PSdeG, AGE e BNG comprométense a paralizar e reverter a aplicación da LOMCE tralas eleccións

Xuntanza mantida este venres polas entidades da comunidade educativa e os grupos da oposición © Confapa-Galicia

O conxunto da oposición no Parlamento galego (PSdeG-PSOE, AGE, BNG e Grupo Mixto) comprometeuse este venres a "paralizar, derrogar e reverter" a aplicación da LOMCE en Galicia, dentro das competencias que lle permite o autogoberno, se acadan unha maioría suficiente nas eleccións autonómicas. Ou, ou o que é o mesmo, se PP e Ciudadanos non suman maioría absoluta. A cámara acolleu un encontro, impulsado pola Plataforma en Defensa do Ensino Público, na que participaron Confapa-Galicia, CCOO-Ensino, FETE-UGT, STEG, Nova Escola Galega, Escola Viva, Iniciativa Estudantil Galega e o Sindicato de Estudantes.

O documento asinado defende tamén a eliminación dos concertos para os colexios que segregan por sexo, a xestión pública e directa dos comedores escolares e a recuperación dos cadros de persoal destruídos nos últimos anos

Tanto as entidades da comunidade educativa coma os distintos grupos políticos coincidiron en denunciar a "desigualdade e exclusión" que a LOMCE implicou. Así mesmo, uns e outros destacaron a necesidade de traballar pola gratuidade dos libros de texto, a eliminación dos concertos para os colexios que segregan por sexo, a xestión pública e directa dos comedores escolares, a recuperación dos cadros de persoal destruídos nos últimos anos, o reforzo das bolsas e a mellora do financiamenteo e a eliminación de reválidas. Outro dos obxectivos compartidos de cara á vindeira lexislatura é recuperar o consenso no modelo lingüístico, que foi rachado pola entrada en vigor do Decreto de Plurilingüismo. Apóstase, igualmente, pola reversión do desmantelamento educativo do medio rural e polo "deseño da rede escolar no rural atendendo a criterios de desenvolvemento integral e sustentabilidade".

O documento proposto pola Plataforma en Defensa do Ensino Público e asinado por PSdeG-PSOE, AGE, BNG e Grupo Mixto salienta que este "compromiso" para derrogar a LOMCE é "un imperativo ético e político en Galicia como comunidade con amplas competencias en materia educativa e cunha lingua e cultura propias". E sitúa a sinatura deste pacto como a continuación do idéntico compromiso ao que chegaron no Congreso todas as forzas do Estado, agás PP, UPyD e UPN. 

Este "compromiso" para derrogar a LOMCE é "un imperativo ético e político en Galicia como comunidade con amplas competencias en materia educativa e cunha lingua e cultura propias"

Para En Marea é preciso "un novo modelo educativo" que, ademais de blindar o ensino público, "garanta un ensino laico e de calidade, que sexa igualitario e que implique tamén ás nais e aos pais do alumnado". Defende un financiamento público garantido por lei "que asegure un sistema de bolsas e acceso a materiais didácticos para que ninguén quede excluído do sistema educativo en función da súa renda familiar". En Marea rexeita tamén o “decreto 3+2”, que "pretende expulsar da Universidade aos fillos da clase traballadora".

Polo BNG, Cosme Pombo denunciou "o modelo de ensino neoliberal que presenta a LOMCE" e alertou da destrución de emprego producida durante os gobernos de Alberto Núñez Feijóo, sinalando que nestes anos se xubilaron catro mil mestres e mestras e que na nova oferta de emprego público deste ano tan só se van repor uns dous mil.

Xuntanza mantida este venres polas entidades da comunidade educativa e os grupos da oposición © Confapa-Galicia
Xuntanza mantida este venres polas entidades da comunidade educativa e os grupos da oposición © Confapa-Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.