PP e PSOE apoian en Castilla y León a investigación de Angrois que evitan no Congreso e no Parlamento

Concentración das vítimas do accidente do Obradoiro, o pasado ano © Plataforma Víctimas Alvia 04155

PP e PSOE veñen de apoiar en Castilla y León unha iniciativa parlamentaria na que as Cortes autonómicas pedirán unha comisión de investigación no Congreso dos Deputados sobre as causas do accidente do Alvia en Angrois, que en 2013 acabou coa vida de 81 persoas, once delas orixinarios desta comunidade. Apoian populares e socialistas esta solicitude asinada por todos os partidos con representación na Cámara castelán-leonesa malia opoñerse á mesma tanto no Congreso como no Parlamento galego. 

Os seis partidos políticos nas Cortes (PP, PSOE, Podemos, Ciudadanos, IU-Equo e UPL) comprometéronse este martes presentar unha iniciativa conxunta no vindeiro pleno (5 e 6 de abril) para apoiar as peticións dos familiares das vítimas do sinistro ferroviario. E foi a propia presidenta da Cámara, Silvia Clemente, quen adiantou a decisión tras a xuntanza mantida entre a Plataforma de Afectados polo accidente do Alvia 4155 e membros da Mesa do Parlamento rexional e a xunta de portavoces. 

PP e PSOE apoian pedir unha comisión de investigación no Congreso malia negarse a facelo na propia Cámara Baixa e no Parlamento galego

Javier García Municio, membro desta Plataforma e pai dun mozo segoviano falecido no accidente, amosou o seu "sincero agradecemento" aos parlamentarios e converterse no "primeiro Parlamento que busca a verdade". Puido facelo antes a Cámara galega, pero tanto nela como no Congreso dos Deputados, os intentos por abordar unha investigación puramente política foron sempre vetados sistematicamente.

Ao longo da pasada lexislatura, os intentos de crear esta comisión de investigación no Congreso dos Deputados (demandada por IU e BNG, entre outros grupos) chocaron tamén co bloqueo dos dous partidos maioritarios, cun PP que sempre votou non e un PSOE que se abstivo as máis das veces, negándose a apoiar as iniciativas presentada polo BNG e Izquierda Plural. No lexislativo galego os conservadores aluden, esencialmente, ás competencias cada vez que AGE e o Bloque piden investigar e o PSdeG abstense malia que o regulamento parlamentario faculta as deputadas e deputados para constituír unha comisión de investigación a respecto de "calquera asunto de interese público" que consideren conveniente, como así sucedeu co Prestige. 

Os intentos por crear a comisión de investigación no Congreso ou no Parlamento galego bateu sempre co 'non' do PP e a abstención do PSOE

O pasado mes de febreiro, e co Congreso renovado tras o 20-D, En Marea volveu presentar unha petición, asinada conxuntamente co Grupo Mixo (Compromís), para que se constitúa esa comisión de investigación. Na presentación da iniciativa contaron coa presenza da mesma Plataforma que conseguiu o apoio unánime de todos os partidos nas Cortes de Castilla y León e os seus representantes volveron queixarse de que PP e PSOE "vaian da man" no seu veto. 

De ter en conta as promesas electorais, no pleno a proposta contará cos votos favorables de Podemos, En Marea, En Comú Podem, Compromís e Unidad Popular (71), unidos aos de Ciudadanos (40), ERC (9) ou Bildu (2), suman 122, moi preto dos 123 do PP, que probablemente volverá votar en contra. Haberá que ver a posición que adoptan PNV e DiL (PNV e CiU opuxéronse á comisión de investigación na pasada lexislatura) e, sobre todo, a do PSOE, que deberá decidir entre apoiar a demanda das vítimas para que o Congreso pescude as responsabilidades políticas no sinistro, votar en contra ou, como fixo con anterioridade, absterse. Con todo, pode que nesta ocasión a abstención do PSOE non sexa suficiente para bloquear a iniciativa.

Persoal traballando nas vías de Angrois tras o accidente © Ministerio de Fomento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.