0 Gardados para despois

A campaña por un tren de proximidade entre A Coruña e Ferrol acelera a máquina

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Nas comarcas da Coruña (398 mil), Betanzos (39 mil), Eume (26 mil) e Ferrol (159 mil) viven máis de 600 mil persoas (470 mil só nos concellos atravesados pola liña de ferrocarril). Porén, entre Ferrol e A Coruña circulan tan só seis tres diarios (ningún entre as 8.45 e as 14.30), que tardan unha hora e cuarto en realizar un percorrido de 50 quilómetros. Galicia é a única comunidade autónoma costeira que non dispón de servizo de tren de proximidade, máis barato e con máis frecuencias que os rexionais ou de media distancia. Os últimos foron anos de recortes, falta de investimento, degradación do servizo e desmantelamento. Peche de estacións e redución de frecuencias que fixeron menos atractivo un modo de transporte limpo, barato e cómodo, que evita atascos e que ten éxito nos lugares de España e de Europa onde funciona de xeito axeitado.

Entre A Coruña e Ferrol ou Lugo e A Coruña circulan unicamente seis trens diarios

Unha análise semellante pódese facer sobre a comunicación por ferrocarril entre A Coruña e Lugo: seis frecuencias diarias, ningunha entre as 9.20 e as 16.30, cunha duración da viaxe entre a hora e media e as tres horas. Ou sobre a inutilidade do tren como medio de transporte para os populosos concellos que conforman a área metropolitana da Coruña. Entre a cidade herculina e Cambre circulan só dous servizos diarios, un a media mañá e outro á tardiña. 

A Plataforma presentará nas vindeiras semanas mocións semellantes aos plenos dos concellos atravesado polas liñas A Coruña - Ferrol e tamén A Coruña - Lugo

Dende hai un tempo a Plataforma pola Defensa do Tren a Coruña e As Mariñas vén demandando unha mellora do servizo, de cara a constituír un auténtico tren de proximidade que dea servizo a estas comarcas, mellorando tamén as comunicacións por ferrocarril entre A Coruña e Lugo. O vindeiro luns 23 de maio presentará no rexistro municipal do Concello da Coruña unha moción para que o pleno llo demande á Xunta e ao Ministerio de Fomento. A moción, que será defendida polo grupo de Marea Atlántica e que conta co apoio de Daniel Díaz Grandío, Concelleiro de Mobilidade Sostible, tamén insta ao resto de concellos implicados a que "fagan causa común e así ter máis forza fronte ás administración competentes", sinala Alberto Díaz Ruiz, voceiro da Plataforma. O texto será debatido no pleno do luns 6 de xuño. A Plataforma presentará nas vindeiras semanas mocións semellantes aos plenos dos concellos atravesado polas liñas A Coruña - Ferrol e tamén A Coruña - Lugo. Tamén presentarán una moción semellante no rexistro da Deputación da Coruña para que sexa debatida no pleno do venres 27.

A Plataforma denuncia que "nos últimos anos o desenvolvemento da cidade e a bisbarra favoreceu dun xeito esaxerado o uso do transporte privado en detrimento do público" e lembra que "só na cidade da Coruña entran preto de 150 mil vehículos diarios", provocando atascos e contaminación. En contraposición, demanda unha aposta "polo fomento do transporte público colectivo", sinalando que "o tren de proximidade é a mellor alternativa para a redución de vehículos privados" podendo crear, coas infraestruturas existentes e melloradas, unha rede que una A Coruña con Ferrol, Ribadeo e Lugo, ademais das localidades que se atopan entre elas. Ademais, defende "o traspaso ao ferrocarril das mercadorías transportadas por estrada, alí onde sexa posible", o que "posibilitaría o desbloqueo do colapso físico", a redución do consumo enerxético e da degradación ambiental, ademais dun considerable aforro económico.

A Plataforma lembra que "só na cidade da Coruña entran preto de 150 mil vehículos diarios" e sinala que "o tren de proximidade é a mellor alternativa para a redución de vehículos privados"

Asturias, Cantabria, Euskadi, Cataluña, Comunidade Valenciana, Murcia, Andalucía, Aragón e Madrid contan con servizos de tren de proximidade, do que carece Galicia, sendo a nosa a única comunidade litoral da España peninsular sen este sistema. Este servizo ten un custe inferior para os usuarios e usuarias, ofrecer máis frecuencias e, ademais, conta cunha maior protección ante posibles recortes (de feito, no plan de racionalización levado a cabo en 2013 as cercanías quedaron fóra do axuste decidido por Fomento). O servizo de proximidade que une Oviedo, Xixón e Avilés, cunha poboación semellante á da área Ferrol-A Coruña conta con 29 frecuencias diarias, o mesmo que o Aldiriak dos arredores de Donosti, neste caso con menos habitantes que os que habitan o Golfo Ártabro galego.

 

Demandas da Plataforma en Defensa do Tren A Coruña – As Mariñas

  • Creación dun servizo público de tren de proximidade entre A Coruña e Ferrol que amplíe horarios e as frecuencias para facelo socialmente rendible e economicamente viable
  • Melloras no servizo A Coruña-Lugo de xeito que dea servizo e conexión das cidades coas localidades interiores (Oza, Cesuras, Baamonde, Rábade, Parga, Guitiriz...)
  • Realizar investimentos no ferrocarril convencional para recuperalo do seu prolongado abandono
  • Anulación do Plan de Racionalización de servizos ferroviarios de media distancia de xuño de 2013 que conduciu á eliminación total de servizos nalgunhas estacións ou á súa drástica redución ata o punto de supor a súa inutilidade práctica
  • Derrogación dos decretos que posibilitan a fragmentación de RENFE en catro sociedades anónimas e ADIF en dúas empresas e a desaparición da participación pública en numerosas empresas do sector
  • Demanda aos concellos implicados que tomen unha posición activa, e común, a prol dun tren de proximidade

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.