Máis de 20 mil galegos e galegas empadróanse cada ano no estranxeiro

Aeroporto Rosalía de Castro © Concello de Santiago

Dende o inicio da crise o número de galegos e galegas residentes no estranxeiro de forma permanente non deixou de crecer; pasou dos 384 mil rexistrados e rexistradas en 2009 aos 504 mil do 1 de xaneiro de 2016, segundo indican os datos do Padrón de españois residentes no estranxeiro, que vén de publicar o INE. Cada ano de pasa máis de 20 mil galegos e galegas empadróanse no estranxeiro, pasando a considerarse veciños e veciñas do concello galego no que figuren unicamente a efectos do exercicio do dereito ao voto, sen ser contabilizados e contabilizadas como poboación da localidade.

En 2015 foron un total de 20.812, un número algo inferior ás de 2014 e 2013, aínda que lonxe do record acadado en 2010, cando 34.456 novas persoas rexistráronse fóra de España. As cifras totais non deixan de incrementarse, superando xa ese medio millón de empadroados e empadroadas no estranxeiro, case un de cada catro españois e españolas que viven no exterior (un total de 2,3 millóns).

Se analizamos unicamente os novos empadroamentos no estranxeiro de galegos e galegas nacidos e nacidas en España, atopamos que no 2015 foron un total de 4.960. Suíza, Reino Unido, Estados Unidos, Alemaña, Francia e Brasil foron, por esta orde, os destinos principais. 

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.