"Se non se erradica o amianto da construción, o problema persistirá"

Concentración de afectados polo amianto © AGAVIDA

Nos anos noventa apenas se falaba do amianto en Ferrolterra. Moitos traballadores e ex traballadores do naval sufrían enfermidades pulmonares das que empresas, peritos e moitos médicos responsabilizaban ao tabaco e outros motivos. O amianto deixara de empregarse no ano 1984 na construción de barcos, pero o longo período de latencia das afeccións que provocaba fixo que os seus efectos máis graves comezasen a notarse anos despois. A acción dunha serie de persoas, dende Rafael Pillado ao xornalista de La Voz de Galicia Francisco Varela, foi fundamental para rachar o silencio de rodeaba a esta problemática, un silencio do que nese tempo mesmo os sindicatos foron cómplices. Outra das figuras clave foi o médico Carlos Piñeiro, que impulsou -ao principio case en solitario- a investigación médica sobre a enfermidade.

"O amianto chega a toda Galicia, aí están os tellados de uralita, e afecta moito aos colexios"

A propia dimensión do problema -con milleiros de enfermos- e a acción decidida dos afectados mudaron a situación, forzando a administración a tomar medidas: un protocolo axeitado e un seguimento das posibles vítimas. "En Ferrolterra faise un labor moi importante, grazas sobre todo ao interese dun grupo de profesionais, e á presión que exerceron os afectados durante anos, que conseguiron unha implicación total de sindicatos e forzas políticas", salienta Piñeiro. Na actualidade faise un seguimento de oito mil persoas, e delas hai 3.500 que presentan patoloxías relacionadas co amianto. Con todo, o número de afectados e afectadas pode ser moi superior: ao redor de 50 ou 60 mil persoas estiveron expostas ao asbesto nos dous estaleiros da ría de Ferrol.

Queda aínda moito camiño por percorrer, destaca Carlos Piñeiro, que mantén a súa implicación nun asunto do que se converteu en referente en todo o Estado, colaborando con asociacións de afectados de toda España. De feito, vén de regresar de Cartagena, onde participou nunha serie de actos organizados pola asociación local APENA. E en decembro interveu no Parlamento europeo impulsando medidas para a eliminación do amianto que se incluirán no marco estratéxico da UE en materia de seguridade no traballo 2014-2020.

O Foro Galego do Amianto presentará no Parlamento un documento co obxectivo de poñer en marcha un Plan Galego de Erradicación

"O amianto debe ser erradicado de toda Europa" -di- "Non se acabou co problema, segue aí, latente. Hai 125 millóns de persoas en todo o mundo que estiveron en contacto co amianto e que están sen diagnosticar", engade. O Foro Social Galego do Amianto iniciou hai dous anos unha campaña para camiñar cara esa eliminación no ano 2030. "En Ferrolterra si hai unha maior concienciación por este tema, pero o amianto chega a toda Galicia, aí están os tellados de uralita. Non é un tema que afecte só ao sector naval. Afecta moito aos colexios, por exemplo, e a calquera edificio construído antes dos anos noventa", alerta.

Neste senso, o Foro está a ultimar un documento, realizado por 40 profesionais de distintos ámbitos, que presentará no Parlamento galego a todos os grupos co obxectivo de poñer en marcha un Plan Galego de Erradicación do Amianto. "O Parlamento británico aprobou hai uns meses a erradicación do asbesto de todos os colexios, cun cálculo de que o 90% están construídos con ese material. En Polonia ou en Italia están iniciando todo este proceso de desmantelamento do amianto, contando con axudas europeas, e aquí non se está facendo nada", denuncia.

"En España cando se fixo a lei de eficiencia enerxética perdeuse a oportunidade de incorporar solucións para o asbesto"

"Se non se erradica completamente, persistirá o problema, sobre todo na construción, por exemplo cando se fan obras de remodelación", subliña. "En Inglaterra hai todos os anos campañas advertindo do problema de facer obras en casas construídas antes do ano 90. Hai que loitar para conseguir que, coma en Francia, cando se vende unha casa o vendedor teña que ocuparse de retirar todo o amianto antes da operación. En España cando se fixo a lei de eficiencia enerxética perdeuse a oportunidade de incorporar solucións para o asbesto", di.

 

"Respecto" para os afectados

Carlos Piñeiro destaca que, en comparación con outras comunidades autónomas, a situación en Galicia é máis favorable: "Aquí creouse un protocolo moi esixente e un seguimento axeitado. Estableceuse a relación causa-efecto. En cambio noutras comunidades autónomas non se fixo nada semellante". Porén, advirte de que aínda que en Galicia "hai un correcto seguimento dos enfermos do sector naval", hai "moitos temas esquecidos": "Esqueceuse o tema das auxiliares, esquecéronse outros sectores, coma a construción", comenta. Neste senso, explica que "dende a Atención Primaria estamos tentando localizar en toda Galicia este tipo de persoas afectadas, incorporando nos protocolos a pregunta de se estiveron en contacto co amianto". "Tamén estamos localizando as viúvas e donas dos afectados, é outro tema que quedou pendente: os traxes de buzo levábanse a casa e aí ía tamén amianto", engade.

"Esqueceuse o tema das auxiliares, esquecéronse outros sectores, coma a construción. Tamén quedou pendente o tema da viúvas e donasdos traballadores"

Carlos Piñeiro denuncia ademais que, a pesar dos avances que se produciron nos últimos anos, falta "apoio para os enfermos", polo que "teñen que xestionalo todo eles". "Hai un problema social: unha asociación de enfermos non pode estar xestionando a súa propia morte", engade. "É moi inxusto que a administración pública non lles conceda mecanismos de acceso á xustiza, é unha vergonza que a antiga Bazán, hoxe Navantia, teña avogados e peritos que poñen en cuestión os informes oficiais de profesionais do sistema público de saúde. Hai cousas que deberían ser automáticas, que non debería ter que xestionalas a persoa enferma", di. "É un mecanismo de dilación consciente, para que estas persoas estean continuamente en procesos xudiciais, facendo deles un retrato de buscadores de indemnizacións , de buscadores de cartos, desprezando o seu dereito a unha compensación por ter sido afectadas polo amianto debido a que carecían da necesaria información sobre os seus perigos", di.

"Hai un problema social: unha asociación de enfermos non pode estar xestionando a súa propia morte"

"Falta apoio psicolóxico" -engade- "Debería haber un sistema que permitise un apoio psicolóxico a estes enfermos, que saben que van falecer de forma ineludible e nun prazo curto de tempo". "Hai que respectar as persoas", conclúe.

 

Concentración de afectados polo amianto © AGAVIDA
Carlos Piñeiro Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.