O 70% da poboación galega concéntrase no 6% do territorio do país

Vigo é o concello máis poboado do país CC-BY-SA Merixo

A poboación galega escora cara ao litoral atlántico e ás cidades, deixando practicamente baleiro o resto do país. Así o veñen amosando as sucesivas edicións do censo e mais do padrón e así o acredita a análise que, parroquia a parroquia, realiza o Instituto Galego de Estatística sobre o grao de urbanización, unha variable definida por Eurostat en 2011, adaptada nese mesmo ano polo IGE á realidade parroquial galega e perfeccionada despois pola oficina estatística da UE. Destas melloras nace a nova clasificación, a GU 2016, que amosa un mapa do país no que o 6,2% do territorio acolle a concentración do 67,7% da poboación.

O IGE marcouse o reto de adaptar a nova metodoloxía europea ás "peculiaridades do asentamento poboacional" de Galicia. Para realizar o estudo dividiu o territorio en celas dun quilómetro cadrado que, cruzándoas cos datos censuais, dá lugar a tres grandes categorías: as zonas densamente poboadas (ZDP), isto é, as cidades; as zonas intermedias (ZIP), que se corresponden coas vilas e a súa contorna, e as zonas pouco poboadas (ZPP), áreas de poboación rurais.

O IGE adapta a metodoloxía de Eurostat á división territorial en parroquias

A devandita cuadrícula de celas de 1 quilómetro cadrado, tirada do INE e a información de parroquias do Centro de Estudos do Territorio permitiulle ao IGE identificar os diversos tipos de "conglomerados" nos que se distribúe a poboación galega. Debúxase así un mapa no que as zonas densamente son as parroquias das sete cidades e as zonas intensamente poboadas, as contornas destas e, fóra delas, as áreas do Barbanza e do Salnés, O Morrazo, cinco localidades na Mariña lucense e, no interior, apenas unha decena de núcleos de poboación.

Mapa das parroquias galegas segundo o seu grao de urbanización / IGE

En menos de 1.900 quilómetros cadrados viven case 1,9 millóns de persoas

Así se artella unha distribución poboacional no que as zonas densamente e intensamente poboadas acollen en menos de 1.900 quilómetros cadrados a vida cotiá de practicamente 1,9 millóns de persoas, atendendo aos datos do censo máis recente, o de 2011. Mentres, nos restantes 27.700 quilómetros cadrados do territorio galego viven pouco máis de 890.000 persoas.

Os novos datos achegados polo IGE supoñen unha nova achega que demostra o progresivo despoboamento do rural e, de xeito parello á perda xeral de poboación, a concentración da que fica en torno ao Eixo Atlántico. Practicamente a metade da poboación galega desenvolve xa, atendendo á información oficial máis recente, a súa vida ordinaria nas sete cidades.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.