As denuncias por violencia de xénero na mocidade crecen por terceiro ano consecutivo

Vítimas galegas de violencia de xénero menores de 25 anos Dominio Público Praza Pública

As vítimas de violencia de xénero menores de 25 anos con medidas cautelares ou orde de afastamento non deixan de crecer en Galicia. Dende o ano 2012 o seu número pasou das 152 ás 190, cun crecemento do 15% só no último ano, e achegándose aos datos de 2011 (202), máximo na estatítica que ofrece o INE a través dun acordo co Ministerio de Xustiza.

Isto sucede mentres que a cifra total de vítimas de violencia de xénero con denuncias incoadas se vai reducindo lixeiramente na nosa comunidade, pasando das 1.368 de 2011 ata as 1187 do 2015. Prodúcese un descenso claro na franxa de idade dos 25 aos 44 anos (de 831 a 669 en cinco anos), cifras estables entre os 45 e os 64 anos e un pequeno incremento -ao igual que na mocidade- entre as maiores de 65.

Esta tendencia negativa entre a mocidade tamén a atopamos nos datos globais para todo o Estado español. Entre 2014 e 2015 o número de denunciantes de menos de 18 anos creceu de 576 a 637; e entre os 25 e 44 anos pasou de 3.936 a 4.002. Con respecto ás cifras de 2012, o crecemento é mesmo maior nas menores de 18 (de 545 a 637), aínda que se produce un descenso na franxa de idade seguinte (de 4.474 a 4002).  

O tipo de relación que as vítimas galegas tiñan cos denunciados é diverso: en 332 ocasións tratábase do seu cónxuxe, en 73 do seu ex-marido, en 283 era a súa parella de feito, en 169 ex-parella de feito, 125 veces era o seu mozo e en 189 ocasións era o seu ex-mozo. 

O pasado ano houbo en Galicia un total de 996 condenados en sentenza firme por violencia de xénero e 196 persoas absoltas despois dunha denuncia. Estas sentenzas inclúen 569 delitos de lesións, 297 de ameazas, 154 de quebrantamento de condena, 108 de torturas, 81 de coaccións ou 6 de agresión sexual. Ditáronse 539 penas de prisión e 50 de localización permanente. Así mesmo, en 1.085 casos adoptouse a privación do dereito a ter armas, 1.125 prohibicións de achegarse á vítima, 1.042 prohibicións de comunicarse con ela, 460 inhabilitacións para emprego ou 795 traballos en beneficio da comunidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.