Pontevedra queda como o "último reduto" das touradas en Galicia

Manifestación contra as touradas, o pasado ano en Pontevedra CC-BY-NC-SA gz.foto

Pontevedra é a única localidade galega que ten garantida a celebración de touradas durante este ano e o único municipio onde se ubica unha praza de touros do país. Logo de que A Coruña, Sarria e hai ben pouco Padrón decidisen suprimir os apoios municipais a empresarios taurinos, estes festexos esmorecen aos poucos en Galicia. É o balance que fai Galicia Mellor sen Touradas (GMST) sobre a evolución deste controvertido espectáculo, xusto un día despois doutra polémica manifestación, desta vez en Valencia, a favor dela. 

Pontevedra é a única localidade galega que ten garantida a celebración de corridas de touros neste ano e sede da única praza no país

No pasado ano, celebráronse en Galicia cinco festexos en tres localidades (Pontevedra, Padrón e Triacastela), fronte aos oito en seis localidades que se organizaran en 2013 ou os 64 que tiveran lugar entre 2008 e 2012 en trece vilas do país, segundo datos achegados pola propia Xunta. Dunha media duns doce espectáculos taurinos ao ano en máis dunha ducia de concellos aos cinco festexos e tres municipios de 2015, un descenso do 64% con respecto a 2009, segundo datos de GMST. En 2016, agás cambios de última hora, tan só a capital pontevedresa acollerá touradas. 

Para GMST, "a fin de subsidios é causa directa da fin das touradas en Galicia, como amosan non só os exemplos galegos, senón tamén os pasos que se están a dar noutras cidades onde existían feiras taurinas coñecidas, como os casos de Valladolid ou Alacant". Por iso, a plataforma insiste na "necesidade" de que o goberno local "corte dunha vez por todas co convenio de uso que fornece aos donos da praza de San Roque duns 48.000 euros anuais que son posteriormente empregados na organización dun evento de evidente maltrato animal".

Hai tres anos celebráronse oito festexos taurinos en seis localidades en Galicia; en 2016 tan só Pontevedra acollerá touradas

Segundo denuncia, o mesmo acordo económico "tamén inclúe a autorización para colocar grandes soportes metálicos con publicidade taurina, que invaden as rúas e rotondas de Pontevedra dificultando o paso das persoas con diversidade visual, e que tamén constitúen un agravio comparativo con outras empresas de publicidade". GMST lembra, ademais, as máis de 76.500 sinaturas que leva recollidas a campaña Pontevedra, quérote sen touradas e coa que pretende presionar o Concello para "declarar o municipio como unha nova localidade libre de eventos tauromáquicos".

Sería a 19ª localidade en facelo, logo de que outras 18 se declarasen libre de touradas, a última Lugo coa abstención de PP e Ciudadanos, pero tamén outras como Ferrol ou Ares. Ademais, as deputacións da Coruña e Pontevedra tamén se uniron aprobando idénticas mocións para "pechar a billa das subvencións provinciais que antes outorgaron á organización de touradas".

18 localidades galegas foron declaradas xa libres de eventos taurinos

Para GMST, o feito de que "Pontevedra sexa o último reduto da tauromaquia en Galicia amosa un panorama moi esperanzador", coa cercanía da convocatoria electoral da Xunta e do Parlamento, e co actual periodo de exposición pública da Lei de Protección dos Animais que substituirá ao texto normativo de 1993, onde poden cambiar moito as dinámicas e certificar dunha vez a fin das touradas abolindo a súa realización.

O anteproxecto de Lei de protección e benestar dos animais de compañía actualiza a desfasada norma, de 1993 e prohibirá os circos con animais pero esquece as touradas. A asociación animalista Libera celebra os "avances" que presenta a reforma, pero bota en falta "un pouco máis de valentía" para acabar coas corridas de touros. GMST xa iniciou unha campaña de alegacións para que outros colectivos e persoas a título individual trasladen ao goberno autonómico o "esquecemento" e a petición de que non haxa excepcións á crueldade contra os animais. A plataforma xa recibiu dous millares de mensaxes, que se suman ás que xa envían ao formulario de participación cidadá na propia páxina web da Consellería de Medio Ambiente.

O anteproxecto de Lei de Protección dos Animais e o posible cambio político achega a abolición das touradas en Galicia

Sobre o futuro, desde GMST son "moi optimistas" de cara a unha futura abolición das touradas en Galicia en canto a correspondencia de forzas varíe no Parlamento galego. A súa intención é presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para a que tan só se requirirían 10.000 sinaturas, un número máis que asequible para un movemento abolicionista moi activo no país. A aprobación da supresión dos espectáculos taurinos, xa rexeitada polo PP noutras ocasións, precisaría de maioría simple na Cámara galega, unha condición que xa non semella imposible a curto prazo.

Touradas en Pontevedra © Touradas fóra de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.