Almuíña cre "un debate sen fundamento" as críticas ao peche de camas nos hospitais

Almuíña, durante a súa visita a Povisa © Povisa

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, vén de cualificar de "debate sen fundamento" as denuncias polo peche de camas durante o verán e que foi criticado por sindicatos e xuntas de persoal de diferentes hospitais galegos, onde se levaron a cabo concentracións. O Servizo Galego de Saúde (Sergas) pechará entre xullo e setembro máis de 930 camas en Galicia, unhas 90 menos que o ano pasado e 160 menos que hai dous pero máis do dobre por exemplo, que os peches que se daban en 2009. 

Almuíña cualifica de "debate sen fundamento" as denuncias polo peche de camas durante o verán

Preguntado polos xornalistas durante a súa presenza nunha xornada sobre drogodependencias, o conselleiro destacou que "hoxe en día a actividade hospitalaria, por petición dos propios pacientes, é cada vez máis ambulatoria". "Hoxe importa a actividade e os servizos que deamos aos cidadáns", engadiu Almuíña, tras advertir que "cada vez se fai máis cirurxía ambulatoria, diminuíndo a estadía media nos hospitais".

As vacacions do persoal, a diminución de pacientes e a maior actividade ambulatoria xustifican o peche de camas, segundo o conselleiro

Ademais, Almuíña incidiu en que no verán hai "unha diminución" do número de persoas que chegan aos hospitais ao non existir episodios de gripe durante o período estival. "E, loxicamente, temos que dar vacacións ao persoal", engadiu para volver aclarar que "non vai haer ningún problema con ningunha hospitalización". "Todo galego que precide hospitalización nun hospital de Galicia vai tela sen problema ningún", dixo. 

Desde os sindicatos e a oposición, a diagnose non é como a do conselleiro. Nin moito menos. Desde o BNG aseguran que este peche de camas provoca “unha maior dificultade ao acceso de prestacións sanitarias por parte da poboación galega, aumento das listas de espera, saturación dos servizos de urxencias  e aumento da  presión dos e das  profesionais sanitarias para reducir o número de ingresos e rebaixar as estancias hospitalarias”. Ademais, advirte dunha “maior derivacións de doentes a centros hospitalarios privados”.

Coinciden as centrais sindicais, como CCOO-Saúde, que advirte que a Xunta ten conta as plantas que en cada hospital quedan "pechadas, inutilizadas" pero non considera, por exemplo, que os quirófanos non van funcionar "a pleno rendemento", o que afectará á ocupación do 87 % das camas habilitadas segundo os datos da Consellería. 

Sindicatos e oposición advirten do aumento das listas de espera, da saturación de urxencias, das demoras para probas ou do aumento do desemprego

CIG-Saúde, pola súa banda, pregúntase "por que se activan as camas no caso dun desgrazado accidente (como ocorreu no caso de Angrois) pero non para asistencia normal se continuamos a ter urxencias colapsadas, demoras para probas e cirurxía e unhas elevadas listas de espera". E faino en referencia ao exemplo que pon o Sergas cando xustifica o peche de camas e advirte de que, no caso de urxencias coma foi ese sinistro, "actívanse camas e reorganízanse as vacacións". 

A central nacionalista destaca tamén que o peche de camas provoca un incremento do desemprego sanitario, xa que “o persoal fixo só dispón dun mes de vacacións e o resto do tempo dedícase a facer a cobertura do resto de persoal durante as súas vacacións”. E pregúntase se "todo aquel que acabou o seu período formativo vai ser contratado nun hospital público galego ou, como tantos, terá que buscar noutros sistemas sanitarios ou noutros países".

O aumento das listas de espera, recoñecido pola Xunta, logo do período de verán é outro dos motivos que poñen sobre a mesa os sindicatos para situarse en contra da medida. Para CCOO, o Sergas "camiña por unha ruta inversa á necesaria, recortando servizos e efectivos no verán, que é a mellor época do ano para reducir as listaxes de espera, xa que a menor incidencia de doenzas respiratorias posibilita que servizos como as urxencias non se colapsen". Insisten na necesidade de "aplicar un plan de choque estival contras as listaxes de espera que, en primeiro lugar, ha conducir a que todos os servizos sanitarios públicos funcionen a pleno rendemento".

Vázquez Almuíña tamén visitou este xoves as instalacións de Povisa, clínica privada coa que a Xunta mantén convenio. O conselleiro puido comprobar as obras do novo hospital de día e reuniuse coa dirección do hospital e con responsables dalgúns servizos do centro. 

Almuíña, durante a súa visita a Povisa © Povisa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.