Folga de fame por un aluguer social en Vigo: Xunta e Concello cúlpanse mutuamente

Acampada dos veciños en folga de fame Dominio Público @MareaVigo

Mercedes, Isabel e Ricardo comezaron este luns unha folga de fame ante o Concello de Vigo. Cada unha das súas familias está ameazada por un inmediato desafiuzamento este mes e reclaman unha solución axiña. Piden unha vivenda da que poidan pagar o alugueiro e reclaman á administración local e á Xunta que lles facilite ese teito ante a imposibilidade de acceder aos prezos que lles piden. O alcalde, Abel Caballero, insiste en que ninguén queda sen casa na súa cidade e envía a responsabilidade ao Executivo autonómico. Desde a Xunta pídenlle ao rexedor que non faga "negocio" coas vivendas baleiras na urbe e que tome medidas para evitar os desalosoxos. No medio, tres familias con seis menores afectados. 

Tres persoas comezaron o luns unha folga de fame ante o desaloxo inmediato que as ameaza e reclamando un aluguer social

A decisión de iniciar unha folga de fame chegou logo de que as familias ameazadas co despexo se reunisen coa concelleira Isaura Abelairas, que os recibiu, segundo din logo de solicitarlle até en 13 ocasións unha xuntanza. A solución que lles ofrece é pagarlles un mes de aluguer (e outro de fianza) mentres non atopan unha vivenda. 

Desde o colectivo Os Ninguéns, e desde as propias familias, insisten en que non poden acceder a un aluguer ordinario, senón que precisan un "social". A situación económica dos afectados fai inviable que poidan abonar os importes que lles piden. Cobran entre 400 e 500 euros grazas a axudas sociais e pagar máis de 100 euros mensuais pola súa vivenda non é nin unha opción. 

A situación económica dos afectados impídelles acceder a un aluguer ordinario e piden axuda ao Concello e á Xunta

Mentres, o Concello insiste en que na súa cidade "non hai desafiuzamentos" e aclara que non ten vivenda dispoñible para ese alugueiro social que lle reclaman. Abel Caballero bota a culpa á Xunta, que é quen ten as competencias segundo o rexedor. Desde a Administración autonómica, a conselleira de Infraestruturas e Vivendas, Ethel Vázquez, pide ao alcalde que tome medidas. E fíxoo, precisamente, logo de que asinase coa Fegamp un convenio de adscrición voulntaria polo que os municipios inforan ao Executivo atuonómico das vivendas baleiras na súa área e esta destíanass a algueiros sociais para familias nunha situación "vulnerable". 

Ethel Vázquez aclarou que, no caso das familias de Vigo, a Xunta está "traballando para solventar" as súas situacións e que a dúas delas xa se lles concedeu o bono de alugueiro social e se lles ofreceron pisos en Salceda de Caselas e Salvaterra, que rexeitaron ante a necesidade de residir na cidade. 

A Xunta pide a Caballero que ceda as vivendas baleiras e non faga "negocio" con elas e Caballero bota a culpa á Administración autonómica

A conselleira pediulle ao Concello que "se sume" ao convenio coa Fegamp por ter vivendas baleiras na rúa República Arxentina. E Vázquez foi máis aló ao reclamarlle que non busque facer "negocio" con elas a través da súa venda e que as poña a disposición da Xnta para facilitar o aluguer socil ás persoas necesitadas. "É unha oportunidade real para darlles solución", finalizou. 

Acampada dos veciños en folga de fame Dominio Público @MareaVigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.