DOCUMENTO | Así atrasou o Sergas 8 meses unha consulta de oncoloxía en Santiago

Instalacións do Clínico de Santiago © Sergas

Un paciente do servizo de Oncoloxía do Clínico de Santiago na última fase do seguimento da doenza, a de revisións periódicas anuais, acudiu a solicitar cita o 12 de maio de 2015 e fixáronlla, como correspondía, para un ano despois: o 10 de maio de 2016. O 16 de marzo deste ano, cando restaban apenas dous meses para a consulta, recibiu a notificación dunha reprogramación menor: pasaba do día 10 ao día 11. No entanto, o 8 de abril o propio servizo emitiu unha nova data, adiando a revisión do 11 de maio de 2016 ao 18 de xaneiro de 2017, oito meses despois.

Este é un dos atrasos que esta semana denunciaban o colectivo SOS Sanidade Pública e mais a asociación de doentes oncolóxicos do CHUS (AUSO) que, como informou Praza.gal, lanzaron a alerta tras recoller testemuñas dos propios pacientes e tamén de profesionais do hospital. As reprogramacións, ilustraban, supuñan chegar a, practicamente, duplicar o prazo de espera para acceder á consulta e, en boa parte dos casos, para coñecer o resultado de probas de control como análises de sangue, radiografías ou TAC.

O atraso da cita pasou de 24 horas a oito meses

Tras saír á luz as protestas, que a asociación Defensor del Paciente decidiu trasladar tamén á Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o propio servizo de Oncoloxía compostelán saíu ao paso das críticas para admitir os atrasos -inicialmente, o Sergas asegurara descoñecelos-, pero tamén para atribuílos a un procedemento automático e para aseguraren, ademais, que xa foran subsanados. Todo está xa "baixo control", afirmou en declaracións á emisora local da SER en Santiago o xefe do servizo, Rafael López, quen non obstante admite que, cun cadro de persoal máis amplo, isto non chegaría a suceder.

O hospital atribúe as reprogramacións a un procedemento automático que, asegura, xa foi emendado

"Imaxino -afirmou o facultativo- que os pacientes se angustian cando lles dan citas tan longas" malia a atoparse en "situación de pre alta", isto é, cando xa pasaron a fase de constrois máis exhaustivos. O que aconteceu, explica, é que o sistema que xestiona as citas asignou automaticamente novas datas por atopárense algunhas consultas fixadas para días festivos. Así e todo, asegura, as revisións realizaranse finalmente neste mes, como estaba inicialmente previsto.

López desvincula estes casos dos recortes sufridos pola sanidade nos últimos anos, se ben admite que servizos como o de oncoloxía "están máis castigados ca outros" no actual contexto, toda vez que é dos que máis demanda cidadá xestiona e por iso "ten que seguir medrando". "Se fósemos trinta oncólogos non se produciría este problema, pero quince estarían ociosos a maior parte do día", ilustra o doutor, quen asegura, asemade, que "en situacións de crise tamén é unha responsabilidade nosa traballar axustados".

Iniciativas do BNG no Parlamento 

Alén da explicación do propio hospital este caso será abordado tamén no Parlamento. Cando aínda ecoa o duro debate en torno aos atrasos en tratamentos de hepatite C, que segue o seu percorrido xudicial, o Goberno galego terá que dar conta do sucedido no servizo de Oncoloxía do CHUS por mor de, cando menos, dúas iniciativas da deputada do BNG Montse Prado, que a finais do pasado abril rexistrou xa unha interpelación e mais unha proposición non de lei ao respecto, encamiñada ao inclemento do persoal de oncoloxía.

O Bloque coida que o servizo de Oncoloxía do CHUS "leva anos traballando ao límite"

O servizo oncolóxico compostelán, di Prado, "leva anos traballando ao límite mentres as patoloxías oncolóxicas e a súa complexidade" aumentan, provocando tamén, di a parlamentaria, un incremento da "angustia e preocupación" dos doentes por mor dos atrasos. "O BNG considera inadmisíbel esta situación", que "obriga" o persoal do centro "a traballar cunha presión asistencial moi por riba do normal". Así as cousas, Sanidade terá que aclarar as "razóns" dos atrasos e as súas causas, así como a posible influencia nestas da implantación do programa de prescrición farmacéutica Silicom que, segundo SOS Sanidade, ralentiza este tipo de procesos.

Notificación do adiamento, á que tivo acceso Praza.gal CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.