cando acabase a axuda do concello, volverían endebedarse", din. 

En varias ocasións o rexedor da cidade, Abel Caballero, manifestou publicamente que en Vigo non volvería haber un desafiuzamento mentres el fose alcalde. A última, o pasado 31 de decembro, cando salientou que o seu Goberno municipal "aplica a política social máis importante de España". O pasado mes de xuño podíamos ler outras declaracións de Caballero aos medios, nas que destacaba que “a oficina antidesafiuzamentos é a miña mesa. Chamo eu ao banco e pároos”

"Prometer solucións para as que non hai capacidade é unha falta de respecto aos afectados e aos seus propios traballadores sociais"

Dende Os Ninguéns respóndenlle a Caballero que "prometer solucións para as que non hai capacidade é unha falta de respecto aos afectados e aos seus propios traballadores sociais, que deben axustarse a un procedemento que non coincide coa publicidade que deu o alcalde e son quen reciben a desesperación dos afectados que acoden confundidos pensando que o seu caso está solucionado cando non é verdade". Dende a entidade lembran que "hai moitas máis persoas nesta situación que non quixeron facer unha denuncia pública" e que para o mesmo día do desaloxo desta familia hai máis persoas pendentes dun lanzamento. "É un problema dramático que hai que encarar dunha vez por todas desde as institucións tendo pisos dispoñibles onde poder aloxarse pagando un alugueiro axeitado aos seus ingresos. E dende logo negar que isto estea a suceder ou prometer que non vai suceder máis cando non é certo non fai senón complicar máis as cousas", din.

"É un problema dramático que hai que encarar dunha vez por todas desde as institucións tendo pisos dispoñibles onde poder aloxarse pagando un alugueiro axeitado aos seus ingresos"

Segundo datos do INE, no Concello de Vigo hai 18 mil vivendas baleiras. Delas, unha boa parte son vivendas novas, construídas nos últimos anos, no marco da burbulla inmobiliaria da década pasada (en toda Galicia hai 30 mil casas sen vender posteriores a 2004). Os Ninguéns e a PAH seguen buscando solucións á situación destas familias. Neste caso concreto, previsto o lanzamento para o día 21, están a buscar algunha outra vivenda na que se poidan aloxar, para non quedar na rúa. Quedan oito días.

 

O caso de Vanesa Bregua e os seus dous fillos

Os Ninguéns tamén está colaborando con Vanesa Bregua, unha muller viguesa que tamén pode quedar na rúa nos vindeiros días xunto cos seus dous fillos, de 6 e 9 anos. Dende o 2011 esta familia residiu nun piso grazas a unha axuda do IGVS (que paga o 80% do alugueiro). Porén, a normativa impide que -superados os cinco anos- se manteña esta achega. Os ingresos da familia son moi reducidos, polo que lle resultará imposible continuar nesta vivenda e terá dificultades para acceder a outra. Os Ninguéns reclámalle ao Goberno galego que lle ofreza unha solución "que non sexa simplemente darlles unha data de saída".

 

"O Alcalde de Vigo era coñecedor desta situación hai meses"

"En reunión coa nosa Plataforma comprometeuse a solucionar non só a situación destas familias, senón que foi moito máis alá dicindo que non ía consentir ningún desafiuzamento en Vigo"

Con respecto á situación á que se enfrontan estas dúas familias, a PAH de Vigo sinala que "o Alcalde de Vigo era coñecedor desta situación hai meses" e que "en reunión coa nosa Plataforma comprometeuse a solucionar non só a situación destas familias, senón que foi moito máis alá dicindo que non ía consentir ningún desafiuzamento en Vigo". Engaden que Caballero "coas súas promesas non só nos faltou á verdade incumpríndoas, senón que ao facelo xogou coa dor destas familias ás que lles creou unha expectativa de solución" pois "a realidade é que están a poucos días dun desafiuzamento".

Lembra, así mesmo, que Vigo "posúe milleiros de pisos baleiros", en parte da SAREB e da banca e en parte de particulares. "O concello ten potestade para facer unha política que busque por unha banda acordos coa Banca para conseguir vivendas para o alugueiro social e doutra banda estimular a posta en circulación destas vivendas por medio de estímulos fiscais". "Facemos un chamamento a que as administracións locais e a Xunta fagan un esforzo real para colaborar xuntas na solución dos problemas habitacionais que temos e que por desgraza seguiremos tendo. É hora de que non se utilice o problema da vivenda como arma política entre as dúas administracións porque hai vidas en xogo", engaden.

Unha imaxe xeral de Teis, en Vigo CC-BY-NC Fran Eirín

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.