As Mercedarias: de rescatar prisioneiros a protagonizar as noticias

Convento compostelán das Mercedarias © Santiago Turismo

A finais de decembro o cinema compostelán NUMAX ofrecía os últimos pases d'A relixiosa (Guillaume Niclaux, 2013), a adaptación cinematográfica da célebre obra de Diderot. Mentres na sala de cinema se proxectaban as desventuras dunha moza forzada a internarse nun mosteiro de clausura na Francia do século XVIII, a 200 metros de alí o convento das Mercedarias, cuxa construción finalizou poucos lustros antes de que vise a luz a novela do ilustrado francés, aproximábase a unha convulsión por un motivo semellante. A orde relixiosa que na súa orixe se dedicaba a rescatar "cativos" de mans dos "infieis" estaba a piques de ser acusada xudicialmente de, precisamente, forzar o cativerio de varias mulleres.

O centro das monxas Mercedarias Descalzas foi, historicamente, un dos conventos máis relevantes da capital galega. Situado fronte á porta de Mazarelos, a única que se conserva da antiga muralla da cidade, leva máis de douscentos anos acollendo a relixiosas que se encomendan á denominada "obra redentora da orde". Alí combinan a oración con actividades como "lavado e pasado de ferro de ornamentos litúrxicos, confección de mantelerías" ou "venda de produtos da horta monástica", a mesma que a instrutora do caso mira agora con lupa ao considerar que as mulleres presuntamente retidas traballaban nela en "condicións de case escravitude".

Historicamente a orde mercedaria estivo dedicada a "redimir prisioneiros"

O tenebroso relato da maxistrada contrasta, por exemplo, co retrato que as monxas facían de si mesmas hai poucos meses nunha revista editada pola arquidiocese compostelá. Baixo o paradoxal título Nacidas libres a orde explicaba que "só o amor moi profundo" se atreve a comprender que "alguén desexe ser cativa". "Noutros tempos -lembraban- os pais mercedarios adoitaban redimir prisioneiros".

O caso das mozas de orixe india revolucionou o barrio e puxo o convento no foco da prensa. É a primeira vez que a plácida vida mercedaria se enfronta ao escrutinio xudicial e mediático, pero non se trata da primeira ocasión en que este recinto monástico é rozado por un escándalo da igrexa compostelá.

O deán e o extorsionador

Ademais das monxas agora investigadas o convento compostelán foi tamén durante anos vivenda do exdeán da Catedral, José María Díaz, que ocupaba un apartamento do recinto. Díaz ocupou todas as portadas no verán de 2011, cando como arquiveiro catedralicio tivo que recoñecer o roubo do Códice Calixtino, atopado pola Policía un ano despois nun garaxe do Milladoiro, preto de Santiago, propiedade de Manuel Fernández Castiñeiras, exelectricista do templo ao que o deán coñecía desde neno.

O convento foi vivenda de José María Díaz, deán da Catedral compostelá cando foi roubado o Códice Calixtino

Aos avatares do atribulado e octoxenario deán, que deixou o seu cargo en 2012, estaba moi atento Fernando Sieira, quen meses despois foi caracterizado pola Policía como "coñecido extorsionador de personaxes públicos", entre outros, a baronesa Thyssen. A Sieira chamáralle a atención que da investigación do Códice transcendesen escuras interioridades da curia compostelá e decidiu ameazar o deán con divulgar un vídeo comprometedor.

Tras diversos contactos, a principios de 2013 o ancián sacerdote accedeu a quedar con Sieira e citouno no convento das Mercedarias para, segundo informou entón a Policía, "tratar os detalles da entrega de diñeiro a cambio dun suposto DVD" co vídeo. Alí o extorsionador atopouse cun grupo de axentes do grupo de Crime Organizado (GRECO) da Policía Nacional, que o levaron detido e comprobaron que a supostamente escabrosa gravación sinxelamente non existía.

Comungatorio das Mercedarias, na parte visitable do mosteiro © Santiago Turismo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.