A Audiencia Nacional ilegaliza de vez Causa Galiza

Manifestación contra a ilegalización das formacións políticas CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

A Audiencia Nacional vén de ilegalizar definitivamente a organización independentista Causa Galiza. En resolución do pasado 4 de abril, a sala que preside o xuíz Velasco desestimou o recurso interposto pola defensa dos nove detidos na operación Jaro contra a suspensión de actividades do partido e co intento de recuperar o status legal. Segundo aclara a propia organización, o tribunal xustifica a súa decisión en que "existen indicios suficientes de que o devandito entramado utilizou como un instrumento a asociación civil Causa Galiza", en referencia aos independentistas galegos detidos o pasado 30 de outubro e acusados de "integración en banda armada" e "enaltecemento do terrorismo". 

O xuíz Velasco desestimou o recurso que intentaba recuperar o status legal da organización

Ademais, Causa Galiza asegura que como "proba" desta acusación sobre o partido a Audiencia Nacional cita a celebración dos Día da Galiza Combatente de 2013 a 2015 e a "participación en actividades nas que se enaltece, xustifica e promociona o terrorismo como os actos e concentracións celebados o 26 de abril de 2015", en alusión a unha homenaxe aos Mártires de Carral.

A sentenza, sempre segundo a organización independentista, define os imputados como "referente organizativo do entramado de apoio, todo iso confirmado polas vixilancias policiais e polo estudo das publicacións realizadas a través de Internet". Ademais, asegura que "existe risco de reiteración delituossa, o que xusitifca, para a debida protección dos bens xurídicos afectados, a adopción da medida cautelar". Por último, admitiría o "sacrificio dos dereitos" que, no entanto, gardaría "relación proporcional coa gravidade do delito". 

O pasado 30 de outubro foron nove os membros de Causa Galiza detidos na denominada operación Jaro, que o Ministerio do Interior identificou como  un golpe á "contorna" de Resistencia Galega, e que foron postos en liberdade tres días despois con imputacións como pertenza a organización terrorista. O 24 de xaneiro, centos de persoas saíron á rúa en Compostela "em defesa dos direitos civis e políticos para todas e todos" e contra a "ilegalizaçom de organizaçons políticas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.