Os sindicatos denuncian presións de Sanidade para facer fracasar a folga de inspectores de saúde

Protesta de farmacéuticos inspectores de saúde CC-BY-SA CIG

O pasado 18 de maio o corpo de Farmacéuticos Inspectores de Saúde Pública (FISP) iniciou unha folga indefinida para reivindicar melloras na xestión da Sanidade Ambiental, un paro que conta co apoio de CIG, CCOO, CSIF e UGT. Estas organizacións sindicais denuncian que dende o inicio da folga, a Consellaría está a someter os empregados e empregadas a "presións", co obxectivo de facer fracasar a acción de protesta. En concreto alertan de que Sanidade leva a cabo "ameazas" e “ordes ilegais”, obrigando a realizar a totalidade do traballo programado con tan só a metade do persoal.

Alertan de que Sanidade leva a cabo "ameazas" e “ordes ilegais”, obrigando a realizar a totalidade do traballo programado con tan só a metade do persoal

"Resulta que á Consellería de Sanidade non lle importa a calidade e rigorosidade coas que se deben realizar as inspeccións, o único que lle importa é trasladar a opinión pública a aparencia de normalidade", sinalan as catro centrais, que poñen como exemplo a xestión do programa de inspección de zonas de baño. Segundo ese programa, sinalan os sindicatos, os inspectores e inspectoras deben garantir mediante unha inspección completa e exhaustiva, que as praias se encontran en condicións óptimas de limpeza tanto no auga como na area, verificando a ausencia de cristais, materia orgánica, residuos alquitranados, desperdicios ou calquera outro tipo de vertidos. Ademais deben verificar que as praias estean correctamente sinalizadas e que teñan exposta ao público a información regulamentaria. Finalmente teñen que recoller unha mostra de auga para realizar a correspondente análise.

Explican que "en condicións normais, estas inspeccións deberían ter, de media, unha duración aproximada dunha hora por praia, dependendo fundamentalmente da lonxitude da mesma, que en moitos casos chega a ser de varios quilómetros" e que por razóns de calidade as inspeccións só se poden realizar pola mañá, de 10 a 14.30. "Resulta polo tanto imposible, realizar a inspección de máis de tres praias, como media, en cada xornada laboral, se se pretende que a inspección se faga atendendo ao establecido na lexislación vixente", conclúen. Porén, denuncian os sindicatos, a Consellaría "deu ordes por escrito para impoñer rutas de inspección que superan en máis do dobre a cantidade recomendada de praias a inspeccionar nunha soa xornada", entre oito e dez praias nunha mañá, o que suporía dedicar pouco mais de 15 minutos por praia. 

O persoal continuará o día 30 e 31 de maio e 1 de xuño coa folga indefinida, demandándolle á Xunta a apertura dunha mesa de negociación

"Este é o interese que ten a Consellería pola saúde ambiental da cidadanía? Por que só lle importa a cantidade de praias inspeccionas e non a calidade das inspeccións realizadas? Por que non centran os esforzos de inspección nas praias que precisamente teñen peor índice de calidade nas súas augas?", pregúntanse os sindicatos, que o persoal continuará o día 30 e 31 de maio e 1 de xuño coa folga indefinida, demandándolle á Xunta a apertura dunha mesa de negociación.

 

Protesta de farmacéuticos inspectores de saúde CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.