"O Ministerio de Defensa non se pode comportar como unha inmobiliaria"

As tres parcelas suman 5 mil metros cadrados © Google Maps

O 30 de xuño de 1984 o Goberno municipal da Coruña -comandando nese momento por Francisco Vázquez- e o Ministerio de Defensa asinaron un convenio mediante o cal o Exército lle cedeu á cidade espazos coma o Monte de San Pedro ou o cuartel de Macanaz (o lugar que hoxe ocupa a Fundación Seoane), pero a cambio de que o Concello recualificase terreos céntricos ocupados nese momento por instalacións militares (Cuartel de Zalaeta, Cuartel de San Amaro) ou da súa propiedade (predios en Maestranza, Corralón...), para que Defensa puidese vendelos a promotoras inmobiliarias e construír alí edificios residenciais. A poxa dos terreos de Zalaeta, en 1988, saldouse cuns ingresos de 808 millóns de pesetas da época; os de San Amaro reportáronlle ao Exército uns 1.650 millóns (vendidos a Vallehermoso); e a venda do hospital militar (hoxe Hospital Abente y Lago) pechouse por 1.100 millóns.

O vindeiro 27 de abril terá lugar a poxa de tres parcelas no Campo da Estrela (zona da Maestranza), a menos de cinco minutos da Praza de María Pita. O espazo, que suma case 30 mil metros cadrados, é utilizado dende hai anos como aparcadoiro público e o Ministerio de Defensa quere vendelo para a construción de edificios de vivendas (ao redor de 300), de prezo libre, nun espazo privilexiado da cidade, a menos de 100 metros do mar. Defensa espera obter na operación uns 24,8 millóns de euros, completando así o asinado no convenio de 1984. O proxecto de reparcelación destes terreos foi aprobado polo Goberno municipal en decembro de 2010.

Para impedilo, dende hai semanas vén organizándose un movemento cidadán, xurdido de xeito espontáneo tras un acto promovido polo club de opinión Foro Cívico. Na plataforma figuran o arquitecto Xosé Lois Martínez, Manuel Monge, Xosé Barro, Ricardo Vales, Pepe Galán, Felipe Senén ou a asociación de veciños da Cidade Vella. Esta Comisión de Defensa do Común redactou un manifesto, que nos últimos días remitiu a forzas políticas, sindicatos, entidades sociais e veciñais, obtendo -segundo destaca Ricardo Vales- "unha boa resposta". O obxectivo é mobilizar a cidadanía para que "non se consumen as veleidades especulativas urbanísticas do Ministerio de Defensa, que actúa na Coruña como unha auténtica inmobiliaria".

A Comisión calcula que dende 1984 o Ministerio de Defensa ingresou máis de 8.000 millóns de pesetas (48 millóns de euros) pola venda dos terreos que foron recualificados grazas ao convenio asinado co Concello. Reclaman que os terreos "que sempre foron públicos" sigan séndoo, e citan a xeito de exemplo o sucedido noutras cidades, onde o Ministerio de Defensa aceptou ceder os terreos e instalacións de La Ciutadella e do Monte e Castelo de Montjuic, en Barcelona, para equipamento público, así como os terreos e cuarteis do Príncipe de Asturias e de Lepanto para a Universidade de Alcalá de Henares.

"O Ministerio de Defensa non se pode comportar como unha inmobiliaria. Estamos falando duns terreos que historicamente foron públicos e queremos que a xente se informe, se conciencie e se mobilice na súa defensa", explica Ricardo Vales. "Non se poden facer operacións mercantilistas con estes terreos, esquecendo as necesidades da poboación: equipamentos públicos sociais, sanitarios, culturais, deportivos, vivenda protexida...", engade.

A plataforma cidadá prepara unha xuntanza aberta con colectivos sociais e veciñais da cidade para o vindeiro 31 de marzo, que se celebrará no Centro Cívico da Cidade Vella. Ademais, presentará unha moción no pleno municipal e convocará unha concentración diante dos terreos "para que a opinión pública coruñesa amose o seu rexeitamento ás pretensións especulativas inmobiliarias do Ministerio de Defensa".

As tres parcelas suman 5 mil metros cadrados © Google Maps
O lugar é utilizado na actualidade como aparcamento © Google Maps
Espazo ocupado, hai décadas, polo cuartel de Zalaeta © http://javalinquin.jimdo.com/
Hospital Militar © Turgalicia
Parte do espazo que ocupaba o antigo cuartel de San Amaro © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.