"Non vivamos os cambios en solitario, xuntémonos con outras persoas"

Toni Lodeiro Dominio Público Praza Pública

“Que modelo de consumo queremos para A Coruña?". Un debate aberto a comerciantes, persoas consumidoras, produtoras e entidades no que participaron Toni Lodeiro (Opcions), Marcial Blanco (Zocamiñoca) e Óscar Senra (MaOs Innovación Social) foi este luns pola noite a segunda cita das Xornadas sobre Comercio Local e Consumo Responsable que se están a celebrar no Mercado de San Agustín. O encontro abriuse a pasada semana cunha charla a cargo de Isidro Jiménez (ConsumeHastaMorir – Ecologistas en Acción). Este martes, tamén ás 20 horas, Toni Lodeiro (membro de Opcions, autor de Consumir menos, vivir mejor) ofrecerá un obradoiro titulado “Consumo consciente para vivir mellor? 1001 dúbidas e unha chea de ideas prácticas”. Conversamos con Lodeiro, que nos fala dos moi distintos niveis -dende o puramente persoal ata o institucional ou legal- nos que teñen lugar os cambios que afectan á nosa forma de consumir.

"A redución do consumo pode ser un vía de liberación ou, simplemente, axudarnos a axustar a nosa vida aos nosos valores"

A actual cultura do consumo véndenos unha promesa de felicidade pero provócanos o efecto contrario? Hai unha vida mellor nunha forma diferente de consumir?

Se incluín como vivir mellor no título do libro (Consumir menos, vivir mejor) é porque teño claro que apelar á renuncia, ao sacrificio parece que leva implícito baixar de calidade de vida. Para min era importante contrastar esa chamada a consumir menos e relacionala con algo que nos poida facer ilusión a todos, algo que poidamos ver como unha expectativa de mellora. Creo que o consumo consciente pode ser unha ferramenta para vivir mellor, porque na medida en que non cambio de coche se podo seguir co que tiña, na medida en que non teño que cambiar de televisión ou mercar roupa nova tan frecuentemente, estou aforrando, e se cadra podo así reducir a miña xornada laboral, podo tomar un ano sabático ou podo evitar facer horas extra. E ese tempo podo dedicalo a outras actividades que me xeran unha maior calidade de vida: dedicalo á familia, á lectura, a unha reciclaxe profesional ou simplemente a durmir oito horas, que hoxe en día é un luxo. A redución do consumo pode ser un vía de liberación ou, simplemente, axudarnos a axustar a nosa vida aos nosos valores. En teoría, o consumo tería que ser un medio para unha vida mellor, pero converteuse nunha fin, con efectos contrarios, pois devorou a nosa calidade de vida, a vida foi sacrificada en beneficio do consumismo.

"Estamos condicionados polas nosas estruturas e temos que mudar esas estruturas para que a boa acción, a acción procomún, a acción social e ambientalmente positiva sexa fácil e cómoda"

En calquera caso, na actualidade o consumo responsable implica moitas veces pagar máis por un produto e fóra dun círculo activista non abonda moitas veces con apelar a unha serie de valores. Para acadar grandes cambios no consumo hai que crear redes e un escenario no que consumir de forma máis sustentable non sexa necesariamente máis caro?

Concordo, non podemos pretender que os cambios na sociedade, os cambios de longo alcance, cheguen apelando simplemente á motivación e á boa vontade da xente. Para conseguir cambios de longo alcance, deben mudar as estruturas. Hai cambios a tres niveis: os cambios persoais, os cambios a nivel comunitario e social, e os cambios xerais, de regras de xogo. O obxectivo final é mudar esas regras de xogo, para que a leituga cultivada preto da casa e dun xeito sustentable sexa máis barata que a que vén dende centos de quilómetros de distancia. E iso faise mediante beneficios e penalizacións fiscais. Estamos condicionados polas nosas estruturas e temos que mudar esas estruturas para que a boa acción, a acción procomún, a acción social e ambientalmente positiva sexa fácil, cómoda e custe menos. E para que a acción nociva e contaminante sexa a difícil, a cara, a que a lexislación lle poña dificultades. Ao final non creo que este outro tipo de consumo implique un gasto maior, senón que máis ben se trata de facer unha redistribución dos gastos.

"Para que serven os cambios no entorno próximo? Serven como aprendizaxe, serven para vencellarnos a un cambio cultural, serven para construír tecido comunitario, serven para xerar relacións persoais"

Para que serven daquela os cambios no entorno próximo? Serven como aprendizaxe, serven para vencellarnos a un cambio cultural, serven para construír tecido comunitario, serven para xerar relacións persoais. Os cambios na vida cotiá serven como caldo de cultivo, como activador, pero por si sós, por agregación, non van conseguir un gran cambio global. E, ao mesmo tempo, os cambios na vida cotiá teñen un papel fundamental: quen descoide o papel do cotián na hexemonía cultural está moi errado. Poñendo un exemplo concreto: Para que serve que eu vaia á compra coa miña bolsa? Serve para xerar debate, serve para que eu mesmo me conciencie máis e para concienciar os demais. Iso si, o cambio social só chega cando -como se fixo en Irlanda- a bolsa de plástico dun só uso pasa a custar obrigatoriamente 20 céntimos, por lei. O consumo consciente pode ser o lubricante do cambio, pero non é o motor, ou cando menos non é o único motor. Gústanos nese senso o concepto de Nova Cultura do Consumo porque fai referencia a ese carácter colectivo, de obxectivo social, porque o concepto de consumo responsable parece apelar a un acto puramente individual.

Como se pode animar á xente a consumir doutro xeito?

O último que queremos é ofrecer unha visión moralista, que lles esixa a santidade ou a perfección ás persoas. O que propoñemos é que o proceso de cambio ten que ser un proceso de liberación, unha oportunidade de coñecer persoas, de aprender, de vivir experiencias novas, de ter unha vida máis auténtica. A coherencia como procura de satisfacción e de sentido para a vida, e non como esa obriga de ser perfectos. Non se trata de esixirlle nada a ninguén, nin de darlle leccións ou sermóns a outra persoa, senón simplemente de amosar co noso exemplo. No plano político e legal, en cambio, si que hai que esixir, e hai que reivindicar cambios e límites.

"Non vivamos os cambios en solitario, xuntémonos con outras persoas, porque iso axudaranos a desfrutalo máis, e se o desfrutamos, iso fará que o cambio sexa máis profundo, duradeiro e contaxioso"

Hai que animar a xente a que a ilusión sexa o motor do cambio, hai que animala a probar cousas e a non vivir os cambios en solitario, hai que animala a compartilos con outras persoas. Ser o bicho raro ou a bicha rara da familia, do traballo ou da clase desgasta moito. Pero cando te xuntas con outras persoas a través dos espazos ou das redes que haxa, iso empodérate moito. Non vivamos os cambios en solitario, xuntémonos con outras persoas, porque iso axudaranos a desfrutalo máis, e se o desfrutamos, iso fará que o cambio sexa máis profundo, duradeiro e contaxioso. Hai que fuxir desa cultura tan moralista, tan tensa e tan esixente da esquerda clásica.

Que efecto tivo a crise económica nos hábitos e na cultura de consumo?

Aínda que a crise dificulta tanto a toma de decisións persoais coma a asunción de políticas públicas (por mor dos recortes), a conciencia da necesidade de levar a cabo este tipo de cambios non deixa de medrar. A banca ética rolda os 200 mil clientes no Estado Español, moitos máis que antes da crise; cooperativas como Som Energía xa superan os 30 mil contratos de electricidade; medran tamén os grupos de consumo ecolóxico... Creo que este movemento xa deixou os cueiros, segue sendo moi cativo, pero xa camiña. 

"As decisións de gasto que se adopten dende a administración teñen un valor exemplarizante e motivador, e tamén funcionan como motor da actividade económica"

En que consiste o proxecto que estades realizando dende Opcións para o Concello de Barcelona? 

En Opcions recibimos o encargo de realizar un Plan de Impulso do Consumo Responsable, que comeza por analizar que se leva feito ata agora a nivel municipal e ver como melloralo, tanto a práctica que realiza a institución coma a súa aplicación na cidade. Estamos nunha fase inicial aínda. En todo caso, hai que dicir que o Concello de Barcelona xa ten en marcha moitos procesos neste senso, ademais doutros que están arrancando, dende a multiplicación da rede de carrís-bici, liñas económicas de apoio á economía solidaria e ao consumo responsable, acaba de saír un plan de choque contra a pobreza a través de redes de economía solidaria, e hai un impulso dende o Concello á compra responsable... O gasto total das institucións públicas no Estado Español suma o 17% do PIB, polo tanto as decisións de gasto que se adopten dende a administración teñen un valor exemplarizante e motivador, e tamén funcionan como motor da actividade económica.

"A implicación da cidadanía e das institucións na defensa do comercio local e da pequena e mediana empresa é a única opción para que o peixe grande non coma o pequeno. Ese é o relato que debemos contar, non unha ameaza senón unha oportunidade"

Entendo que non é casualidade que estas xornadas se realicen no Mercado de San Agustín. Os produtores e distribuidores locais, así coma o comercio de proximidade, deben ser cómplices desta nova cultura do consumo?

O comercio local ás veces ve o consumo consciente como unha ameaza. O outro día reuninme co presidente da patronal da pequena e mediana empresa de Catalunya, e comentaba con el que o consumo consciente é a única oportunidade para o seu sector, un sector arrasado polas multinacionais e polas grandes superficies, coas que non poden competir. A implicación da cidadanía e das institucións na defensa do comercio local e da pequena e mediana empresa é a única opción para que o peixe grande non coma o pequeno. Ese é o relato que debemos contar, non unha ameaza senón unha oportunidade.

"Aquí temos certas bases materiais máis fortes, aínda que a penetración do relato alternativo e de prácticas alternativas é aínda máis feble"

En Galicia pode que aínda non estean tan desenvolvidas iniciativas de consumo alternativo coma as que poden existir en Madrid ou Barcelona, pero si que existen aínda redes tradicionais de produtores e mesmo habitos de consumo aínda non tan transformados sobre os que é máis doado construír esta nova cultura de consumo. Temos unha boa base sobre a que traballar?

Efectivamente, aquí seguramente temos certas bases materiais máis fortes, aínda que a penetración do relato alternativo e de prácticas alternativas é aínda máis feble. Pero en canto este relato e estas prácticas se fortalezan, poderán conectar con esas bases que comentas e ter máis oportunidades que noutros lugares, porque aquí hai máis pequenos produtores, hábitos de consumo distintos...

 

Toni Lodeiro Dominio Público Praza Pública
As xornadas celébranse no Mercado de San Agustín, na Coruña Dominio Público MaOs
Público asistente á primeira palestra das xornadas, celebrada a pasada semana Dominio Público MaOs

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.