Os afectados pola hepatite piden que o xuíz investigue á Xunta tamén por homicidio e non só por prevaricación

Os cargos investigados pola hepatite, chegando aos xulgados cos letrados da Xunta © CRTVG

A Plataforma de Afectados pola Hepatite C vén de presentar unha ampliación da súa denuncia ante xulgado de Santiago que investiga a demora da Xunta en proporcionarlles tratamento. O presidente da plataforma, Quique Costas, informou este mércores de que achegaron ao xuíz tres novos casos de afectados que non faleceron pero cuxo tratamento consideran que puido atrasarse por motivos económicos. Costas tamén reclamou que o xuíz non se limite a investigar o posible delito de prevaricación senón tamén o de homicidio, que a Fiscalía considera que tamén puido existir pero cuxa investigación o xuíz, segundo os afectados, estaría de momento a “bloquear”.

O xulgado que está investigando a altos cargos do Sergas polo tratamento dos afectados pola hepatite é o de Instrución número 3, á cuxa fronte está o xuíz Andrés Lago Louro. É o mesmo maxistrado que propuxo xulgar só ao maquinista como único responsable do accidente de Angrois e ao que a Audiencia Provincial da Coruña vén de obrigar a seguir investigando o caso. Tamén é o mesmo xuíz que vén de arquivar a investigación sobre as monxas indias supostamente retidas contra a súa vontade nun convento de Santiago. Segundo Costas, nas declaracións xa realizadas ante el dos investigados Félix Rubial, ex director de Asistencia Sanitaria, e Carolina Gómez-Criado, subdirectora xeral de Farmacia, o xuíz impediu que se lles formularan preguntas sobre o delito de homicidio. “Na práctica bloqueou pronunciarse sobre o delito de homicidio, pero tampouco pediu arquivalo, co que nós tampouco podemos recorrer”, di Costas. “Ou decides investigalo, ou arquivalo”, resume.

A plataforma vén de ampliar a súa denuncia con outros tres casos e reclama que o xulgado non desbote xa o segundo delito que tamén percibe a Fiscalía

A plataforma tamén presentou no xulgado outros tres novos casos de afectados pola hepatite que ao seu xuízo sufriron demoras nos seus tratamentos sen chegar a morrer. Segundo Costas, máis que por un intento de aforrar cartos, ese tratamentos demoráronse de finais dun ano a comezos do seguinte para “cadrar as contas”. Xunto con estes casos, a plataforma tamén solicita ao xulgado que tome declaración a outro cargo do Sergas, a directora de Procesos Asistenciais do hospital de Santiago sobre a que, segundo os afectados, os seus superiores descargaron a responsabilidade durante as súas declaracións xudiciais.

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, volveu insistir este mércores en que os altos cargos investigados “cumpriron os protocolos” pensando na saúde dos pacientes e amosou o seu convencemento de que a causa debe ser arquivada por completo.

Os cargos investigados pola hepatite, chegando aos xulgados cos letrados da Xunta © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.