0 Gardados para despois

Os gandeiros esixen á Xunta un "plan de choque" inmediato para deter a crise láctea

Redacción | @prazapublica

O Plan de Fortalecemento do Sector Lácteo impulsado pola Xunta arrincou este mércores coa súa primeira xuntanza en Compostela. Nela, constituíuse un grupo de traballo con produtores, industrias e distribución, ademais de científicos e representantes das universidades que achegaron tamén as súas propostas sobre as medidas a levar a cabo. 

Tan só dúas industrias -Feiraco e Entrepinares- acudiron á primeira xuntanza do plan de fortalecemento impulsado pola Xunta

Malia contar con representantes de case todos os implicados, os sindicatos agrarios queixáronse da escasa presenza da industria, que xoga un papel clave na difícil situación pola que pasan os gandeiros galegos. Así, tan só acudiron membros de Feiraco e de Entrepinares, aínda que a Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) di estar pendente de elixir aínda un voceiro para incorporarse aos traballos. Por parte da distribución acudiu a patronal das grandes empresas así como a Asociación de Supermercados de Galicia, ademais de colectivos como a Interprofesional Galega de Análise de Leite (Ligal) ou o Centro Galego de Control Leiteiro (Cegacol). 

Logo de catro horas de reunión, os representantes da Plataforma na Defensa do Sector Lácteo Galego, Isabel Vilalba (SLG) e Óscar Pose (UUAA), coincidiron en esixir que se tomen medidas "xa" mediante un "plan de choque" que vaia máis aló de cuestións ou fórmulas "a medio e longo prazo" que se artellen a través do plan impulsado pola Xunta. 

A Plataforma na Defensa do Sector Lácteo Galego pide un "plan de choque" inmediato á marxe do que dea de si o plan da Xunta

A Plataforma advirte da necesidade dunha "solución" inmediata para aquelas explotacións ás se está a ameazar con non recoler o leite ou que están sendo pagadas con prezos por baixo de custo. "Niso non houbo avances", lembran tras solicitar, unha vez máis, que a Administración interveña para unha retirada do excedente lácteo dos mercados que se poida destinar a axuda humanitaria e que non tire así cara abaixo os prezos na vindeira primavera. 

Neste sentido, a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, anunciou que pedirá á UE que "suba o prezo de intervención do leite en po e da mantegia porque de non facelo suporá un estrangulamento do sector". Ademais, tamén reclamará un control dos mercados para que non exista "unha banalización dos produtos". 

Segundo indicou tamén, no inicio deste grupo de traballo recóllense as achegas de todas as partes para traslsadarllas ao Ministerio de Agricultura para que as defenda en Bruxelas o próximo 14 de marzo. Ese "exceso de produción" é a preocupación "común" de todo o sector de cara á primavera. Ángeles Vázquez tamén indicou a necesidade de que o decreto de cesión de prezos -aquel polo que se coñecerán os improtes de compravendas das industrias e que acumula meses de atraso- "se traslade ao resto de países da UE" para que se funcione como un mercado único lácteo. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.