“Ver como algo natural que unha cea de negocios remate nun club de prostitución é algo terrible"

Unha das vallas denunciadas por Lugonovo, situada no Ceao © Lugonovo

Este martes Lugonovo denunciou a presenza en distintos lugares da cidade -nomeadamente nas estradas de entrada e saída de Lugo- de vallas publicitarias con anuncios de locais de alterne, facendo fincapé ademais no contido dun deses anuncios, que inclúe "un debuxo totalmente vexatorio e humillante para as mulleres" e que naturaliza o feito de que unha cea (de amigos, de compañeiros de traballo) remate nun negocio de prostitución. “Cando hai asasinatos de mulleres ou casos de maltrato todo o mundo se escandaliza, pero logo consentimos este tipo de violencia de xénero, que é o seu xerme, con total normalidade”, criticaba a concelleira Cristina Pérez Herraiz. 

“Cando hai asasinatos de mulleres ou casos de maltrato todo o mundo se escandaliza, pero logo consentimos este tipo de violencia de xénero, que é o seu xerme, con total normalidade”, di a concelleira Cristina Pérez Herraiz

A formación salientaba, ademais, que esta forma de exhibición e promoción pública desta actividade seguíase a producir en Lugo malia que o pasado mes de novembro o Pleno decidise, por unanimidade, a creación dunha ordenanza municipal orientada á prohibición de publicidade sexista en todo o concello. E de que, ademais, o pleno municipal aprobase en febreiro (cos votos a favor de PP, PSOE, Lugonovo, ACE-EU e BNG e a abstención de Ciudadanos) a adhesión de Lugo á Rede de Cidades Libres de Tráfico de Mulleres, Nenas e Nenos destinados á prostitución, converténdose na primeira localidade galega en incorporarse. Non é a primeira vez que se denuncian en Lugo estas vallas; en 2013 o BNG criticou publicamente estes anuncios.

Na moción aprobada o Concello de Lugo comprometíase deseñar "unha campaña periódica para sensibilizar e convencer a poboación de que a prostitución é igual a violencia de xénero e explotación sexual das mulleres, visibilizando o denominado eufemisticamente cliente, sempre no anonimato e xustificado socialmente, buscando deslexitimar social e publicamente os prostituidores, protagonistas, actores responsables e cómplices activos". Así mesmo sinalaba que lle esixiría ao Goberno Central e á Comunidade Autónoma "que se aplique realmente a lei, perseguindo o tráfico de mulleres e persoas e os proxenetas que están a campar polos seus foros nos clubs e bordeis que todo o mundo coñece". "O noso Concello centrará a acción na erradicación da demanda, a través da denuncia, persecución e penalización do prostituidor (cliente) e do proxeneta", engadía.

“A publicidade da prostitución é un reflexo do que ocorre na sociedade, pretende neste caso vendernos un produto que se supón que ten demanda. Pero unha persoa nunca pode ser un produto”, sinala Vagalume

Dende Vagalume, centro compostelán especializado en dar apoio a mulleres que exercen a prostitución e/ou son obxecto de trata, denúnciase “a visibilidade pública dos locais de prostitución, que na actualidade é evidente, tendo en conta que todo o mundo sabe o que ocorre dentro dos clubs”. “É moi grave que o anuncio chegue a estar aí. É unha mostra total de falta sensibilidade cara á explotación sexual, á trata de persoas e á violencia de xénero”, engaden.

Sinalan que "o problema é que falta unha educación de base e unha sensibilización xeral da sociedade. A prostitución segue a ser un tema tabú, que non está traballado a nivel social e que leva implícito un estigma moi potente. O problema non é só do anunciante, senón tamén de quen o permite e das persoas que podemos pasar por diante e acabamos por case nin decatarnos de que está, por naturalizalo". “A publicidade da prostitución é un reflexo do que ocorre na sociedade, pretende neste caso vendernos un produto que se supón que ten demanda. Pero unha persoa nunca pode ser un produto”, subliñan. “Ver como algo natural, que unha cea de negocios -masculina, enténdese- remate nun club no que se exerce a prostitución, é algo terrible. Normalizar isto, velo como algo lúdico, é moi grave", din. 

"O problema é que falta unha educación de base e unha sensibilización xeral da sociedade. A prostitución segue a ser un tema tabú, que non está traballado a nivel social e que leva implícito un estigma moi potente", engade Vagalume

"A solución" -conclúen- "pasa pola educación, sobre todo. Ademais, este tipo de vallas deberían pasar por algún filtro que impedise a publicitación de calquera tipo de violencia. Isto a min paréceme violencia contra as mulleres e non se pode consentir. Debe haber normas e as normas deben cumprirse, non quedar só no papel".

 

A promoción dos negocios de prostitución

A legalidade ou ilegalidade das vallas publicitarias e doutro tipo de promoción desta actividade entra no mesmo terreo difuso no que se move o mesmo exercicio da prostitución. O exercicio da prostitución en España non é delito, pero si o é proxenetismo (lucrarse da prostitución de terceiras persoas) e a trata co propósito de explotación sexual. O artigo 188 do Código Penal especifica que quen obrigue a unha persoa a exercer a prostitución, empregando violencia, intimidación ou engano, ou abusando dunha situación de superioridade ou de necesidade ou vulnerabilidade da vítima, será castigado coas penas de prisión de dous a catro anos. E que a pena será a mesma para o que se lucre explotando a prostitución doutra persoa, aínda co consentimento da mesma. Porén, a aplicación da lei varía completamente dunhas comunidades a outras e mesmo duns concellos a outros e a realidade é que a norma, ás máis das veces, non se aplica. En España, segundo estimacións da Policía, o 90% das mulleres que exercen a prostitución (entre 300 e 500 mil) fano de forma obrigada.

O exercicio da prostitución en España non é delito, pero si o é proxenetismo ou que alguén se lucre co exercicio da prostitución doutra persoa, mesmo co seu consentemento

Os clubs de alterne realizan o seu negocio á vista de todos e mesmo publicitan súa actividade. O caso das vallas é semellante ao da publicación de anuncios de prostitución na prensa escrita. Trátase dunha práctica criticada social e politicamente, pero nin se aproban normas que a prohiban definitivamente e nin sequera de penaliza aos xornais que se seguen lucrando con eles. Entre 2010 e 2011 chegaran a darse pasos moi importantes. O Congreso aprobou por unanimidade unha iniciativa para instar os medios de comunicación a "autorregularse" neste senso e un informe do Consello de Estado sustentaba a prohibición; porén, a debilidade do Goberno de Zapatero no seu derradeiro ano e as presións das empresas de comunicación acabaron bloqueando a medida. No Parlamento galego o pasado mes de febreiro AGE presentou unha iniciativa para instar o Goberno galego a "suspender" de inmediato "as axudas económicas" aos "medios galegos ou comercializados en Galicia" que inclúan anuncios de prostitución. A proposta, apoiada tamén por PSdeG-PSOE e BNG, foi rexeitada pola maioría absoluta do PP.

O estudo El putero español destacaba que unha das razóns argumentadas polos clientes para adquirir os servizos de prostitución estaba a "accesibilidade: publicidade próxima e abundancia de lugares"

O pasado ano as profesoras Rosa M. Verdugo (USC) e Águeda Gómez (Uvigo) e a investigadora Silvia Pérez publicaron El putero español (Editorial Catarata), unha análise das motivacións que levan os homes a pagar por sexo, realizada a partir dun cento de entrevistas a mulleres que exercen a prostitución (43), clientes (29), empregados e donos de clubs de alterne e traballadores e traballadoras sociais, ademais de varios grupos de discusión. No estudo destacábase que unha das razóns argumentadas polos clientes para adquirir os servizos de prostitución estaba a "accesibilidade: publicidade próxima e abundancia de lugares". "Es como si eres alcohólico y quieres dejar la bebida y estás viendo seguido anuncios de cervezas, bares, pues igual ¿entiendes? Te están poniendo la pera en dulce para que vayas y la cojas, tu miras la prensa, te coges un periódico y ya tienes sexo ahí", sinalaba un consumidor de prostitución de Santiago de Compostela.

A investigación calculaba que en Galicia funcionaban máis de 240 clubs de alterne, xestionados "de forma semellante a unha empresa familiar" e perfectamente "integrados na vida municipal"

A investigación calculaba que en Galicia funcionaban máis de 240 clubs de alterne, cunha distribución, común a todo o norte de España, de locais de pequeno tamaño, xestionados "de forma semellante a unha empresa familiar", normalmente por persoas da propia localidade "integrados na vida municipal a través do patrocinio dalgún club de fútbol do lugar ou doutro tipo de actividades locais".

 

Unha das vallas denunciadas por Lugonovo, situada no Ceao © Lugonovo
Un dos obradoiros organizados por Vagalume © Vagalume
Anuncios de prostitución nun xornal impreso de ámbito estatal CC-BY-SA eldiario.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.