“O poder da clase corporativa permite falar dun novo feudalismo e dun novo absolutismo”

Xabier Pérez Davila CC-BY-SA Praza Pública

“O capital aceptou durante 30 anos as rédeas con que o suxeitaban as forzas de traballo para se espreguizar nos anos sesenta e avanzar decidido desde os anos oitenta do século pasado. Cando acordamos, o tiranosauro, cos seus cairos ameazantes, xa estaba aí. E nós, que coidabamos vivir en democracia, soubemos que a capacidade de decidir xa non era a nosa, da xente do común, e que unha pequena minoría se apropiaba dos bens e das liberdades que tanto nos custara conseguir”.  Con palabras coma estas comeza Alén da casta. Un ensaio sobre o poder e as clases sociais no século XXI, (Laiovento), de Xabier Pérez Davila.         

O obxectivo do libro é "sintetizar e difundir algunhas das investigacións sobre o poder e as clases sociais no comezo do século XXI". En realidade si se fala nos media de clases medias. Pero non da "elite do poder", como dixera Wright Mills, neses termos. Por que?

A clase dominante non quere que o concepto de clase social faga parte do debate público. É necesario que a plebe ignore a súa condición. As palabras de Napoleón, “a sociedade non pode existir sen a desigualdade das fortunas e a desigualdade das fortunas sen relixión” impresionan pola súa vocación materialista. Tamén as do chanceler Bismarck cando explica que a creación da Seguridade Social servirá, xunto á represión, para previr a revolta dos traballadores socialdemócratas e dividilos.

Un documento oficial do Partido Conservador británico afirmaba en 1976 que “non é a existencia de clases o que ameaza a unidade da nación, senón a existencia do sentimento de clases”. Os instrumentos que as clases dominantes utilizan para afastar o concepto de clase social do debate público son os medios de persuasión de masas, que son da súa propiedade, e as facultades de economía, nas que o concepto de clase social e a importancia do poder na sociedade están ausentes. A crise abriu unha fenda nese muro de silencio e desinformación e os discursos sobre o conflito social e mesmo anticapitalistas volven ser escoitados por sectores sociais de certa amplitude.

“Os instrumentos que as clases dominantes utilizan para afastar o concepto de clase social do debate público son os medios de persuasión de masas, que son da súa propiedade, e as facultades de economía”

A nova clase dominante é a "clase corporativa internacional", segundo explicas: empresas multinacionais, organismos de xestión da economía internacional, axencias de cualificación, clubs de elite, think tanks e medios de persuasión de masas. Mais este tipo de análises da realidade (á que tende Somos el 99%, por exemplo), quizais deixan fóra unha estratificación social máis complexa. É dicir: non son só 1%. Temos que ir cara a explicacións máis comprehensivas?

Concordo. Somos o 99% é unha magnífica palabra de orde, mais non responde á realidade. Ningunha orde social pode manterse sobre a marxinación do 99% da poboación. Neste sentido mostro no texto a miña discrepancia con autoras que sitúan os medianos empresarios entre a clase media e non, como eu fago, entre as clases dominantes. Tamén os executivos e mandos superiores das empresas organizan o aumento dos ritmos de produción e a intensificación da explotación.

As autoras que sigo propoñen clasificacións máis complexas: clase dominante, clases medias, clases traballadoras, e, á súa vez, cada unha delas cunha importante variedade interna. Por non falar da proposta de Standing, que tamén recollo, que fala de salariado, profitécnicos, precariado ... Coido que para comprendermos a realidade social debemos utilizar análises con puntos de partida distintos. En calquera caso a sociedade non é un partido de fútbol en que dúas equipas visten cores distintas, é moito máis complexa.

“Ningunha orde social pode manterse sobre a marxinación do 99% da poboación”

As axencias de cualificación son un exemplo de "propiedade en círculo". Por que? Que son, en realidade?

Debemos esquecer a vella empresa capitalista familiar cuxo capital está concentrado nunha ou poucas persoas aínda que tamén existen empresas dese tipo. Por exemplo, Amancio Ortega posúe o 51 por cento das accións de Inditex. Entre a clase corporativa é habitual que persoas individuais ou xurídicas posúan participacións en múltiples empresas de moitos sectores o que serve, tamén, para diversificar o risco. Hai un exemplo moi claro recollido no meu libro. Un fondo de alto risco posúe participacións en grandes transnacionais, estas posúen participacións en MacGraw Gill que é propietaria dunha parte do capital de Standar&Poors que posúe participacións en bancos de investimento que á súa vez posúen accións dos fondos de alto risco que coloquei ao comezo desta exposición. Así, o círculo de propietarios pechouse.

As axencias de cualificación posúen unha competencia, cedida voluntariamente polos Estados, moi importante, a de cualificar a solvencia das emisións de activos financeiros. De a cualificación emitida ser negativa os xuros que deberán pagar os emisores serán máis altos. Esta competencia dálles un gran poder ás axencias para premer os poderes públicos, esixíndolles que adopten determinadas políticas, sempre favorábeis ás grandes empresas, se non queren ver rebaixada a súa cualificación. Algúns dos gobernos municipais elixidos nas últimas eleccións están a romper coas axencias de cualificación. Parabéns. Os poderes públicos democráticos deben destruír o poder das axencias.

“Algúns dos gobernos municipais elixidos nas últimas eleccións están a romper coas axencias de cualificación. Parabéns. Os poderes públicos democráticos deben destruír o poder das axencias”

O poder desa nova clase corporativa permite falar "dun novo feudalismo ou dun novo absolutismo". Por que? De que maneira esa clase corporativa dirixe a política (sobre todo económica) dos gobernos? Como se relaciona iso coas famosas "portas xiratorias"?

Novo feudalismo polo grao de concentración da riqueza. As 25 persoas máis ricas do mundo posúen un patrimonio superior ao produto interior bruto de Andalucía, Cataluña, Madrid, País Valenciano e Galiza. Unha aldea de 25 súper – millonarios posúe o que produciría un país rico no que vivisen máis de 30 millóns de persoas. A concentración da riqueza produce concentración do poder. Absolutismo na medida en que as entidades financeiras e o BCE actúan como soberanos dos pobos do sur de Europa, privados da condicións de pobos libres con capacidade de elixir entre políticas económicas distintas.

A clase corporativa dirixe a política desde os organismos reitores da política económica internacional, BM, FMI, OCDE, BCE, CE ..., as grandes transnacionais coa súa capacidade de chantaxe sobre os gobernos, e o sistema financeiro, ao que se lle ceden competencias que deberían ser públicas como a creación de diñeiro. Os think tanks e os medios de persuasión de masas son instrumentos esenciais para garantir o goberno da minoría plutocrática. Os primeiros elaboran os informes de expertos cos que nos bombardean cada semana. Os cazabombardeiros encargados de deixan caer as bombas redactadas polos think tanks son os medios de persuasión de masas.

No caso de Europa, a transferencia de competencias públicas a organismos supranacionais non electos é moi útil para garantir a imposición das políticas neoliberais da clase corporativa. O BCE e os poderes autoasumidos pola CE son exemplos magníficos. Por unha parte as “portas xiratorias” demostran que executivos das grandes empresas, dirixentes dos organismos de dirección da política económica e unha parte dos políticos fan parte da mesma casta, da mesma clase corporativa. Por outra parte garanten a colocación dos integrantes desa clase cando perden unha responsabilidade política evitando así o triste paso polo desemprego. E, moi importante, garante a cohesión das políticas e consolidan o sentimento de pertenza a un proxecto político e económico.

“Os think tanks e os medios de persuasión de masas son instrumentos esenciais para garantir o goberno da minoría plutocrática”

"A inexistencia do pobo europeo dificulta a constitución dun poder lexislativo e fiscal europeo soberano", comentas. E esta falta de pobo favorece a estratexia do poder de "estigmatizar as clases subalternas". En que sentido non existe xa "democracia política" no sur de Europa? Existe no norte, cuns gobernos que facilitan unha crecente desigualdade social interna?

Parte das poboacións do norte de Europa asumen a explicación de que os pobos do sur consumiron por riba das súas posibilidades e que deben cumprir unha penitencia polos seus excesos. Mais non só eles. No momento máis álxido da crise grega a opinión maioritaria entre a poboación do Estado español apoiaba as posicións do Partido Popular e a CE. Os medios de persuasión agochan as consecuencias dos tipos de troco sobrevalorados con que os países do sur entraron no Euro e as vantaxes que obtivo Alemaña. Ignoran tamén a (i)responsabilidade dos prestamistas alemáns e franceses que non foron quen de calcular o risco dos seus préstamos, unha función elemental dun banqueiro.

Afirmo que non existe democracia política no sur de Europa porque, aínda que conservarmos as liberdades democráticas e as garantías xurídicas, que aínda que condicionadas polas diferenzas de clase e poder, debemos loitar por defender, non temos capacidade de elixir entre políticas económicas distintas. Como nos lembran cada vez que hai eleccións, dá o mesmo o que votemos, só hai unha política económica posíbel. Respecto da última parte da pregunta, a democracia é un horizonte utópico, non existe a Democracia, senón máis ou menos democracia. Sen poder falar con coñecemento de causa, teño a impresión de que en Islandia teñen algo máis de capacidade de decidir ca nós. No límite considero que o capitalismo, e a súa versión neoliberal, coa crecente concentración do poder que provoca é tendencialmente incompatíbel coa democracia.

“O capitalismo, e a súa versión neoliberal, coa crecente concentración do poder que provoca é tendencialmente incompatíbel coa democracia”


Para explicar a estratificación social, recórrese a criterios como o tipo de ocupación, nivel de ingresos, factor propiedade combinado co factor de dominio, control ou posesión respecto dos medios de produción (por iso directores e xerentes se inclúen nas clases dominantes e a maioría dos autónomos nas clases traballadoras). A tradición marxiana (coas súas revisións: Laclau, Mouffe...), conviviu nisto coa weberiana: (que ofrece unha explicación multifactorial, que vai alén da propiedade). En que sentido todas esas revisións respecto do marxismo clásico (que tamén daba explicacións máis complexas ao descender ao nivel micro), enriquecen a visión das clases sociais na actualidade?

Coido que respondo parcialmente esta pregunta máis arriba. Para comprendernos a estratificación de clase en toda a súa complexidade cómpre termos en conta varios puntos de vista. Así a investigación de Marina Subirats que durante 20 anos realizou enquisas nas que se preguntaba por nivel de estudos, hábitos culturais, traballo produtivo, tipos familiares, vacacións... e así até 248 variábeis agrupadas en quince ámbitos temáticos debuxa un cadro no que aparecen a clase traballadora nova, a clase traballadora vella, as xoves de clase media... Porén, Subirats conclúe que “hai sobre todo un conxunto de variábeis que mostrou a súa extraordinaria potencia: ás que se refiren á posición das persoas no mercado laboral e á propiedade ou non dos medios de produción”.

"Que as traballadoras pouco cualificadas gañasen salarios baixos ou moi baixos non era un problema. Cando ese nivel salarial e as condicións de precariedade abranguen as novas xeracións con altos niveis de formación, a nova clase media, é cando se converte en verdadeiro problema social" para os medios, comentas. Que relación ten isto coa atención mediática (coas súas distintas fases) prestada a movementos como o 15-M?

O movemento do 15-M foi extraordinariamente importante, foi decisivo para que o sistema político da transición entrase en crise. Se non existise, habería que inventalo. Mais ao cabo as organizacións sindicais na folga xeral de 2012 xuntaron máis manifestantes en Vigo baixando desde a Praza dos Cabalos até a Praza das Travesas que todas as manifestacións do 15-M xuntas. Na miña e brava cidade non hai día que un grupo de traballadoras non se mobilice contra uns despedimentos, por un convenio xusto... estas mobilizacións como as das traballadoras de Mahala en Exipto teñen moito menos eco nos media. Os medios de comunicación prestan moita máis atención ás mobilizacións das mozas de clase media que ás mobilizacións dos sectores máis tradicionais das clases traballadoras. Mais estes existen e loitan. Por outra parte, para tentar ser equilibrado na miña análise, debo dicir que o 15-M foi tamén unha expresión das necesidades do emerxente precariado, penso que ese foi tamén un dos seus motores principais.

“Os medios de comunicación prestan moita máis atención ás mobilizacións das mozas de clase media que ás mobilizacións dos sectores máis tradicionais das clases traballadoras”

Na elite económica do Estado español, destacas, hai unha continuidade entre elites da ditadura e da democracia. Aínda que a finais dos 90 a banca perde peso en beneficio das empresas enerxéticas, inmobiliarias e construtoras. Como condiciona hoxe esa continuidade co franquismo as políticas públicas? Refírome, por exemplo, ao peso das compañías eléctricas nas decisións dos gobernos españois e galego: caso dos eólicos, etc.

Unha metáfora da Galiza de Fraga Iribarne e Paco Vázquez tería a fasquía dunha dorna que partise do porto exterior de punta Lagosteira e fose varar nas pozas da Cidade da Cultura. Unha das características diferenciais da crise no Reino de España é a débeda producida por un déficit co exterior que chegou ao 10 por cento do PIB. Literalmente pediamos prestado un dez por cento do noso PIB para o enterrar nas fochancas, radiais innecesarias en Madrid, Cidades da (incons) Ciencia e da (in) Xustiza, AVES prescindíbeis. Neste estrago de recursos públicos tiveron unha gran responsabilidade o tipo de empresas ás que te refires. Como fixo público recentemente Anxo Quintana, a derrota do bipartito foi consecuencia da súa aposta por un concurso eólico que deixase fóra as eléctricas, un dos poderes reais. Aprendamos. Acumulemos vontade de os identificarmos e os derrotarmos, ese sería un acto democrático de seu en beneficio da maioría social.

“Como fixo público recentemente Anxo Quintana, a derrota do bipartito foi consecuencia da súa aposta por un concurso eólico que deixase fóra as eléctricas, un dos poderes reais”

En Galicia, as clases traballadoras representarían o 73 por cento, as medias o 25 a a alta o 1. Máis de catro de cada dez persoas ingresan menos de 1.000 euros ao mes. No 2013, case unha de cada tres percibía o salario mínimo interprofesional ou menos. Pero "a constitución dun bloque popular que decida defender un modelo alternativo non se deriva automaticamente dunha determinada estrutura de clases, senón que necesita un esforzo prolongado cultural, organizativo e político". E aí entrariamos, por exemplo, na teoría sobre os movementos sociais (Tarrow e outros). Que falta en Galicia, en xeral, para a constitución dese bloque popular? En que medida poden representalo Mareas, BNG....?

Sabemos como as clases subalternas se expresaron noutras etapas do capitalismo, en organizacións socialdemócratas, comunistas, de extrema esquerda e anarquistas, a través de organizacións sindicais poderosas. Porén, non sabemos que formas políticas elixirá no futuro. Si vexo que hai un rexurdir da disidencia, causado pola crecente desigualdade e o aumento da precariedade. A década de Chávez, Lula, Morales, a aparición dun candidato ás primarias no centro do imperio que se define socialista, Sanders, a elección de Corbyn polas bases laboristas contra a campaña do establishment, a vitoria electoral de Siryza, son manifestacións desa disidencia. En Marea tamén, sen dúbida. O voto radical, á esquerda do PSOE, nas últimas eleccións superou o 28 por cento no Estado e o 29 por cento na Galiza. En Vigo En Marea conseguiu o 34 por cento dos votos. É algo histórico. Hai aí un potencial moi, moi importante. Na miña opinión En Marea é hoxe a expresión da máxima unidade popular posíbel.

En calquera caso esta nova esquerda é un proxecto en construción. Se chegará a propor medidas como a creación dunha banca pública na dirección da socialización das finanzas, que creo necesaria, é algo que resolverá o tempo. Respecto do BNG continúa a ser a forza con máis organización e extensión territorial. Ademais é a forza política con máis influencia no movemento sindical. Podería contribuír a situar na axenda a cuestión da soberanía. No entanto, o BNG decidiu, democraticamente, illarse do proceso das Mareas. Hai que respectar a súa decisión.

“En Vigo En Marea conseguiu o 34 por cento dos votos. É algo histórico. Hai aí un potencial moi, moi importante. Na miña opinión En Marea é hoxe a expresión da máxima unidade popular posíbel”

Por que o precariado pode considerarse unha nova clase social, e non só unha situación transitoria na vida laboral? Como se relaciona en Galicia con factores como a subcontratación, os falsos autónomos, ou os falsos contratos a tempo parcial?

Na medida en que desde hai máis de 30 anos as institucións reitoras do capitalismo internacional decidiron conscientemente iniciar unha revolución co obxectivo de aumentar o seu poder e debilitar a forza organizada e as conquistas históricas das clases traballadoras. As privatizacións buscan converter nun espazo para a valorización do capital servizos que, pola súa importancia para a vida dos seres humanos, a sociedade decidira deixar á marxe do mercado. Neste sentido o capital é hoxe bárbaro, combate as conquistas da civilización da especie humana.

As políticas de flexibilización do mercado de traballo, que trato no libro a partir de relatorios das organizacións sindicais, subcontratación, organización en pirámide, produción de falsas autónomas, debilitación da negociación colectiva, redución salarial, encadeamento de falsos contratos temporais levan á extensión da precariedade. Agás que mudemos a sociedade o precariado, tamén na Galiza, continuará a medrar. É o sentimento da maioría das mozas e mozos, que van ser precarias. O noso país non se afasta desa tendencia.

"Agás que mudemos a sociedade o precariado, tamén na Galiza, continuará a medrar. É o sentimento da maioría das mozas e mozos, que van ser precarias"

Samuel Huntington pedira a "moderación" da democracia, que segundo el e outros autores estaba erosionando as vellas estruturas de autoridade e control. O BM alerta no 94 da necesidade de illar o sistema de pensións das "manipulacións estratéxicas dos traballadores". En que sentido estas recomendacións están a ser oídas polos gobernos europeos?

O deseño do BCE, o pacto fiscal ou os acordos de competitividade son unha tradución literal das recomendacións da Trilateral e do BM. As repetidas advertencias de responsábeis europeos sobre a inutilidade das eleccións respecto da política económica van no mesmo sentido. Podemos falar de democracias de baixa intensidade. A crítica á política e aos políticos traduce en desconfianza a percepción popular de que tanto ten a quen votes, vai aplicar unha mesma política económica, sempre en defensa dos intereses das elites e que a situación das persoas que están peor nunca vai mellorar.

No que ser refire ás liberdades democráticas, a Lei Mordaza é unha lei antidemocrática que busca amedrentar as traballadoras e as precarias nas súas mobilizacións. As condenas non aplicadas mais non indultadas, de Carlos e Serafín e doutras 300 sindicalistas, van no sentido de moderar a democracia. Accións que hai 30 anos se vería como aceptábeis nun conflito laboral son hoxe cualificadas de violentas ou terrorismo. A detención dos titiriteros ou a prohibición de bandeiras estreladas ás siareiras galegas son limitacións da liberdade de expresión.

“Podemos falar de democracias de baixa intensidade. A crítica á política e aos políticos traduce en desconfianza a percepción popular de que tanto ten a quen votes, vai aplicar unha mesma política económica”

Por que os traballadores e traballadores están a ser derrotados nesta guerra? Como conta nisto a vitoria ideolóxica e cultural do capital, ou o acceso aos bens de consumo?

O natural é aceptar o estado de cousas. O natural non é rebelarse. As grandes transformacións sociais, pola vía das reformas ou pola vía das revolucións, prodúcense non tanto para buscar unha sociedade mellor, senón porque a existente comeza a sentirse como insoportábel. Na túa pregunta apuntas algunha das causas da derrota. A primeira, a vitoria ideolóxica e cultural do capital, do individualismo, do pensamento positivo, se queres podes, do consumismo, da ideoloxía do traballo.

No libro apunto outras, aínda que brevemente, o fracaso da experiencia socialista na URSS, a falta de organización autónoma das clases traballadoras, a perda de soberanía, polo desprazamento do poder dos Estados a estruturas supraestatais non democráticas, e, tamén, a ampliación do exército de reserva de man de obra mundial. Por outra parte en Galiza e no Reino de España a democracia mellorou as condicións de vida e o poder adquisitivo da maioría social. Entre principios dos 80 e o comezo da crise o avance foi moi importante. Este avance fixo que a maioría social interiorizase que xa non se necesitaba defender os dereitos, que todo estaba conseguido.

"As grandes transformacións sociais, pola vía das reformas ou pola vía das revolucións, prodúcense non tanto para buscar unha sociedade mellor, senón porque a existente comeza a sentirse como insoportábel"

En que consiste o "terrorismo económico" e como funciona para impedir imaxinar unha alternativa?

Chamo “terrorismo económico” aos anuncios repetidos, insistentes, de perda de dereitos, de privatizacións de servizos públicos, de reformas laborais, á publicación continúa de relatorios que “demostran” a inviabilidade económica dos servizos públicos, do sistema de pensións, da sanidade, da educación, ás profecías sobre que o mercado de traballo será cada vez máis desregulado, ás afirmacións, que nunca se demostran, da ineficacia do sector público...

En realidade trátase dunha campaña para paralizar a capacidade de reacción das poboacións, da cidadanía, das clases traballadoras, a capacidade de imaxinar un futuro máis xusto e igualitario. Esta campaña desenvólvese en dous niveis, no nivel macro das grandes institucións de dirección da política económica e dos think tanks, que fan propostas e publican relatorios, e no nivel micro dos empresarios que se aproveitan da situación para degradar as condicións laborais ou para facerse coas rendas de anacos do público e común privatizados.

"O terrorismo económico é unha campaña para paralizar a capacidade de reacción das poboacións, da cidadanía, das clases traballadoras, a capacidade de imaxinar un futuro máis xusto e igualitario"

Cales serían os elementos principais desa alternativa soberanista, socialista, feminista e ecoloxista que defendes?

Son elementos que se están a converter en lugar comúns entre as esquerdas. Por dar algunha pista, reducir o tempo de traballo para traballarmos todas e todos e traballarmos menos, recoñecer que os traballos reprodutivos e de coidados existen e que deben pasar a facer parte da planificación económica, situar como unha cuestión central da política económica a redución de uso de materiais e enerxía...

Gustaríame rematar explicando que ten ao seu favor a maioría social, a cidadanía, as clases traballadoras, que elementos nos poderían favorecer para avanzar no camiño da soberanía e dunha sociedade socialista, feminista e compatíbel co planeta no que vivimos. En primeiro lugar a longa tradición democrática en Europa, en certo sentido as liberdades democráticas en Europa son xa cultura, civilización. En segundo lugar, despois de 40 anos de ofensiva neoliberal o Estado continúa a ser un axente importante na actividade económica e na prestación de servizos. O sector público pode ser a plataforma para iniciar políticas en beneficio da maioría. En terceiro lugar, que determinados sectores económicos como as finanzas, o transporte ou a enerxía poden facerse públicos, sociais, comúns, con moita facilidade do punto de vista técnico, de existir unha vontade política suficiente. Por último o nivel científico e técnico das clases traballadoras é moi superior ao de calquera época histórica, temos a capacidade de xestionar moitos comúns en favor da maioría.

NA TENDA DE PRAZA: Podes mercar aquí o libro.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.