0 Gardados para despois

Queer Avengers: educando contra a homofobia desde Youtube ata os institutos

Alexandre PichelAlexandre Pichel | @XandrePichel


Queer Avengers é un grupo de youtubers galegos que están a causar furor arredor de todo o Estado. Coa súa xuventude, enerxía e ganas, Carlos, Valeria, Irish, Nuria, Iria e Sergio tentan facerse un oco no mundo machista e homófobo de Youtube cun contido alegre, divertido e que instrúa a mocidade na igualdade. Á marxe de facer vídeos para a canle, estes simpáticos rapaces tamén están a comezar a dar charlas por institutos pero sen perder nunca a súa pinga de humor. Falamos con tres dos compoñentes: Iria, Sergio e Carlos.

De onde xorde a idea?

Sergio: Nós somos un grupo de amigos e amigas que estivemos sempre moi interesados no feminismo e no activismo queer, aínda que é verdade que fomos evolucionando; pois, exceptuando Iria e Manuela, as cales nos formaron, o resto non tiñamos moita idea nun primeiro momento. Ao principio facíamos moito activismo a través das nosas redes sociais, pero criamos que deberíamos facer algo máis. Eu naquela época xa tiña unha canle de Youtube e propúxenlles abrir unha en conxunto.

"Sempre estivemos interesados no feminismo e no 'queer' e facíamos activismo nas redes, pero pensamos que deberiamos facer algo máis"

Como son os primeiros pasiños?

Sergio: Pois, antes de ter decidido o nome ou se íamos continuar co proxecto ou non, gravamos un pequeno experimento sociolóxico (Tetas vs. Tetas). Unha vez feito, tivemos unha reunión tanto para decidir o nome da canle, como para ver se realmente estabamos interesados e interesadas en continuar traballando con ela. Nesa reunión saíu o nome de Queer Avengers e subimos e tiramos cara adiante co noso primeiro vídeo.

Por que a plataforma de Youtube para o voso propósito?

Sergio: O fenómeno de Youtube é, a día de hoxe, bestial, amais de que é unha das ferramentas máis potentes da rede para chegar a unhah morea de xente nova. Tamén é certo que a nós nos encanta facer vídeos.

Iria: Ademais, na miña opinión, creo que empezamos todo isto da canle porque Youtube, como dixo Sergio, ten moita forza na xuventude e está repleto de machismo e de homofobia, sobre todo nos youtubers máis famosos. Nós, con isto, tentamos dar outro punto de vista xa que non hai moita oferta nin en Galicia nin no resto do Estado, polo que nos adoitamos fixar en youtubers estranxeiros, sobre todo americanos.

"As canles de Youtube son conducidas por persoas que non pasan filtro ningún; foron educadas no machismo e na homofobia e os contidos están marcados por isto"

Sergio: Un dos puntos fortes pero tamén dos máis febles de Youtube é que as canles son conducidas por persoas que non pasan ningún filtro e que se atopan coa posibilidade de dar todo o contido que eles queiran ao resto da xente. E como son persoas que foron educadas para ser machistas, homófobos... pois os seus contidos estarán marcados por isto. Aínda por riba, os adolescentes, que son o maior grupo de xente que consome vídeos en Youtube, absorben todo como esponxas e despois reproducen ese tipo de comportamentos.

Cal é o voso propósito en Youtube?

Carlos: Pois seguir como ata o momento, tentando que cada vez máis xente nos visualice, pero cos mesmos propósitos sen pensar moito máis aló nin en proxectos máis grandes.

Sergio: A ver, a verdade é que nun primeiro momento só tiñamos pensado traballar na nosa canle, pero de súpeto abríronsenos varias posibilidades de traballo como a de dar charlas ou actuar no Día do Orgullo... O proxecto estase a facer, ben é certo que pasiño a pasiño, moito máis grande.

"Queremos educar e ter a posibilidade de seguir aprendendo"

Iria: De todos os xeitos, non temos un obxectivo único en mente. Queremos educar e ter a posibilidade de seguir aprendendo nós. E calquera oportunidade que teñamos para facelo será benvida.

Cal é o voso público?

Sergio: Polas estatísticas de Youtube, que se basea nos usuarios e usuarias que visualizan os nosos vídeos, un 60% son mulleres e un 40% homes, e adoitan estar entre 18 e 28 anos.

Iria: Aínda que hai que ter constancia de que moita xente pon que ten 18 anos cando non os ten, así que creo que o noso público pode ser algo máis novo. Ademais, podemos ver que moita xente, bastante máis pequena ca nós, está moito máis metida no tema que cando nós tiñamos esa idade. O que, persoalmente, alédame moito.

Sergio: Despois hai moita máis xente que non concorda con estes datos, por exemplo varios profesores de instituto que nos viron. Incluso o outro día tivemos unha charla a través do Skype cun instituto de Madrid.

"Os vídeos teñen que ser informais e divertidos; nós non temos guión. Se hai risas é porque nos saen"

Unha das cousas que máis sorprende nos vosos vídeos é o amenos que son o o gran ritmo que teñen.

Sergio: Un dos puntos máis fundamentais é que os vídeos teñen que ser claros, concisos e, sobre todo, amenos. Por exemplo, hoxe en día vexo que hai moreas de profesores que dan explicacións e moita información moi valiosa, pero que só verás o vídeo se é que che interesa moitísimo o tema do que se está a falar, e non porque digas “oh, apetéceme moito velo!”. Os vídeos teñen que ser informais, divertidos, e é por iso que nós non temos guión cando os facemos, marcamos o tema e os catro puntos principais. Se nos nosos vídeos hai risas é porque nos saen a nós mesmos.

Estase a normalizar o debate sobre o tema na industria do cine ou da televisión, por exemplo?

Iria: Pois Deadpool é un dos mellores exemplos de normalización. O director da película afirmou que o personaxe de Deadpool era pansexual. E é verdade que cando ti miras o filme non te decatas diso, pero existen certos toques que che amosan a realidade sexual do personaxe. De todos os modos, nun dos nosos vídeos falamos da industria que debe colocar este tipo de temas de xeito coloquial, como con Deadpool, que non foi feito de maneira forzada.

Sergio: Este tipo de accións son importantes, pois estamos a falar dun contido que é moi consumido pola sociedade. E cando o director da película afirma que Deadpool é pansexual, pois vas buscar o que significa... Todo estes xestos axudan.

Sodes xente moza e coñecedes perfectamente as redes sociais, están a facer ben Facebook e Instagram coa súa política de censura?

Sergio: É bastante curioso como desenvolven esta política. Por exemplo, nós temos varios amigos rapaces trans aos que lles asignaron o xénero feminino ao nacer. Eles teñen fotos subidas a estas redes sociais co seu peito, porque teñen peito, pero como se lles le como ‘homes’, non lles censuran as fotos. Isto é alucinante porque significa que hai algo que está aí para mirar se é un home ou unha muller para censurar.

"É alucinante que haxa algo mirando nas redes sociais se quen se expresa é un home ou unha muller para censurar"

Iria: Claro, porque o que se está a censurar non é un peito grande, censúrase un peito de muller. Por exemplo, un amigo que teña máis peito ca min, non se lle vai a censurar a foto. Realmente, non logro entender as ganas que teñen de sexualizar certas partes do corpo.

A linguaxe neutra é algo que nunca falta nos vosos vídeos, que importancia ten?

Iria: A linguaxe neutra é complicada, sobre todo durante a fala. De todas formas, intentamos que a xente a comece a utilizar, e aquela que non o faga que polo menos non se burle. Eu penso que un dos maiores problemas é que a xente cre que a linguaxe neutra úsase unicamente para incluír a home e a mulleres, que todes significa todos e todas. Pero existe xente que nin é el nin é ela, e a esa xente nunca se identifica con ningún dos pronomes clásicos e non é xusto para esas persoas. Do mesmo modo un gran número de xente utiliza o “x” á hora de escribir, mais na lingua galega a palabra é impronunciable.

"A linguaxe neutra é complicada, sobre todo durante a fala. Intentamos que a xente a comece a utilizar e que aquela que non o faga polo menos non se burle"

Sergio: Ademais un dos motivos que máis se usan para debater o uso da linguaxe neutra é que ortograficamente está mal dito ou escrito pois a RAG non a acepta. Mais o que non logra comprender certa xente é que a RAG está ao noso servizo e non ao revés. É por iso que debemos comezar a utilizar, na medida do posible, a linguaxe neutra.

O termo LGTBI+...

Sergio: A nós, hai un tempo, non se nos ocorría pensar que as siglas LGTBI+ eran incorrectas, pero vas aprendendo sobre o tema e decátaste da falta de representatividade que teñen. Que existan dúas siglas para a homosexualidade e ningunha para a asexualidade é algo incomprensible! É verdade que non podes meter unha sigla para cada sexualidade que existe. É por iso que nos gusta utilizar ou o termo XSRDI (Xéneros, Sexualidades e Romanticismos Diversos e Intersexo) ou XODI (Xéneros e Orientacións Diversas e Intersexo), que son termos non invisibilizadores e que representan a toda a comunidade.

"Os adolescentes teñen moito potencial e débese chegar a eles para educalos en igualdade"

Teremos Queer Avengers durante moito máis tempo?

Sergio: Esperemos que si, por que non? Non obstante, como imos ir evolucionando non o sabe ninguén. É verdade que agora mesmo estamos nun momento de crecemento moi elevado, pero o noso pensamento é seguir educando e facendo vídeos.

Iria: A nós falar, dar charlas e educar gústanos moito. Tanto, porque os adolescentes teñen moito potencial e débese chegar a eles para educalos en igualdade.

Lenguaje Inclusivo | QUEER AVENGERS

© QueerAvengers

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.