0 Gardados para despois

60 anos do 'voo americano': Así cambiou Galicia

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Entre marzo de 1956 e setembro de 1957, o servizo cartográfico do exército dos Estados Unidos levou a cabo un voo fotogramétrico que cubriu todo o territorio español. Tratábase dun proxecto militar, que continuaba unha iniciativa semellante levada a cabo en Italia. Esas imaxes, dunha gran calidade, foron dixitalizadas no ano 2011 (un total de 60 mil fotogramas), o que permitiu a súa utilización pública a partir de entón. Xa en 2012 a Xunta colgou no seu portal de Descarga de Información Xeográfica as imaxes do voo americano correspondentes a Galicia.

O arquitecto Manuel Borobio, membro do grupo de investigación Ambiosol de cartografía de solos e paisaxe da USC, vén de montar unha aplicación que permite, nunha ollada, observar as fotografías aéreas de Galicia de 1956 e as actuais (servizo de mapa base de ESRI), a través da popular ferramenta de cortina entre imaxes. Ademais das funcionalidades de xeoposicionamento básicas, zoom e a posibilidade de procura por topónimo, a aplicación incorpora as de transparencia de capa, marcadores e as de medición. A aplicación tamén se pode usar en dispositivos móbiles, nos que é posible aproveitar as posibilidades do GPS.

A comparación instantánea entre unhas e outras imaxes amosa os importantísimos cambios experimentados pola xeografía e a paisaxe galega dende 1956, xusto cando van facer 60 anos do inicio destes voos do exército estadounidense. Podemos ver o extraordinario crecemento experimentado por algunhas cidades, como Compostela (e núcleos anexos como Bertamiráns e Milladoiro). Tamén o aspecto previo que presentaban espazos hoxe ocupados por infraestruturas coma a ponte de Rande ou a autoestrada AP9. Ou a transformación experimentada por lugares coma As Pontes de García Rodríguez, daquela sen central térmica, mina ou a actual lagoa. Tamén podemos observar o evidente cambio sufrido polo litoral galego nas últimas décadas.

O autor da aplicación xa advirte de que os mapas tardan un chisco en cargar, debido á deficiente optimización das bases de datos cartográficas nas que se apoia.

 

O voo americano e outras fontes cartográficas

O coñecido como voo americano utilizou seis avións Beechcraft RC-45 con sede no aeródromo de Getafe (Madrid), que montaban cámaras Fairchild T-11 de gran formato para fotografía aérea e lentes Metrogon de 6 polgadas. Empregaban un negativo de 70mm, ofrecendo unha boa definición. As imaxes, un total de nove mil, compostas polos 59 mil fotogramas conservados en 617 bobinas, amosaban unha superficie duns 40 quilómetros cadrados cada unha

Os voos fotogramétricos realizados entres 1956 e 1957 constitúen unha das varias series de ortofotos nas que podemos consultar o aspecto que presentaba o territorio no pasado. O primeiro realizouse entre 1929 e 1930 na Conca do Segura. Posteriormente, o exército norteamericano levou a cabo tres proxectos (1945-46, 1956-57 e 1967-68), sendo os seguintes (a partir de 1973) executados directamente polo Goberno español.

Galicia 1956-2015

Manuel Borobio

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.